Intolerancia

As sociedades con varias identidades requiren fuxir de modelos herdados do pasado.

Por Serafin Pazos | Bruxelas | 14/08/2018

Comparte esta noticia

Hai unhas semanas a Knesset aprobou a Lei pola que Israel se declara estado nación xudeu e de paso convirte ao árabe en lingua recoñecida mais xa non cooficial. Non é a primeira vez que nos referimos ao Estado de Israel nesta columna e é precisamente por casos coma este; é un laboratorio en tamaño real nos que se pode observar a simple vista e en tempo acelerado os procesos de formación das institucións estatais desde a nada, da identidade nacional e dos seus pesadelos, a utopía igualitaria e a distopia.

 Decidir quen é xudeu non é algo novo, surxiu desde a creación do Estado porque ata daquela era unha adscripción individual, coma moito grupal e desde as emancipacións do XVIII-XX un sambenito imposto desde fóra. Cando ós propios xudeus lles tocou definir quen era cidadán do seu Estado novo do trinque todo se complicou: nin a Lei de Nacionalidade de 1952 nin o activismo xudicial do Tribunal Supremo foron quen de resolver definitivamente unha cuestión que dadas as vicisitudes dun grupo humano esparexido durante milenios existían moreas de situacións persoais específicas e contradictorias. No fondo é unha cuestión que nunca podería resolverse a gusto de todos porque quen defina quen é cidadán dun Estado controla o Estado.

 O millón e medio de árabes, netos daqueles que non quixeron irse (ou non foron encamiñados a facelo), son en teoría cidadáns dun mesmo estado onde a cidadanía non estaría determinada, seguindo o canon liberal, pola identidade nacional do individuo: daí a cooficialidade do árabe. Igualdade cos cidadáns xudeus neste e noutros eidos máis ben teórica: os dous millóns de xudeus que chegaron logo do 1958 aprenderon o hebreo, moitos desde cero. Os seus fillos deberían ter aprendido na escola as dúas linguas pero teñen tan poucos rudimentos de árabe do que aquí moitos nenos en colexios concertados e en ben non poucos públicos teñen de galego. Non falemos das discriminacións de feito no acceso a servizos e cuestións de seguridade pública.

 E é que Israel, ese dogma do Estado Liberal creado nas revolucións americana e sobre todo Francesa, e todos os chamados Estados-Nación que como un corta e pega dese se crearon no resto de Europa e no resto do mundo, sexa por copia (Turquía, China, Xapón, Corea) ou por simple herdanza colonial (as ex provincias coloniais convertidas a golpe de medianoite en “nacións”) , todos baséanse no que se podería chamar a nacionalidade implícita. A teoría liberal fai que o Estado sexa coma unha caixa, un continente no que os cidadáns libres e iguais definen o contido: aquilo de que “España é o que decidan todos os Españois”.

 Na realidade non é así: agás en casos de Estados-Nación históricamente homoxéneos, normalmente pequenos (Portugal, Dinamarca, Corea, Xapón se descontamos a colonización de Okinawa, Eimishi e Ainos no norte) definir quen é un cidadán-nacional é cousa das élites das capitais. “Ser francés” acaba sendo unha cuestión dos que son de (e falan como en) París, e dos que aspiran a selo; “as provincias” como aínda se dí en Francia.  A diferencia do que foi o caso no leste de Europa o proceso de aculturación-asimilación-centralización (no fondo sinónimos do mesmo) no modelo francés e sucedáneos foi algo relativamente subtil, con coerción mezclada con cooptación: daí as leis de Jules Ferry de educación universal e a Ley Moyano aquén dos Pirineus. A fabricación dunha narrativa (e non tanto dunha historia) común pola cal de Bretaña a Tahití pasando por Occitania e Alsacia todos os nenos comezaban o proceso de ser cidadáns aprendendo sobre “Os nosos devanceiros os Galos”. No caso Español-Madrileño todos os mitos nos que cre o flamante Pablo Casado foi producto dunha pequena industria creada (como sostén Miguel Anxo Murado) polos os inefables Modesto Lafuente e Menéndez Pidal empaquetada polos incipientes máss media e a educación primaria universal durante of franquismo.

 Así que os Estados-Nación implícitamente apelan a unha nacionalidade concreta.Mesmo aqueles que o son ex novo coma Estados Unidos: lingua e dereito de matriz británica  e unha serie de mitos arredor do “self made man”). Por suposto a idea de “ser francés” ou “ser estadounidense” pode ir mudando co tempo pero está claro para calquera inmigrante ou membro dunha minoría está claro que para ser francés ou estadounidense hai que ser dun determinado xeito.

 O caso español non é certamente a excepción xa se queira crer que o Estado Español existe unha noción bastante precisa do que é “ser español” que a parte de estar obrigado a ser falante nativo de castelán pódese resumir en “ser español é aquilo que digan as élites do Estado, os medias e forzas vivas madrileñas que sexa”. Logo, por suposto, recoñécese o dereito á excepción parcial (os chamados feitos diferenciáis claramente acotados, non vaian por en dúvida a igualdade-uniformidade) dun xeito, xusto é dicilo, máis claro que en moitos outros Estados nacións de matriz centralizada xacobina. Mais non nos enganemos, a identidade nacional española que se leva veiculizando desde a chegada de Felipe de Anjou e logo co remedo de estado liberal no século XIX non é outra cousa que unha importación francesa, totalmente en contra da noción de identidade hespañola (por usar a ortografía de Castelao) que existía ata daquela. A chamada Guerra de Sucesión e varias Guerras carlistas e os movementos nacionalistas periféricos son testemuña disto.

 Por suposto, a norma das maiorías implíticas funciona tamén para as chamadas nacionalidades históricas: quen pretenda falar en nome de Catalunya ou Euskadi cun 47% , Escocia cun 45% ou Galicia cun 19% comete o mesmo erro cós capitalinos. Non é culpa dos franceses o éxito fulgurante do seu modelo xacobino. Agás nas súas colonias o seu triunfo no resto do mundo, tal que franquicias do Macdonald´s, foi totalmente voluntario. Xunta co Código Civil é certamente a súa contribución máis exitosa á civilización, unha que nembargantes creou tanto sufrimento coma outras ideoloxías contemporáneas que teñen peor fama: as élites crioulas latinoamericanas fixeron máis pola aculturación da maioría da poboación que os conquistadores nos trescentos anos anteriores, por non falar da Turquía que no seu afán de occidentalización ata hai pouco non coñecía a existencia doutra cousa que de “Turcos das Montañas”. Pero como dicimos aqueles territorios que foron ou seguen a ser “rexións” de Estados non son menos inocentes, que llo pregunten aos centos de miles de húngaros no sur de Eslovaquia e no corazón de Romanía.  Por non falar dos centos de miles de rusos nas repúblicas bálticas reducidos a sub e mesmo non cidadanía ou a pretensión de que a metade oriental da Ucraína administrativa non é rusa.

 A apelación á xenealoxía é perigosa. En Terra Santa (do Xordán ó Mediterráneo) surxen ás veces en veces apelacións á Transferencia (desprazamento da en minoría árabe israelí cara os territorios ocupados sexa dun xeito físico ou virtual como propuxo a ex Primeira Ministra Tzipi Livni) para crear dous entes homoxéneos e de poboacións equivalentes vivindo ás costas un do outro. Neste, coma noutros casos é impracticable: Palestina estaría dividida en dous e Israel nunca podería estar seguro cun territorio de 13 km ancho onde vive máis da metade da poboación. Por moito que os chineses enviaran a millóns de Han as terras Uigures ata convertelos na maioría de lonxe, o feito é que alí viven agora. O soño Uigur suporía a deportación de millóns de chineses Han.

 Se as Esteladas nos balcóns pretenden dicir que a metade da poboación catalana, herdeira das grandes vagas da industrialización que José Corbacho reflectiu en “Tapas” e “Pelotas”, non existe, iso é tan inxusto como aqueles que proclaman que a “España dos Balcóns” é toda a poboación deste Estado. Malia iso, tampouco se dá unha equivalencia total: só hai un nacionalismo que ten recoñecemento internacional por ser encarnado nun Estado como vimos coa declaración de independencia en diferido do pasado outubro. Razón pola cal ten un plus de responsabilidade en atopar unha solución. E aí atopamos que independentemente na súa variante esencialista conservadora coma na súa versión liberal-progre perdoavidas o nacionalismo español expresado no arco parlamentario teima e non recoñecer que é un nacionalismo coma o de cataláns, vascos e galegos, só que con moitos máis adherentes e mais medios. É imposible que as apelacións atávicas ao diálogo solucionen nada se non se parte da base da equivalencia moral. Non hai nacionalistas e “non nacionalistas”.

 Por suposto isto supón desfacerse da teima francesa-xacobina dos últimos 300 anos: iso conleva a que as autonomías sexan tal sempre e non cando conveña descentralizar problemas (o dos taxis) e non cando non interese (políticas intervencionistas mesmo cando  non existe apenas competencias estais coma en Vivenda a apelación á uniformización para que as carteiras de servizos sexan idénticas en todo o territorio); recoñecer que o dereito á autonomía é o dereito ao erro (e ao éxito: é pouco probable que a precisamente Castela que é potencia mundial en educación primaria e secundaria queira cederlle as competencias ao Ministerio de Educación).

 Eliminar a obsesión uniformizadora pode resultar en que non todos os territorios teñan que ter as mesmas competencias:  que a Rioxa ou Cantabria teñan potestade lexislativa en vez de só administrativa coma as rexións francesas ou que se cree unha rexión ou macrorexión que dea servizos integrados á área funcional de Madrid que xa se extende na práctica a Toledo, Guadalajara e Segovia non ten por que impactar no nivel de autonomía catalana ou galega. É tan inxusto non recoñecer a igualdade coma non recoñecer a diferencia.

 Supón tamén dar o recoñecemento debido: se un xogador de fútbol profesional quere arriscarse a perder moito diñeiro porque opta en competir nunha selección oficial vasca, por que hai que impedilo? Non só é Reino Unido o que ten varias seleccións, nada menos que Francia permite que Tahití teña unha selección oficial propia de pleno dereito.   

 Mais as inercias xacobinas pesan: a proposta de Lei Orgánica de Reconocimiento e Amparo da Pluralidade Lingüística do PSC no Congreso dos Deputados é sintomática das reaccións paranoicas do tam-tam mediático madrileño (“forzar a tódolos nenos españois a estudar en catalan”) pero logo se imos ó detalle non fai que confirmar dereitos que, con bo xuízo, xa se foron recoñecento desde a Transición. Non se atreve a cuestionar a vaca sagrada do castelán obrigatorio para todos, nin sequera algo que non require reforma constitucional coma que o parlamento e resto de institucions centrais do estado español sexa coma o belga, suízo ou canadense: perfectamente multiliingues. Ou que se poida estudar en galego no resto do Estado.

 No caso galego esta é unha cuestión central dado o proceso de aculturación galopante que estamos a sufrir: se un galegofalante non ten o mesmo estatus legal ca un castelánfalante (deixemos de  usar as línguas de parapeto cando o que estamos é a falar das persoas que os falan) resulta lóxico que moitos se sintan tentados, cando non obrigados a deixar unha por outra. Por suposto os primeiros a resistirse á perda da oficialidade única do castelán serán os castelánfalantes, sobre todo en Galicia: para os afectados polo furor do converso sería pór en solfa do único signo de ascenso social que teñen moitos nun país de poucas oportunidades coma o noso. Pon ademáis en cuestión o sacrificio persoal e en non poucos casos sacaría aflorar o sentimento de vergoña e claudicación que supón abandonar a lingua e cultura dos teus pais, certificar que fuches ti o elo feble dunha cadea ininterrompida de máis de mil anos. Por iso son sempre estes os que sacan a teima do “carné de galego” cada vez que sae indirectamente o tema. Mais é unha catarse necesaria. Non para volver ao status quo ante: moitos galegos naceron e criáronse nun entorno cultural que ten máis que ver con Hospitalet ou con Las Rozas que coa outra realidade que poidan ter a uns metros deles.

 Mais a igualdade legal é necesaria para deixar de ser unha sociedade varada nos nosos propios complexos e desprezos mútuos. Centos de miles de concidadáns pensan que os galegofalantes temos unha tara mental e non son poucos os xestos explícitos e sobre todo implícitos que se fora por cuestión de xénero ou raza serían materia de noticia e de xulgado. A discriminación e xenofobia por cuestión de idioma (sobre todo, mais non exclusivamente, contra os galegofalantes) pódese entender coma unha forma de violencia estructural. Socialmente é un problema bastante máis estendido en termos numéricos que outros temas máis doados de tratar mediaticamente coma as drogas ou a violencia doméstica. Pola súa banda os castelánfalantes argumetarán que non teñen suficiente recoñecemento en certas parcelas da esfera pública galega se ben noutras sobre todo na esfera privada é todo o contrario.

 A cuestión é que en sociedades complexas con múltiples identidades non se pode pretender eternamente que “o outro” non existe. Para iso é preciso atopar fórmulas que se alonxen dos paradigmas herdados de revolucións doutras épocas: se por exemplo desde Euskadi se volve plantexar recoñecer a nacionalidade ademáis da cidadanía non debería simplemente rexeitarse coma un plantexamento xenófobo. Situacións complexas precisan de solución complexas, recoñecendo incluso aos mediopensionistas do NS/NC, os chamados “Pingüinos” iugoslavos.

Bandeiras de Israel e de Palestina nun enfrontamento na franxa de Gaza
Bandeiras de Israel e de Palestina nun enfrontamento na franxa de Gaza | Fonte: elconfidencialandalucia.com

No caso de xudeus e musulmáns de Terra Santa cecais admitir que a xeopolítica e a xeometría obrígaos a buscar unha solución federal en vez de pretender que dous pobos no mesmo terreo poden ignorarse eternamente.   

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Serafín Pazos Analista político, dacabalo entre Bruxelas, onde reside, Escocia, onde traballa, e Galicia, onde ten a cabeza. Escribe a título persoal. @SerafinPazos