Combarro prepárase para unha cantada popular polos cruceiros e os hórreos do pobo

O Ateneo Corredoira, da man do Colectivo Máis Cantos, organiza un itinerario cantado que pasará por todos os recunchos de Combarro este luns. Os requisitos? Vestir de branco e entoar con forza as coplas populares.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela a | 13/08/2018 | Actualizada ás 15:52

Comparte esta noticia

O Ateneo Corredoira promove un itinerario cantado popular polos cruceiros e hórreos de Combarro dentro da Semana Cultural de San Roque. A cita terá lugar a partir deste luns, 13 de agosto, dende as 19:45 h do serán, dan man dos coros "Máis Cantos" de Marín, Pontevedra e Lourido, o grupo de gaiteiros "Río de Anxo" de Rianxo e o mestre de canto e dinamizador Nelson Quinteiro.

Un momento da Cantada Popular de Combarro
Un momento da Cantada Popular de Combarro | Fonte: Colectivo Máis Cantos

"Non somos un coro. Nin isto é un concerto. Isto é unha experiencia de vibración conxunta que se convertirá nunha festa se ti tamén axuntas a túa gorxa".  Así comeza a Experiencia Máis Cantos, unha proposta orixinal para vivir a nosa língua e o noso patrimonio inmaterial dun xeito festivo, desenfadado e sen complexos. A fin dos organizadores é crear unha grande festa arredor dos cantos e cancións populares que todas e todos coñecemos.

Para isto, o Ateneo Corredoira de Combarro ten cumprido a encomenda de armar a troula ao Colectivo Máis Cantos, unha iniciativa capitaneada polo cangués Nelson Quinteiro que durante todo o ano vai coordinando coros e músicos para a celebración de quedadas deste tipo. Xa levan moito camiño andado: estiveron no Nadal de Rianxo, nas festas de Entroido en María Pita da Coruña, nas Festas de Raia de Portonovo, na inauguración da nova sede do R.C. Celta de Vigo, no pregón inaugural das Festas de San Xoán de Poio, nas Festas do Carmen de Moaña...

Nesta ocasión, a proposta é vestir de longo e de branco e unir o formato pasarrúas, clase de canto aberta e ao vivo, performance colectiva, cantada popular e festa rachada, din dende a organización. Cancións coma o "O Rodaballo", "A Rianxeira", "O Sacristán de Coímbra", "San Benitiño", "Teño un amor en Rianxo", "Miñas Cousas" ou "A Carolina" serán entoadas por todos os alí congregados, que terán todas as letras do repertorio. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta