A Costa da Morte, referente do ciclismo internacional esta fin de semana

O Gran Fondo Ézaro, que tivo lugar este domingo, estrea este ano pase internacional tras ser incluído na lista de puntuables da UCI Gran Fondo World Series. Convértese así no único en toda España.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 09/07/2018 | Actualizada ás 12:32

Comparte esta noticia

O Gran Fondo Ézaro, o maior evento de ciclismo popular en Galicia, volveu encher este domingo de cor, festa e deporte as estradas da Costa da Morte, na que foi a súa edición máis exitosa - con preto de 1.400 participantes - e máis internacional.

Ciclismo na Costa da Morte
Ciclismo na Costa da Morte | Fonte: EME Sports

Así, esta proba estreou cunha marca de participación a designación por parte da UCI Gran Fondo World Series como proba puntuable para o mundial de Varese (Italia), a única de España incluída na lista deste organismo internacional, que selecciona para iso só a unha vintena de probas en todo o mundo. "A consolidación e atractivo da cita, unido ao aval internacional da UCI, converteu a edición 2018 do Gran Fondo Ézaro na máis grande das celebradas ata agora", aseguran dende a organización. Así pois, os datos de participación máis altos ata este ano rexistráranse hai dúas edicións, en 2016, cando tomaron a saída 1.189 corredores.

Na ruta longa, de 140 quilómetros, o vencedor foi o portugués David Vaz, que fixo o percorrido en pouco máis de 4 horas e 13 minutos, con só 9,38 minutos para a subida ao miradoiro de Ézaro. En canto ás mulleres, a máis rápida foi Marta Diéguez, cun tempo de algo máis de 5 horas e 9 minutos e un ascenso ao miradoiro que durou pouco máis de 14 minutos e 18 segundos. No relativo á ruta curta, de 70 quilómetros, o máis rápido foi Ricardo Gabriel Silva, que realizou a ruta en pouco máis de 2 horas e media, mentres que a subida ao Ézaro levoulle 11.32 minutos. Entre as mulleres, a máis rápida foi Ana Portela, con 3 horas e 12 minutos e algo máis de 20 minutos para subir ao miradoiro. 

Ademais dos premios absolutos e por grupos de idades, entregáronse recoñecementos ao grupo máis numeroso, que foi para a Asociación Deportiva Media Ducia (con 31 participantes) e ao ciclista que veu desde máis lonxe, o danés Thomas Brixen.

GRANDES NOMES DO CICLISMO: LEJARRETA E SASTRE

Como xa é tradicional, grandes nomes do ciclismo acompañaron os fieis a esta prestixiosa cita e as novas incorporacións que cada ano se deixan seducir por esta proba imprescindible no calendario ciclista galego. Collendo a testemuña de referentes como Miguel Indurain, Alex Zülle, Claudio Chiapucci, Anxo Caseiro ou Tony Rominger, este ano o dorsal número 1 foi para o ciclista español Mariño Lejarreta, o Junco de Bérriz, ao que acompañou, co número 2, o galego Gustavo César Veloso.

Ademais, e entre outros coñecidos nomes deste deporte, o triatleta Javier Gómez Noya, que se alzou o ano pasado co mellor tempo no Gran Fondo Ézaro, regresou á cita, na que tamén participou o ciclista Carlos Sastre, cando se cumpren 10 anos da súa vitoria no Tour de Francia.

O Gran Fondo Ézaro arrincou pasados uns minutos das 9,00 horas, co corte protocolario de cinta no que participou a secretaria xeral para ou Deporte da Xunta, Marta Míguez, e representantes de patrocinadores como Rede Eléctrica de España ou Ferroatlántica, así como dos concellos polos que transcorre a ruta e da empresa organizadora, EME Sports.

Desde a fervenza de Ézaro, a marea ciclista percorreu un ano máis as impresionantes paisaxes da Costa da Morte, nun caloroso día no que o vento fixo acto de presenza nos
concellos de Dumbría, Muxía, Muros, Cee, Carnota e Mazaricos. Para finalizar, os participantes, tanto en ruta longa como en curta, enfrontáronse ao ascenso do "muro dos
muros"
, a subida ao Miradoiro de Ézaro que un ano máis supuxo reto e espectáculo a partes iguais.

Ademais de ser un referente no mundo do ciclismo popular e un escaparate para difundir as atractivas paisaxes da Costa da Morte, o Gran Fondo Ézaro estrea este ano pase internacional, tras ser incluído na lista de puntuables da UCI Gran Fondo World Series, que inclúe só unha vintena de citas en todo o mundo e unicamente unha, a galega, en España.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta