Investigadoras de Galicia, Reino Unido e Canadá reconstrúen a dieta das clases populares no Al-Andalus medieval

As científicas analizaron restos datados entre os séculos IX e XIII.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 22/11/2018 | Actualizada ás 17:10

Comparte esta noticia

As investigadoras Olalla López-Costas, do grupo Ciencia do Sistema Terra da Universidade de Santiago de Compostela (ES2-USC), Sarah Inskip, da Universidade de Cambridge, e Andrea Waters-Rist e Gina Carroll, das Universidades canadense de Calgary e Western Ontario, acaban de publicar un artigo no que reconstrúen a dieta do Al-Andalus.

Al-Andalus.
Al-Andalus.

O obxectivo da investigación foi entender os cambios sociais e culturais que introduciu o Islam no sur da Península a través do que comían diariamente os seus poboadores. A partir do estudo de esqueletos humanos e animais da necrópole de Écija en Sevilla as investigadoras puideron determinar como sería a alimentación desta poboación neste período. Concretamente os restos están datados entre os séculos IX e XIII e corresponderíanse a persoas de clases populares.

Entre as conclusións do artigo destaca que "en época Medieval, non existe un tipo de dieta diferenciada entre a sociedade cristiá ou a islámica, salvo determinados produtos concretos. A alimentación nesta época parece moito máis conectada cos recursos locais que coa relixión", asegura a investigadora  Olalla López-Costas, unha das principais especialistas en paleodieta.

Precisamente as súas investigacións permitiron que Galicia sexa un dos territorios que máis avanzou no estudo da dieta básica dos nosos antepasados a través da análise de isótopos estables de diversas partes do óso e dente. Esta técnica foi usada en varios estudos en Galicia pero en "Andalucía queda moito por facer", explican as investigadoras.

Este traballo confirma por primeira vez o consumo de cana de azucre en Al-Andalus, en base ao estudo dos esqueletos, produto traído á Península como parte da expansión árabe. Nestes primeiros anos a cana de azucre cultivábase de forma familiar e era consumida dentro deste ámbito, polo menos entre os nenos/as, lonxe da exportación masiva de anos posteriores. A cana de azucre, un alto consumo de vexetais e pequenas cantidades de leite e carne, fundamentalmente bovino e caprino aínda que non debe descartarse o porco, compoñían a dieta dos habitantes de Astiya, tal e como se coñecía a Écija naqueles momentos.

Como explican as investigadoras, tratábase dunha pequena poboación que se caracterizaba neste período pola súa multiculturalidade, xa que convivían musulmáns, mozárabes e xudeus baixo un importante sinal islámico que condicionaba a súa economía, cultura e sociedade. O estudo recolle, ademais, que adultos e cativos alimentábanse dos mesmos produtos, sen diferenciación por sexo ou idade.

Con todo, ao contrario que as poboacións coetáneas do norte peninsular, o estudo recolle que non consumían pescado habitualmente, como tampouco paínzo, que si aparece nos grupos estudados no norte da Península. O que si está presente nos restos óseos analizados son signos que denotan a alta aridez e salinidade a beiras do río  Genil e en Écija mesmo, con presenza de lagos salgados na contorna.

O artigo forma parte dun número especial da revista Archaeological and Anthropological Sciences centrado na alimentación da Península Ibérica ao longo do tempo e nace dunha colaboración internacional de varios grupos que traballaron sobre a necrópole medieval de Écija grazas ao apoio do Museo Municipal desta localidade, informa a USC.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta