O cantor de silencios

Unhas pequenas coincidencias ou sincronicidades anímanme a escribir un artigo sobre un artista que admiro, un home moi criticado, talvez por motivos tan puros como a envexa e os celos. Este home é posiblemente o español vivo máis famoso no mundo.

Por Ramón Torrado | Ribeira | 14/10/2018

Comparte esta noticia

As coincidencias que sucederon neste mes de outubro de 2018 son moi sinxelas. Primeiro, o feito de encontrar un oco para aparcar o sábado 6, nun Toledo ateigado de visitantes, na rúa Illescas. Nesa poboación casou Julio José Iglesias de la Cueva con María Isabel Preysler Arratia o 29 de xaneiro de 1971. A segunda coincidencia foi cando pasei - indo á verbena de Vilaxoán nas aforas de Vilagarcía – cerca dun edificio abandonado nesa estrada que vai a Cambados. Esa casa baixa e escura foi nun tempo o afamado restaurante Chocolate do cal era cliente Julio Iglesias. Tamén din que el actuou na miña zona de Barbanza, en concreto na desaparecida sala Os Pasales de Noia. Destas ruínas xorde unha figura mítica, un heroe da música popular.

Por certo que, falando de Cambados, se algún lector o desexa, pode ver en YouTube a miña crónica do seu concerto na Praza de Fefiñáns no vídeo tituladoJulio Iglesias en Cambados 2012”.

O número 1. Digo “heroe” porque Julio Iglesias é o artista de fala hispana con máis logros. As cifras cantan: 350 millóns de discos vendidos, 80 álbums en 14 idiomas, máis de 5000 concertos e todo tipo de premios e honores.

Biografías, autobiografía e bibliografía. Na vida persoal, tamén bateu récords Julio Iglesias. Convertido nun Casanova ou Don Juan de libro, tivo centos de beldades como amantes, para pasmo e envexa dos comúns mortais. Con tanto amor e éxitos, diríase que a felicidade sería o seu máximo triunfo. Porén, hai un fío tráxico na súa vida, que corre dende o accidente de tráfico que cortou brutalmente as súas ambicións futbolísticas e o secuestro do seu pai, un  doutor nacido en Ourense chamado Julio Iglesias Puga que faleceu en 2005 - a súa nai, María del Rosario de la Cueva y Perignat, faleceu no 2002 – ata o divorcio de Isabel e a desafortunada relación que teñen el e o seu fillo Enrique. A historia da vida de Julio Iglesias é fascinante, polo cal sorprende moito que na Wikipedia soamente aparezan dúas biografías – Steve Gett, 1985, en inglés, e Andrés López Martínez, 2003 – e unha pouco coñecida autobiografía do ano 1981. É moi exigua bibliografía en libros para unha estrela desta magnitude.

As colaboracións. Tamén sorprenden as escasas entrevistas que brillan coma lóstregos nos medios de comunicación. Nelas, ademais de demostrar ter bo gusto (declarou para El País que os seus grupos favoritos dos 80 son The Police e U2), Julio Iglesias adoita afirmar con humildade que non ten unha boa voz. Non é certo. A súa voz ten unha forza especial, un carisma de tenrura cuns toques como de mimos que tocan as defensas do corazón. Igual é ese o motivo polo cal aceptaron facer dúos con el en disco ou en directo numerosos astros da canción: Stevie Wonder, Diana Ross, Willie Nelson, Sting, Plácido Domingo, o Puma, Nana Mouskouri, Rocío Dúrcal, Dolly Parton, Roberto Carlos, Jeane Manson, Frank Sinatra e Charles Aznavour, entre outros.

Un canto a Galicia. A miña nai Concha conta que, traballando nas factorías de roupa en New Jersey xunto con mulleres españolas, portuguesas e italianas, todas elas quedaban moi contentas e cantaban xuntas cando soaba algunha canción de Julio Iglesias na radio que se escoitaba mentres cosían. En efecto, Julio Iglesias foi un amigo da emigración, e en especial dos emigrantes galegos, a través de “Morriñas” e do polémico himno titulado “Un canto a Galicia”. Polémico porque algúns pensan que foi oportunismo e por ter algúns erros que poden responder a unha forma de hiperenxebrismo, como “pae”, “nae” e “chorare”. A canta xente lles puxo os pelos de punta a intención desta canción? Nótase un sabor a Andrés do Barro en “teño morriña, teño saudade”.

Os mellores temas. Cada persoa, segundo os seus propios patróns, recordos e coñecementos, elixirá as súas pezas favoritas dentro da extensa discografía de Julio Iglesias. Hai que ter en conta que Julio tivo o apoio ó longo da súa carreira de músicos excelentes - como o baixista Vicente Tarazona e o pianista e creador de arranxos Rafael Ferro – e de compositores de primeira magnitude, como o Dúo Dinámico e como Manuel Alejandro, responsable do mellor disco, “Un hombre solo”, que obtivo un premio Grammy.

O cantante Julio Iglesias
O cantante Julio Iglesias | Fonte: miamis.com

Din que para que un grupo ou artista sexa verdadeiramente grande, deberá ter dez temas excelentes que sigan vivos na memoria. Julio Iglesias triunfou con moitos máis, pero tendo que escoller trinta, eu faría esta lista:

1. Quijote
2. Que no se rompa la noche
3. Con la misma piedra
4. Ni te tengo ni te olvido
5. Bamboleo/Caballo viejo
6. Abrázame
7. Pobre diablo
8. El amor
9. Nathalie
10. Morriñas
11. Todo el amor que te hace falta
12. Wo bist du?
13. Où est passée ma bohème?
14. Vuela alto
15. La carretera
16. Que nadie sepa mi sufrir
17. La flor de la canela
18. Tres palabras
19. Volver a empezar (Begin the Beguine)
20. Moliendo café
21. Intentando otra vez enamorarte
22. Por un poco de tu amor
23. Júrame
24. My Love
25. Baila, morena
26. La cumparsita
27. La gota fría
28. Hey!
29. Me olvidé de vivir
30. La nave del olvido


Supervielle e o silencio. É verdade que moitos dos éxitos de Julio Iglesias son adaptacións das  composicións famosas que en inglés chaman “standards”, pero el tamén é compositor. Tomando como paradigmática do seu estilo a “Quijote”, vemos que foi composta polos dinámicos Ramón Arcusa e Manuel De La Calva, por Giovanni Belfiore e polo propio Julio. Todo nela semella feito á medida e pintado con paradoxos: o cantante é “capitán de un velero que no tiene mar” (como Chanquete!), e “vagabundo que no vive en paz” (como Chaplin!).

Mais, quen é este home que afirma vir “de un país que está más allá”, que noutros temas lembra a Bryan Ferry (“no acierto a ver el camino”/”which way to turn”). Quen é este home amado por mil mulleres e admirado por millóns que publica un disco titulado “Un hombre solo” (So Lonely)? Quen é este home, un dos máis destacados e millonarios do mundo, que se chama a si mesmo “Pobre diablo”? Quen é este home que no inaudito vídeo de “C’est ma vie” fai que a belísima Jeane Manson se funda con el en ardentes miradas e sensualidade?

Un dos mellores poetas do século vinte, o franco-uruguaio Jules Supervielle, escribiu con palabras esplendorosas que moitos dos momentos máis transcendentes da vida – e en especial os amorosos – suceden no silencio. A discografía de Julio Iglesias pode ser considerada como un equipamento de primeiros auxilios para corazóns feridos e un tratado sobre o amor romántico, contado por un elegante heroe byroniano e enigmático (“tantas veces yo soñé que soñaba tu querer”, os xestos coas mans) que nas letras de “Quijote” descubre a súa misteriosa e secreta condición: cantor de silencios.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Ramón torrado Ramón Torrado Romero (Araño-Rianxo, 1966). Educado en Galicia, no País Vasco e nos Estados Unidos. Licenciado en Filoloxía Inglesa na USC, é profesor de instituto. Investigador rosaliano. Foi colaborador en Certo, xornal dixital de Barbanza. Ten escritas catro novelas, un libro de relatos e outro de viaxes, entre elas, Rebeca no val das sombras ardentes (Toxosoutos, 2018) e "Torino" (Axóuxere, 2021), a súa última obra publicada.