Cinco notas sobre a marcha nocturna

Ás veces semella necesario o feito de arriscarse. Nestes artigos de prensa dixital, os textos saen ó mundo para quedarse, e se hai erros de apreciación ou doutro tipo, permanecerán colgados na nebulosa do ciberespazo, para a desesperación dos autores.

Por Ramón Torrado | Ribeira | 17/08/2018

Comparte esta noticia

Por este motivo, pido xa no exordio desculpas se me equivoco coas opinións aquí descritas. Esta columna é máis aventurada do habitual, pero as intencións son positivas e sobrevoa as liñas unha certa esperanza de non ofender a ninguén.

Botellón, recurso
Botellón, recurso

A continuación, comparto cinco reflexións sobre o que vén en chamarse a marcha ou movida nocturna, as saídas lúdicas das fins de semana e dos días festivos.

1. O botellón. Onte, camiño dunha verbena, soaba na noite o atraínte estrondo das ondas que chegaban á area da praia paralela a un paseo marítimo. Este paseo estaba tomado por centos de adolescentes que se reuniron con bolsas para celebrar un botellón, como forma alternativa de diversión á festa que tronaba no porto da vila. Facían grupos, moi unidos, de mozas e mozos con curiosas semellanzas: parecían xente guapa, ben vestida, dunha idade e mesmo dunha estatura e conformación física parecida. O paseo remataba coa mole dun colexio, símbolo de iluminación e cultura que na imaxinación aparecía como un dos barcos xigantescos que se adoitan ver, por exemplo, nos estaleiros de Marín. Daquela, os rapaces que estaban ó lado convertíanse en náufragos coas súas botellas. Cales eran as mensaxes? Talvez sería boa idea facer un estudo sobre o botellón. Os telexornais, que ocasionalmente son escaparates do morbo, transmiten unha imaxe desoladora do presente e do futuro, e resulta posible que o botellón sexa unha forma precoz de escapar a pensamentos sobre futuros funestos.

Con todo, da mesma maneira na cal quen cuspe na rúa demostra carecer de clase, sería óptimo que os “botellonistas” non se esqueceran de deixar todo aceptablemente limpo e en bo estado, e que tiveran coidado extremo en non chegar a excesos perigosos  tipo coma etílico.
      

2. O alcol, o tabaco e a charla. A borracheira da que fala a lamentable canción do miudiño era, ó parecer e tristemente, un estado frecuente en xenios como Ernest Hemingway. Poden producir o alcol ou as drogas un estado profundo e extraordinario de percepción e creatividade? Os que nunca estivemos borrachos nin drogados pode ser que nunca o saibamos con certeza. Porén, non é esa a intención dos que beben nas saídas nocturnas. Elas e eles dirán que sinxelamente o fan para pasalo ben, para divertirse charlando cos amigos. Mais hai algúns problemas. En canto ó de charlar, chégase a niveis escandalosos de ruído. De que falan cando, por dar outro exemplo, na sala Riquela de Santiago entra o actor e guapo oficial Álex González e case ninguén se dá de conta por estaren nun parlar incesante? De que asuntos urxentes conversan cando viaxa dende Australia a Galicia a interesante artista Carla dal Forno e o seu concerto non se escoita ben a causa dos maleducados faladores? Despois, en canto ao alcol, ninguén se dá de conta do desagradable alento que proporciona a omnipresente cervexa que se pode tomar en calquera momento da semana? O alento a tabaco é aínda peor, insoportable: é o aroma dun simbólico suicidio a prazos, xa que ó parecer fumar pode acurtar a vida ata unha media de dez anos, e traer grande sufrimento ás familias e gastos de primeira orde en Saúde ó Estado.

3. A desigualdade. Hai unha cuestión que non ten visos de cambiar por moito que melloren os tempos. É a seguinte: se a sociedade por fortuna fai xiros constantes cara á igualdade entre homes e mulleres, por que segue sendo costume que – nas relacións heterosexuais – teña que ser o home quen dea forma ao contacto inicial? Trátase dun xogo de sedución composto de miradas e sorrisos? É esa a resposta? Os máis tímidos sufrimos de forma aguda e repetida esta situación. Canta soidade azul. Serán incontables as relacións que non chegaron a nacer porque algún home non se atreveu a dirixirse á muller que lle interesaba. Os máis lanzados que si o facían entraban no risco de levar unha mala contestación ou que fosen ignorados, para tormento dos máis sensibles. Se queremos chegar a unha verdadeira igualdade neste terreo, terá que ser indiferente a opción de quen se dirixe a quen.

4. A danza. No romanticismo da noite e do ambiente sensual, coa beleza das mellores galas que se adoptan, bótanse de menos os bailes agarrados do pasado, aqueles que resplandecían nas películas máis elegantes, como as de Fred Astaire, como “Casablanca” ou “O paciente inglés”. As emocións eran moi intensas, pero as novas xeracións non chegan a vivilas. É moi probable que se algún responsable dun local decidise dedicar unha hora ás cancións lentas, esa hora tería garantida unha grande afluencia de clientes e crearíanse ó instante recordos para conservar toda a vida.

5. As horas. Con toda seguridade, o horario de saída altera os ritmos circadianos e a saúde. Tamén hai un incremento exponencial do perigo nas estradas, debido ó sono dos condutores. Sen deixar de ter o elemento nocturno que define á movida, sería posible adiantar entre todos o horario, facendo que xa se sinta o ambiente na medianoite sen ter que esperar ás dúas da mañá? Desta maneira tamén se chegaría antes ó descanso e ao aproveitamento do día seguinte.
 
Nada máis. Non todo é estudar ou traballar na vida, como di a canción dos padriños The Godfathers “Birth, School, Work, Death”. Ten que haber algo máis, algo para descubrir e coñecer entre todos - individualmente e en sociedade - como irmáns. O amor, os lugares, as artes, as experiencias. Desculpas de novo por se alguén se sinte molesto con algún dos detalles expostos. Esperemos que estas reflexións axuden e sirvan para algo, se é que merecen tal premio.
 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Ramón torrado Ramón Torrado Romero (Araño-Rianxo, 1966). Educado en Galicia, no País Vasco e nos Estados Unidos. Licenciado en Filoloxía Inglesa na USC, é profesor de instituto. Investigador rosaliano. Foi colaborador en Certo, xornal dixital de Barbanza. Ten escritas catro novelas, un libro de relatos e outro de viaxes, entre elas, Rebeca no val das sombras ardentes (Toxosoutos, 2018) e "Torino" (Axóuxere, 2021), a súa última obra publicada.