A procesión dos caladiños

Os galegos defínense polo que din, non polo que fan.

Por Serafin Pazos | Bruxelas | 15/01/2019

Comparte esta noticia

Nadal 2018 de volta no país. O heroismo de xente coma Manuel Gago é capaz de mobilizar os recursos do poder para montar nada menos que unha macro exhibicion sobre Castelao no mesmo Panteón dos Galegos Ilustres. Última tecnoloxía de realidade virtual para ver e escoitar a Castelao pronunciar o Alba de Groria. Unha procesión dos galegos ilustres que o primeiro dos galegos cita no discurso mais senlleiro da nosa lingua. Os exemplos que o guieiro enumerou coma exemplos da insondable alma patria. Di o Castelao en 3D que naquel teatro de Bos Aires hai setenta anos a xente, centos de persoas di, ateigaba a platea escoitando enfervorizadamente a súa arenga. Non di o que fixeron logo. Seguramente marchar para a súa casa seguir coa sua vida, cota de patriotismo de centro galego cumprida.  Os galegos temos ese problema, o que dicimos e o que facemos rara vez coinciden. E as persoas, coma os pobos, defínense polo que fan, non polo que din.

Non só é que, como dicía aquel e foi o mellor de todos nós, “o galego non protesta, emigra”. Sendo certo, peor é que a maioría ainda por enriba quere facerse perdoar por non facer outra cousa que buscar solucións individuais a problemas colectivos. Mesmo na lista de elixidos do Alba de Groria (ao rematar a visita suxeríanche facer suxerencias de nomes adicionais) poucos hai que non fixeran o mesmo cos emigrantes de onte ou hoxe. Inés de Castro, o Conde de Gondomar, Sarmiento, Pardo Bazán, e tantos outros “ejercieron de gallegos”, coma moito a tempo parcial. O resto do tempo buscáronse a vida, coma os demais. Pero cantos descendentes de Risco, Pedrayo, Cunqueiro son galegofalantes? Cantos empregados da TVG lle falan galego aos seus fillos? Cantos mestres de galego ou militantes do BNG teñen fillos realmente galegofalantes?

O Xabarín Clube leva tres décadas petrificado no tempo, os vellos debuxos animados desgastados de tanto repetilos. A Radio Galega ten unha canle musical para a radiofórmula en español e inglés, nin sequera música comercial en portugués, visto que o galego debe dar noxo. A non ser que unha rapaza poña a súa potencial carreira profesional en xogo por atreverse a cantar en galego a autores galegos modernos nun concurso musical da televisión española. Quedou cuarta malia todo. Primeira ocasión de moitos mozos galegos descubrir que si existe música non folcórica en galego e que hai máis cultura galega ca iso que moito necio chama telegaita, coma se a dos sálvames e viceversos fosen mellor. Pero neste caso, coma antes con Andrés Dobarro, Xoán Pardo, Os Resentidos, Luar Na Lubre ou o OVNI setenteiro de Julio Iglesias cantándolle ao seu pai, o único mérito que vale é a validación desde fóra.   

Tamén en Santiago houbo outra exhibición del, esta máis coñecida. O mausoleo da Galicia autonómica, tamén chamada Cidade da Cultura, acolleu  a exposición Castelao Maxistral, excusa para amosar o que sen sorna algunha o xornal Clarín chamou un “cadro arxentino que desatou unha tempestade política en Galicia”. Polémica que axudou a que alomenos 25.000 persoas (1% da poboación real galega, agora que se acaba de confirmar que nin de dereito chegamos aos 2 700 000) foron ver a “Derradeira Lección do Mestre”. É de sospeitar que moitos foron non por ver o cadro porque representa a perda do futuro de Galicia só días despois de gañar a autonomía, senón por velo coma un cadro sobre a represión contra a república española.  

O máis recente ocupante da cadeira de Castelao, non contento con facer fintas dialécticas sobre os méritos artísticos desta obra segundo el apolítica, non se lle ocorre outra cousa que facer o discurso de Nadal diante del para falar de Andalucía e Catalunya. Mais o peor é que mesmo póndollo en bandexa a oposición e a sociedade civil non dixeron nada sobre a necesidade de repatriar todo o patrimonio galego esparexido polo mundo. Os inmensos salóns baleiros da Cidade da Cultura abondarían para acollelos.

Cecais o Gaiás non deixa de ser coma esas enormes casas baleiras once meses no ano que constrúen moitos emigrantes, algunhas de varios andares na ilusión que os fillos voltarán todos ao lugar de onde os pais marcharon, algúns deles entonando a soberbia do “Aí vos quedades, aí vos quedades, entre curas, frades e militares”.  Logo pasan os anos , chega a morriña e funden os aforros neses monumentos á vaidade individual. Alomenos os indianos construían escolas para nenos (futuros emigrantes). Agora non fai falta, afortunadamente, xa os Fondos Europeos se encargan de facer vías de alta velocidade para marchar máis rápido. Din os que quedan que en moitas aldeas, vilas medianas e mesmo capitais de provincia non hai nada. Como vai haber, se hai xente pero non sociedade. Prefírese o aluvión, ser masa apiñocado todo o ano en Barcelona ou Eibar polo ano e uns días de nadal ateigando o casco vello de Ourense.  O resto, monte.

Andas co teu fillo pola Rúa do Principe, zona cero do consumismo, nivel PIB media da UE,  ateigada de xentes que se matan por ver as luces do populismo. Triste analoxía, só hai un pai e un neno pequeno en toda a rúa falando galego. Ao igual que pasa en Bruxelas.
Subimos ao avión en Porto. Todos homes, portugueses de mediana idade e baixa estatura, cazadoras de coiro, cara de frío. Albaneis, fontaneiros. O novo lumpenproletariado voa con Ryanair. Todos emigrantes, maleta ou maletín máis ou menos precario somos a nova procesión dos caladiños. Unha xeración que segue o camiño de moitas outras antes ca nós. Santa Compaña de mortos viventes: traballar todo o ano no estranxeiro pra logo vivir de verdade un mes. Se hai sorte. O salouco das nais queda detrás das portas do fogar. O que marcha leva nos beizos a canción de Pedro Abrunhosa « Para Os Braços da Minha Mãe »  e botará meses cantando pra dentro « Adeus que me vou embora » de  António Variações. Probablemente dous dos mellores hinos a emigración e que hai que ser galego ou portugués para entender realmente. Nos tamén tiñamos cancións desas.  Aínda que as nosas eran cantareiras coma as que Ana Kiro levaba pola galeguidade esparexida por Alemaña e Bélxica. Cantar e rir por non chorar, coma se non pasara nada. Xa non temos desas cousas, somos moi modernos e non emigramos, desprazámonos. Ou iso queremos dicir. E a diferencia dos portugueses nós cada vez temos menos país ao que voltar.  

Tras deixar as ribeiras do Douro logo se cruza o Limia e o Miño. Panorama uniforme verde escuro de campos, marrón de montes e branco das rocha nai onde o lume xa levou toda a terra. Dunha soa ollada a través da fiestra pódese ver ao mesmo tempo a Torre de Hércules, a praia da Lanzada, o Estadio de San Lázaro ou as minas de Meirama. O noso pequeno e inmenso país.

Castelao durante un mítin
Castelao durante un mítin

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA