GC Aberto

Interese xeral e propiedade intelectual

A maioría coincidiremos en que os produtos culturais posúen unha natureza singular e diferente dos artigos consumidos para satisfacer necesidades básicas. Non son imprescindíbeis para vivir, pero si para coñecer como son as cousas e para gozar da vida, opcións das que ninguén debe estar privado. Por esta razón asumimos que as obras dos autores son de interese xeral, e que nalgún momento o acceso ao seu contido ten que ser libre.

Por xabier (http://www.vila-coia.com) | GC ABERTO | 02/10/2018

Comparte esta noticia

As leis de propiedade intelectual dos países da Unión Europea están a sufrir importantes cambios no último lustro, orientados cara a dous obxectivos: conseguir unha maior transparencia e  liberalizar (no fondo outorgar máis poder) as entidades de xestión colectiva de dereitos de propiedade intelectual; e evitar a vulneración destes dereitos na internet. Porén, hai un aspecto fundamental que parece indiscutible: a caducidade dos dereitos patrimoniais transcorridos certos anos (en España, setenta) da morte do autor.

Libro suxeito a propiedade intelectual
Libro suxeito a propiedade intelectual

A maioría coincidiremos en que os produtos culturais posúen unha natureza singular e diferente dos artigos consumidos para satisfacer necesidades básicas. Non son imprescindíbeis para vivir, pero si para coñecer como son as cousas e para gozar da vida, opcións das que ninguén debe estar privado. Por esta razón asumimos que as obras dos autores son de interese xeral, e que nalgún momento o acceso ao seu contido ten que ser libre.

En aplicación da vixente Lei de Propiedade Intelectual, en 2017 prescribiron os dereitos de autor de escritores tan relevantes como García Lorca, Valle-Inclán e  Unamuno. Ese ano publiquei dous artigos en prensa sobre o tema. Neles argumentaba que os poetas, ensaístas, novelistas, músicos, etcétera, empregan durante a súa vida unha parte moi importante do seu traballo, e mesmo do seu  peculio, a producir obra; en lugar, a gran maioría, de dedicarse a actividades que lle serían máis lucrativas. Por iso é unha manifesta inxustiza que transcorridos setenta anos da morte do creador estes dereitos decaian, sobre todo se consideramos que non é excepcional que bastantes triunfen, e as súas producións comecen a venderse, décadas despois da súa desaparición.

Como alternativa a este sistema  decimonónico propuxen a súa adaptación ás sociedades de libre mercado —nas que, para ben e para mal, as nosas vivencias teñen lugar—, equiparando a vixencia dos dereitos de propiedade intelectual á de calquera outra propiedade herdada; isto é, convertela en  imprescritíbel.  Ou na súa falta, dado que a caducidade destes dereitos é equiparable a unha expropiación, que o Estado indemnizase aos herdeiros, tal e como ocorre cos demais bens quitados forzosamente aos seus lexítimos donos en nome do interese xeral.

Alégase en contra da indemnización expropiadora que os Estados non poden incrementar o seu déficit asumindo gastos «innecesarios». Así debe ser, aínda que tampouco han de ter ingresos improcedentes. Para  evitar estes inconvenientes, velaquí a solución que expoño:

Imaxinemos que un editor decide publicar unha selección de obras de Valle-Inclán (cuxos dereitos de autor decaeron, como dixen, en 2017). Imprime oito mil exemplares cun prezo de venda ao público —sen incluír impostos— de vinte euros; aínda que tan só vende cinco mil. O importe total das vendas sería de 100.000 euros. O imposto sobre o valor engadido (IVE) dos libros é na actualidade do catro por cento, o cal suporía un ingreso para as arcas estatais de 4.000 euros.

Neste negocio gañarían todos os participantes: a empresa papeleira, a empresa que fabrica as tintas, a empresa de impresión, a empresa editora, a empresa distribuidora, o empresario libreiro, o lector (quen grazas a estas empresas ten á súa disposición a obra en soporte papel, ben maquetada e encadernada; obviamente, pagando o produto); e o Estado (polos ingresos vía IVE). Para os herdeiros do escritor, por lei, cero dividendos.

¿Ven vostedes a solución? ¡É ben sinxela!: manteñamos os dereitos patrimoniais de autor até as sete décadas do seu falecemento; a partir de aí as súas producións pasarán ao dominio público, pero os seus  legatarios —en lugar dos entes estatais ou  supraestatais— reterán por tempo ilimitado a potestade de beneficiarse da integridade dos impostos indirectos que a venda das obras do seu antepasado xeren. Por suposto, poderán allear os devanditos dereitos, ben a persoas físicas, xurídicas ou ao propio Estado, como ocorre con calquera outra propiedade que se recibe en herdanza.

¡Modifíquense as leis neste sentido!

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta