Por Xurxo Salgado | Compostela | 08/08/2018 | Actualizada ás 20:30
“O meu nome é Luis Gayol e fago retratos. Só pido que traian algún obxecto pequeno co que se identifiquen. Algo así coma o Rosebud de Cidadán Kane. Destamaneira eu afástome un pouco do meu referente, Irving Penn, que aínda que traballa en estudo, descontextualiza os retratos...Os retratados son amigos, compañeiros de traballo ou, simplemente, coñecidos aos que pedín o favor de se poñer diante de cámara. E cada caso é unha aventura de aproximación á outra persoa”. Era a súa presentación nunha das súas exposicións fotográficas.
Luis Gayol era un home pegado a un sorriso... a unha cámara e a unha boa conversa. Boa persoa e bo compañeiro faleceu en Compostela, a súa gran cidade e onde traballou boa parte da súa vida, este pasado martes.
A vida leva a outro gran comunicador. Luis fora un dos pioneiros na CRTVG. Realizador e fotógrafo nunca abandonou a súa vea de activista. Foi representante do ecoloxismo galego durante moitos anos e mesmo loitou para evitar a realización de proxectos que puñan en perigo o medio ambiente.
Como profesional na CRTVG deixou un saco cheo, a rebosar, de amistade, de cariño e de compañeirismo. Falar con Luis era falar de vitalidade, de sentido común e, sobre todo de sentido do humor. Porque Luis era ese home pegado a unha cámara, pero tamén, a un sorriso interminable.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.