O incendio de Mondariz custou máis de 100.000 euros e 350 persoas mobilizadas

O conselleiro de Medio Rural declarou que todo apunta á intencionalidade detrás do lume e que foi necesario declarar o nivel 2 pola proximidade ás casas.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/10/2018 | Actualizada ás 18:59

Comparte esta noticia

Así o espuxo o conselleiro de Medio Rural, José González, na súa visita á zona afectada e da que informa o departamento nun comunicado, no que pon de manifesto a gravidade do incendio tendo en conta, ademais, que "todo indica que o lume foi intencionado e que foi preciso declarar a Situación 2 pola súa proximidade a núcleos de poboación".

Conselleiro do Medio Rural, José González. XUNTA DE GALICIA
Conselleiro do Medio Rural, José González. XUNTA DE GALICIA | Fonte: Europa Press

Por este motivo, sinalou que é necesario intensificar as tarefas de investigación do sucedido, para pór a disposición xudicial ao responsable ou responsables do incendio, e reclamou "tolerancia cero" cos incendiarios.

A Consellería do Medio Rural sinalou que no incendio se movilizaron un total de 363 persoas entre efectivos do Servizo de prevención e defensa contra os incendios forestais e persoal de emerxencias --axentes de policía autonómica, bombeiros comarcais, voluntarios de protección civil, etc.--. O lume calcinou un total de 159 hectáreas.

José González puxo en valor o traballo dos profesionais que participaron no operativo. Neste sentido, apuntou que a alerta do lume chegou dun punto de vixilancia da Consellería e que, tan só 13 minutos despois do aviso, os medios xa estaban a actuar na zona, incluído un helicóptero coa súa correspondente brigada. Indicou que, ademais, só no primeiro día da actuación os helicópteros mobilizados realizaron até 88 descargas en tan só hora e media (o lume comezou ás 18,17 horas e tiveron que retirarse co ocaso), o que supuxo un volume de máis de 111.000 litros de auga.

MEDIOS HUMANOS E MATERIAIS

En conxunto, na extinción do incendio participaron 3 técnicos, 20 axentes, 47 brigadas terrestres e 10 helitransportadas. Os medios materiais mobilizados foron 33 motobombas, 5 pas, 1 tractor, 10 helicópteros e 2 avións, ademais de instalar un posto de mando avanzado na zona.

O lume afectou a 159 hectáreas, das que 89 son de monte raso e 70 de arboledo, sendo preciso declarar a Situación 2 pola súa proximidade a núcleos habitados. Mesmo se desaloxaron uns 60 veciños, que foron levados á igrexa parroquial de Gargamala. Nesta visita, o conselleiro informou ademais de que Mondariz foi un dos concellos nos que máis repeticións de lumes houbo este mes de outubro (até seis incendios en sete días). De feito, apunta, durante a extinción deste lume, e cando xa estaba decretada a Situación 2, rexistrábase un novo incendio na parroquia de Riofrío, que quedou en conato grazas á rápida intervención do dispositivo de extinción.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta