Acto de protesta para reivindicar o auténtico significado da obra de Castelao fronte o revisionismo de Feijóo

Un acto protagonizado polo debuxante Kiko da Silva no Museo de Pontevedra serve para dignificar 'A derradeira leición do mestre' fronte a interpretación que fixo o presidente da Xunta do cadro.

Por E.P. | PONTEVEDRA | 05/10/2018 | Actualizada ás 17:45

Comparte esta noticia

"Bóveda non era mestre. Foi o mestre de Castelao", lembrou o ilustrador Kiko da Silva este venres ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo no transcurso dun acto cidadán de protesta que tivo lugar no Museo de Pontevedra para reivindicar o "verdadeiro significado" do cadro de Castelao 'A derradeira leición do mestre' (1945). Da Silva estivo arroupado por diferentes representantes do mundo da cultura, ademais de políticos como a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, o deputado socialista Guillermo Meijón ou o parlamentario do BNG, Luís Bará.

Kiko da Silva reproduciu no Salón Castelao do Museo de Pontevedra ‘A derradeira leición do mestre’
Kiko da Silva reproduciu no Salón Castelao do Museo de Pontevedra ‘A derradeira leición do mestre’ | Fonte: Deputación de Pontevedra.

Na Sala Castelao do Museo de Pontevedra, fronte ao debuxo previo orixinal, e mentres a poetisa Tamara Andrés daba lectura a un poema de Celso Emilio Ferreiro, Kiko da Silva tomou os seus pinceis e fixo unha versión en directo desta obra de Castelao para lembrar que "quen está aí é Alexandre Bóveda" e o cadro é unha homenaxe aos mestres asasinados pola represión franquista.

"Bóveda non era mestre. Foi o mestre de Castelao, pero non era a súa profesión", dixo en resposta ao controvertido discurso de Núñez Feijóo sobre o cadro no que evitou facer referencias expresas ao fascismo, ao significado desta obra e a Alexandre Bóveda.

Kiko da Silva destacou que a obra fala da Galicia que sufriu no ano 1936 e da xente que fixo posible que hoxe en día se conte cun estatuto de autonomía, ademais de cultura e lingua propia.

O ilustrador pontevedrés sinalou que non se debe tentar "manipular" o significado deste traballo. "Castelao é de todos", afirmou ante máis de cincuenta persoas que se deron cita neste acto na Sala Castelao do Museo. "Isto é cultura, historia e Galiza", sinalou asegurando que a obra de Castelao naceu nun momento sentimental no que mostraba a súa impotencia ao enfrontarse a unha realidade moi crúa.

Da Silva criticaba, ademais, que haxa cousas nesta realidade galega de Castelao que é mellor "maquillar" no século XXI en referencia ao presidente do Goberno galego ao que lle lembrou que Castelao e Alexandre Bóveda quixeron que perdurase a "galeguidade".

Ademais quixo destacar a figura de Alexandre Bóveda sentenciando que se non fose fusilado polos falanxistas, hoxe estarían na fala da xente os políticos. "Como morreu asasinado é agochado. Paréceme unha vergoña que políticos que lle poñen flores cando teñen unha obra diante falen coma se nunca existise". Finalmente, entre aplausos, indicou que "Bóveda está vivo en todos nós".

REACCIÓNS POLÍTICAS

O parlamentario do BNG, Luís Bará explicou que a súa formación non asistiu á inauguración da exposición de Castelao "pola censura e manipulación" de Núñez Feijóo. "Coa mesma bala matou a dignidade de Bóveda e a obra de Castelao", dixo o deputado nacionalista.

Bará, que participou no acto de protesta de Kiko da Silva, anunciou que, para responder "a ocultación e a mentira", o BNG realizará unha campaña de difusión da obra de Castelao por toda Galicia e levará ao Parlamento o debate sobre as xestións necesarias para que quede no país.

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva expresou o seu "profundo enfado" co presidente da Xunta "por ocultar o significado dunha pintura de tanta importancia".

Carmela Silva xustificou a súa participación neste acto de protesta sinalando que "un pobo que tenta ocultar a súa memoria é un pobo indigno".

O portavoz do grupo provincial do Partido Popular, Ángel Moldes, lamentou que o goberno da Deputación de Pontevedra (PSOE-BNG) "converta tamén o Museo de Pontevedra nunha plataforma de confrontación política".

Para os populares, "o grao de confrontación política de Carmela Silva xa non ten límites".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta