Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/08/2018 | Actualizada ás 13:12
Críticos coa dirección de En Marea chaman á renovación "inmediata" do Consello das Mareas mediante un adianto dos prazos previstos, mesmo a través de "revogatorio" de ser necesario, co obxectivo da reformulación do proxecto canto antes.
Nun documento de conclusións de cinco folios da chamada "mesa da confluencia", impulsada por Compostela Aberta --da que forman parte Ferrol en Común, Marea Atlántica, Anova, Esquerda Unida e Podemos--, apúntase que se chega a esta situación porque se comparte "un diagnóstico sobre a situación de degradación do espazo de unidade popular".
Así, co obxectivo de "renovar e relanzar" o Consello das Mareas como "órgano de dirección política", a coordinadora de Compostela Aberta --formación que lidera o alcalde Martiño Noriega-- realizou unha rolda de contactos da que se conclúe que "o actual deseño" de En Marea "non é válido tal e como existe agora", aínda que "si podería valer" no que caso de que se fagan "axustes".
Nesta liña, laméntase que estatutariamente a renovación do Consello das Mareas tería que facerse a finais de xaneiro de 2019, "a só catro meses" dunhas eleccións municipais, nunha proximidade temporal que "non parece a máis adecuada". De tal forma, afírmase que o mandato do actual Consello "está esgotado politicamente" e que "a súa renovación, canto antes, é o único camiño que pode achegar a un relanzamento de En Marea". "Se finalmente o Consello das Mareas non activase a súa renovación de modo inmediato existirían motivos suficientes para buscar outras vías como o revogatorio", avisa.
Tras a segunda reunión da mesa para a confluencia do pasado 9 de agosto márcanse como señas de identidade a manter o municipalismo, a unidade popular, o reforzo do suxeito político galego e a pluralidade interna.
"GARANTÍAS DEMOCRÁTICAS"
A continuación, "sexa pola vía do adianto" ou "revogatorio", pídense "garantías democráticas" para abordar o proceso como que a proposta de regulamento para a renovación do Consello "sexa clara e non dea lugar a interpretacións confusas".
Os críticos tamén queren que "se clarifique a validez e vixencia" do actual censo de En Marea e se está adaptado á normativa vixente ou non, así como que se facilite a inscrición a aquelas persoas que participen do espazo.
"DIVISIÓNS E PELEXAS"
Nestas conclusións reflexiónase sobre a necesidade de "revisar os erros". "Do mesmo xeito non podemos obviar como as divisións, pelexas e discrepancias públicas están a minar o proxecto, coa consecuente baixada nas expectativas electorais que se auguran nas enquisas".
Por iso, emprázase a fuxir da "tradicional división das forzas da esquerda galega". "Para que a ferramenta sexa válida hai que reverter a deriva destrutiva, deixar de resaltar as diferenzas e colocar o foco en todo o que nos une, en todos os proxectos comúns, en todas esas ideas de país que compartimos e que só poderán materializarse se, outra vez, somos quen de confluír, cooperar e construír dentro dun proxecto común, amplo e aberto de unidade popular".
"Activándose xa o proceso conseguiremos distanciar esta renovación dos procesos municipais e colocar nun segundo plano as cuestións orgánicas relacionadas con En Marea", conclúe o texto. Todo iso, á espera de que En Marea convoque ao Consello das Mareas --onde o sector que controla a coordinadora ten maioría--, órgano máximo de dirección entre plenarios, para abordar a celebración dun plenario.
Este impulso liderado por Compostela Aberta, que goberna Santiago desde 2015, prodúcese nun momento de división interna acentuada desde o incidente da deputada Paula Quinteiro coa Policía en Santiago o pasado mes de marzo, co liderado do portavoz rupturista, Luís Villares, discutido por parte de diversos sectores de En Marea.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.