O fútbol gaélico, unha nova canteira de mulleres deportistas empoderadas

As dificultades coas que se atopan no camiño as mulleres que se dedican ao deporte non son poucas. Agora o fútbol gaélico está de moda e cada vez son máis as que se mergullan neste mundo. Ánxela Estévez, Carme Reboreda e Laura Paz, xogadoras da Selección Feminina recén galardoada en Lorient, contan ao GC a filosofía do deporte o papel da muller dentro del.

Por Uxía Iglesias | Santiago de Compostela | 03/09/2018 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Di o noso himno que Galicia é a nación e o fogar de Breogán, ese rei celta que, segundo contan as tradicións irlandesas, gobernou Galicia e construíu a cidade de Brigantia, onde elevou unha alta torre para divisar a costa de Irlanda. Hai quen chega a dicir del que é o pai mitolóxico do noso pobo. Máis alá da dominación romana, hoxe en día a cultura castrense segue sendo protagonista das nosas vidas: os castros, os menires, a simboloxía en pedra... espállanse ao longo da xeografía galega. Será por iso que o fútbol gaélico, unha modalidade nada en Irlanda e moi achegada a toda esta tradicion, arraigou tan ben nos clubes de aquí.

A Selección Galega feminina de Fútbol Gaélico, campioa de Europa en Lorient
A Selección Galega feminina de Fútbol Gaélico, campioa de Europa en Lorient | Fonte: Selección Galega.

Pódese dicir que chegou para quedar. Aínda que leva xa uns cantos anos rondando polos nosos pobos e cidades, dende que a Selección Feminina gañou o Campionato de Europa no Festival de Lorient o pasado mes, o fútbol gaélico galego vive o seu momento de maior esplendor. "No resto do Estado este deporte non ten nin de lonxe o desenvolvemento que ten aquí: nós ata formamos unha liga propia. E a nivel internacional Galicia xa ten un nome", relata orgullosa Laura Paz, unha das xogadoras.

E non é para menos. Chegaron a onde están non sen dificultades. Ata hai relativamente pouco o deporte considerábase pouco adecuado bioloxicamente para a muller, así que partindo desa base, sempre se entendeu como algo que non lle correspondía. Os tempos van mudando, mais as deportistas, hoxe en día, aínda teñen moitas barreiras que saltar. Ánxela Estévez, do Estrela Vermella da Coruña; Carme Reboreda, do Pontevedra; e Laura Paz, do Fillas de Breogán, saben ben do que falan. 

A FILOSOFÍA DO DEPORTE

Todo comezou cando Wenceslao García, ‘Wences’, fundou na cidade herculina o club Fillos de Breogán alá polo 2010. Dende aquelas, cada vez foron máis e máis as que se animaron a probar este deporte, curioso e descoñecido. Aínda que queda por diante moito traballo de divulgación, o fútbol gaélico está no bo camiño. Quizais a clave do seu éxito, ademais da filosofía celta que o rodea, sexa o diferente e novidoso que é: "moita xente cansa de facer sempre o mesmo e isto é algo chamativo", pensa Ánxela. Mestura disciplinas e técnicas moi dispares: empréganse mans, pés, hai que ser rápidas, ter bo ollo... "É un xogo moi completo, e ademais, é relativamente fácil incorporarse a el se vés doutros deportes", comenta Laura.

A Selección Galega feminina de Fútbol Gaélico, campioa de Europa en Lorient
A Selección Galega feminina de Fútbol Gaélico, campioa de Europa en Lorient | Fonte: Selección Galega.

Diferente, divertido, amateur e con "moi bo rollo". No fútbol gaélico o xogo non remata no campo, senón que vai alén das súas fronteiras. Explica Laura que cando rematan os partidos, o equipo local adoita convidar ao equipo visitante a tomar uns pinchos e unhas cañas, é o que se coñece como "terceiro tempo". Así pois, o deporte cumpre un factor social e de convivencia moi importante. "O respecto ao árbitro e ao equipo contrincante é unha norma fundamental, niso queriamos parecernos ao rugby. Desexabamos quitar os valores que xa ten inculcados o fútbol tradicional - onde non hai respecto e hai moito 'teatrillo' - para facer do gaélico un deporte máis inclusivo, onde primara o compañeirismo e o afán de equipo", pensa Carme.

Grazas ao gaélico, Ánxela comenta que ten "pequenos amigos por todos os sitios". E destaca del, ademais, o feito de que "xogas onde naces ou ficas, de maneira que chegas a sentir un equipo como teu, cousa que non acontece no fútbol, onde xogas en moitos equipos diferentes". Se ben a nivel físico é moi esixente, a nivel mental tamén o é. "Concentración, intensidade e sacrificio" é o que te fai boa no xogo segundo Laura. "Tes que ser moi forte e ter unha actitude positiva, cando cometes un erro, debes esquecerte nun segundo e seguir para adiante", di Ánxela.

A MULLER NO FÚTBOL GAÉLICO 

O deporte é un reflexo da sociedade patriarcal. O entrenador da Selección Feminina, Pablo da Silva, é consciente: "é complicado facerse oco, e máis no caso feminino; en todos os deportes o masculino leva a voz cantante, pero espero que con estes logros e éxitos, as mulleres tamén acaben conseguindo esa mesma atención". Se ben no fútbol gaélico galego hai certa querenza por fomentar a integración das mulleres e conseguir a igualdade, seguen tendo dificultades: "somos moi poucas mulleres e iso impídenos xogar a campo completo, algo que nos desfavorece moito. E hai quen chega a dicir: 'xogan no campo reducido, porque claro, non van xogar a campo completo que é moi grande para elas...'", recorda Ánxela.

Carme conta que "é difícil acceder a este tipo de deportes". "Os equipos están encantados de recibir mulleres, pero a sociedade non axuda: se non tes ti a motivación de facelo, ninguén cho vai propoñer", di. Á hora de conseguir campos para xogar tamén se senten estas diferenzas de xénero: "un equipo feminino... nun deporte minoritario... En Pontevedra non conseguimos xogar moitas fins de semana e tivemos que ir a vilas do arredor a pedir campos". Así o expresa Carme, que sente que aínda queda moito camiño por andar. Mais fronte a todo, "aquí estamos para loitar e conseguir mellorar as cousas", comenta con orgullo.

No propio xogo, as mulleres, pola contra dos homes, teñen prohibido o contacto físico e permíteselles coller o balón do chan directamente. Estoutras diferenzas, superadas pola Liga Mixta, teñen que ser aceptadas se queren participar nos campionatos. "A min dóeme moito ter que vivir isto... Houbo xuntanzas europeas para paliar estes micromachismos, pero dende Irlanda son tradicionais e cústalles suprimilas", comenta Carme. Ánxela, sobre disto, di que avogaría porque en Irlanda as mulleres comezaran a xogar coma os rapaces: "o cambio debe comezar alá porque podemos seguir as regras dos homes perfectamente".

A concienciación na escola e a presenza nos medios de comunicación son boas fórmulas para rachar con estes estereotipos de xénero no deporte. Laura critica que "se ti na televisión non ves a mulleres futbolistas, o fútbol feminino non existe. Só se se obteñen bos resultados se lle fai oco nos medios, e aínda así, de forma moi anecdótica". 

AS SENSACIÓNS EN LORIENT

Todas concordan en que o Campionato de Europa lles deu moita visibilidade. Para Pablo da Silva foi "unha experiencia bonita, ilusionante e gratificante"; para Carme foi "impresionante e enriquecedora"; para Laura foi "safistacción e orgullo de compañeiras logo de tantos sacrificios"; e para Ánxela foi "un alivio e golpe na mesa: as mulleres temos máis complexo conseguir patrocinios, así que gañar foi como dicir: 'non vimos aquí pasar o tempo'. Despois de dous mundiais nos que quedamos por detrás dos homes, con este recoñecemento quedou claro que as mulleres tamén podemos ser mellor ca eles". 

Agora andan preparando o campionato mundial de Dublín, pero teñen un reto quizais aínda maior ca este: traballar canteira. Unha canteira de mulleres deportistas empoderadas. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Karem

Super empoderadas xogando coas normas dos nenos XD