Absolta a exedil socialista de Urbanismo en Ourense acusada de prevaricación

A sentenza tamén falla a favor do técnico municipal coacusado "por non quedar acreditada a comisión do delito".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/01/2019 | Actualizada ás 18:01

Comparte esta noticia

O Xulgado do Penal 1 de Ourense absolveu á que foi edil de Urbanismo da cidade entre 2007 e 2015, Áurea Soto, acusada pola empresa Casas Ourense dun delito de prevaricación por conceder en 2011 a licenza de actividade e ocupación dunha residencia universitaria sen terse completado as obras de urbanización necesarias. Neste caso da residencia —aberta en 2001, pechada en agosto de 2014 e reaberta en xaneiro do ano pasado— tamén foi absolto o coacusado, o técnico municipal Benvido Fernández.

Áurea Soto, concelleira de urbanismo en Ourense
Áurea Soto, concelleira de urbanismo en Ourense | Fonte: Ourensedixital

O maxistrado, que considerou absolver a ambos os dous "por non quedar acreditada a proba do elemento subxectivo que a comisión do delito de prevaricación require", indica que non queda probado que a exedil encargase ao técnico a elaboración dun informe co fin de que as licenzas urbanísticas fosen concedidas nin que soubese que a súa proposta, en caso de ser aprobada pola Xunta de Goberno Local, suporía "unha patente contravención da normativa urbanística".

Así mesmo, rexeitou o suposto de que Áurea Soto retardase intencionadamente a incoación dos expedientes de reposición de legalidade urbanística e sinalou que a concesión das licenzas de ocupación e apertura non foi axustada á legalidade ao non terse realizado as obras de urbanización da contorna da residencia universitaria.

Con todo, o maxistrado do Xulgado do Penal 1 de Ourense apuntou na sentenza que "esa contravención da legalidade urbanística non pode levar a concluír que a conduta dos acusados sexa constitutiva dos graves delitos cuxa comisión lles imputa a acusación particular".

Ademais, considerou que os acusados "aplicaron un criterio discutible xuridicamente, pero que viña sendo utilizado polo Concello en supostos similares, aínda que de menor entidade". Iso foi xustificado polo xuíz pola "imposibilidade de realizar as obras de urbanización ás que se supeditou a concesión de licenza por causa non imputable", a "prestación de fianza, aval ou ingreso en metálico para garantir a súa realización" e o "cumprimento dos trámites e requisitos esixidos pola normativa de aplicación".

A exconcelleira socialista defendeu a súa inocencia no xuízo celebrado o pasado 20 de decembro de 2018. Na vista oral, asegurou que as licenzas de obra e ocupación as levaba o técnico coacusado e que os informes para a concesión eran "favorables" e negou exercer presión sobre algún técnico para a consecución do visto e prace nos documentos.

Así mesmo, Áurea Soto destacou na primeira das dúas sesións orais que non lle renxía" nada do que "estaba a pasar" e engadiu que tivo en conta os informes favorables do servizo e que o informe de Enxeñería en 2014 desvelaba que as vías de acceso dos vehículos de urxencia eran "suficientes".

O Ministerio Fiscal non viu delito nas actuacións de Áurea Soto e Bienvenido Fernández, polo que pediu ao comezo do xuízo a libre absolución para ambos. Mentres, a acusación solicitou unha pena dun ano de cárcere e inhabilitacións de cargo público para a exedil do Concello de Ourense e para o técnico. Contra o fallo cabe interpor recurso de apelación ante a Audiencia Provincial de Ourense.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta