En Marea aposta por alianzas para as europeas que respecten a súa "plena soberanía"

A súa dirección propón celebrar as votacións para renovar o Consello do 1 ao 3 de decembro e pechar o censo electoral o día do plenario, 27 de outubro.

Por E.P. | Compostela | 16/10/2018 | Actualizada ás 15:12

Comparte esta noticia

A dirección de En Marea aposta por establecer alianzas para concorrer ás eleccións europeas do próximo mes de maio a condición de que se respecte a súa "plena soberanía" como organización e que os seus representantes na candidatura o fagan unicamente en nome de En Marea.

Plenario En Marea. EN MAREA - Archivo
Plenario En Marea. EN MAREA - Archivo | Fonte: Europa Press

Así o recolle a proposta do Consello das Mareas, máximo órgano de dirección do partido instrumental entre plenarios, que será sometida a opinión dos inscritos no conclave que En Marea celebrará o próximo 27 de outubro na Facultade de Económicas de Santiago.

Os documentos aprobados a pasada semana polo Consello foron remitidos o sábado aos máis de 3.000 inscritos cos que conta a organización, que terán até o día 21 para presentar emendas ás proposicións da dirección.

Nestes documentos, aos que tivo acceso Europa Press, abórdase, ademais do regulamento do propio plenario, a estratexia a seguir por En Marea no panorama político estatal, a maneira de presentarse ás eleccións europeas e as normas do proceso interno polo que o partido instrumental renovará os seus órganos de dirección.

ELECCIÓNS EUROPEAS

En canto á proposta da dirección para concorrer ás eleccións europeas do próximo 26 de maio, o Consello aposta "preferentemente" por establecer alianzas con outras forzas políticas que compartan principios políticos e programáticos. No entanto, abre a porta a presentarse en solitario en caso de non lograrse unha "coincidencia ampla de estratexia política" para configurar candidatura de unidade.

Así, avanza que levarán a cabo contactos ou "prospeccións" para testar a posibilidade de alcanzar unha "gran alianza" pero que serán os inscritos de En Marea quen teñan a "última palabra" sobre como concorrer ao proceso electoral, que será decidido a través dunha consulta telemática entre as bases.

Deste xeito, á hora de realizar pactos, o documento marca como liña vermella o recoñecemento do dereito de autodeterminación dos pobos e o carácter de Galicia como nación. E isto, segundo a dirección, implica que a papeleta electoral en Galicia debe ser "diferenciada" da do resto do Estado e que as persoas que vaian na lista "representen unicamente ao espazo de En Marea" e, por tanto, non figuren en nome de "algunha das partes" que conforman a confluencia --EU, Anova, Podemos ou as mareas municipalistas--.

Ademais, expón que se explore a posibilidade de establecer unha "alianza confederal, máis aló de Unidos Podemos" con organizacións "similares" a En Marea en conxunto do Estado español para, deste xeito, levar a cabo "un modelo de Europa común".

CALENDARIO ELECTORAL

De recibir o visto e prace dos inscritos nos termos que propón o Consello, estas eleccións internas desenvolveríanse entre o 27 de novembro co arranque da campaña e as 09,00 horas do luns 3 de decembro, día no que se pecharían as votacións iniciadas 48 horas antes.

Unha vez aprobado o regulamento das primarias --ao longo do plenario do día 27-- clausuraríase o censo para poder participar nelas e emitir voto. O prazo para presentar candidaturas sería do 20 ao 23 de novembro e a proclamación definitiva de listas, unha vez pasado o período de corrección, produciríase o luns 26.

Así as cousas, a dirección de En Marea expón que os sábados 8 ou 15 de decembro se celebre a constitución do novo Consello das Mareas que, á súa vez, elixirá os membros da Coordinadora Nacional (equivalente á executiva nun partido clásico). Para este órgano non poderán ser elixidas persoas que ostenten cargos en equipos directivos doutras organizacións, que si terán permitido presentarse ao Consello.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 7 comentarios

4 Gamela

A ver se o entendo, Mario López Rico non vai poder sentar o cú na Coordinadora Nacional de EnMarea ? (o xa demetiu dos cargos que tiña en Cerna?) // Semella que van chegar antes a un pacto con EHBildu que con PodemosGalicia! Está ben o conto, iso debe ser o que algúns entenden por "mudar o suxeito político" (?) Para esta viaxe podían volver todos a pedir o carné do BNG e lamberlle o cú a PacoRodriguez o resto das súas vidas !!! Amén !

3 unmais

Tomannos por parvos, nen sequera foron capaces de ter grupo proprio no Congreso e agora veñen con contos

1 comunista independentista

Non é que non foran capaces, é que non lles deixaron (que non é o mesmo) aliándose PP, Cs e PSOE, cando EM cumpría todos os requisitos: 6 deputadas, 400 mil votos... Pero.sempre é máis doado mentir e culpabilizar á vítima.

2 Xanc

Son as mesmas premisas de sempre, moito bla bla bla... E ao final pactan co Podemos-Izquierda Unida que exclúe a Galicia coma nación e nos comparan con La Rioja ou Murcia: regiones de España. Pactan con Podemos e tragan o que sexa, con tal dos postiños. Logo, desde eses postiños, están 4 anos calados sen iniciativas para Galicia pero chupando os 5.000€ ao mes

1 xacobe

podemos e eu non recoñecen o dereito de autodeterminación dos pobos, e a Galiza como nación: nin o van recoñecer. Máis tragades con eles.

1 O que queda do BNG

Podemos e EU recoñecen o dereito de autodeterminación dos pobos e a Galiza como Nación. Pero, oes, vós seguide autoenganándovos e intentando enganar o pobo galego, que así vos vai moi ben en Rodríguez de Viguri.

2 xacobe

en marea non deixa de ser unha coalición de tres partidos disfrazada de partido instrumental. Que non é soberano polo feito de que dous dos partidos obedecen como sucursais e o terceiro fai de palmeiro