Tareixa Navaza: "Por saúde, non vexo a TVE nin a TVG, enfádanme"

Nesta segunda entrega de entrevistas a mulleres ten a palabra Tareixa Navaza, o rostro visible da información galega durante máis de 30 anos. A primeira muller que contou o noso presente en galego na televisión pública. Censurada moitas veces e loitadora sempre, relata nesta entrevista a súa visión sobre o xornalismo hoxe en día.

Por Uxía Iglesias | Santiago de Compostela | 06/07/2018 | Actualizada ás 14:05

Comparte esta noticia

Tareixa Navaza é unha das xornalistas galegas máis coñecidas e queridas, nada en Santiago no ano 1947. O seu primeiro traballo foi como locutora na Cadena SER, pero axiña comezou a retransmitir o telexornal Panorama de Galicia no centro territorial galego de TVE. Así pois, a información de noso adquiriu rostro de muller, unha muller que falaba na lingua do pobo. Navaza foi quen retransmitiu o regreso dos restos de Castelao a Galicia no ano 1984, un momento que constitúe un fito na historia da comunicación. O seu relato, o que ela consideraba que Castelao merecía, custoulle o posto de traballo. Pero nunca deixou de comprometerse coas causas do pobo: a reconversión dos estaleiros, a consecución do divorcio e do aborto, a loita feminista, as reivindicacións nacionalistas...

Tareixa Navaza na TVE-G (1989)
Tareixa Navaza na TVE-G (1989) | Fonte: Consello da Cultura

Coñece ben as maneiras de traballar das televisións públicas, viviu a censura na súa propia pel, e hoxe, entende mellor ca ninguén as protestas das traballadoras da Televisión Española e da Televisión de Galicia. Nas liñas que seguen, Tareixa Navaza conta a súa historia, e a de todos nós:

Que te moveu a converterte en xornalista?

Na miña casa eramos moi radiofonistas. Había tres cousas que me seducían moito: ser mestra, ser psiquiatra e falar na radio. Cando estaba estudando o preuniversitario, escoitei que se precisaban locutoras na cadena SER e alí empecei. Traballei nas tres fases políticas do Estado: no franquismo, na transición e na aparente democracia.

"Un día dixéronme: 'Hable usted como si fuera de Burgos'"

Tareixa Navaza
Tareixa Navaza | Fonte: Consello da Cultura

Como foi traballar baixo o réxime franquista?

Foi torturador e complicado. Había unha censura tremenda: eu saquei a canción La chica yeyé de Concha Velasco, e chamáronme de todo menos bonita. Pero tiven a sorte de que na SER, xa no ano 70 e pico, empezou un proceso de apertura e o director daquelas ofreceume a tarefa de ser a voz de Galicia para toda España en Hora 25. Aínda así, había golpes de censura fortísimos e dedicabamos moitos programa a falar das festas e do tempo. Recordo que un día me dixeron: “Hable usted como si fuera de Burgos”. Obrigábante a ter unha fonética neutra. Con todo, foron uns anos de aprendizaxe importantes.

Traballaches en radio, pero tamén en prensa e sobre todo na televisión. Cres que hoxe estamos saturados de imaxes?

Estamos sobrepasados de información pero cada vez con menos coñecemento. Satúrannos con imaxes pero afóndase pouquísimo. Un día cóntase unha problemática e ao día seguinte desaparece. Salvo honrosas excepcións, xa non hai xornalismo de investigación.

Que é para ti ser unha boa xornalista?

Manter un espírito crítico e curiosidade. Ser honesta e ser transmisora do que a cidadanía precisa e esixe. Ser xornalista leva consigo tamén pelexar moito contra a censura, que te leva á autocensura. Neste momento hai unhas condicións laborais dramáticas, os profesionais. están pesimamente pagados e sen tempo para preparar historias. Neste senso, os medios dixitais foron unha sorte: que poidan vivir coas cotas dos socios non os obriga a estar sometidos dun xeito tan forte ao poder político e económico coma a prensa tradicional.

"Ver como eliminan o Diario Cultural, a gran fiestra da cultura do país, é tremendo"

Como valoras a situación na que se atopa agora mesmo Televisión Española?

Afundírona totalmente. Por saúde, eu non vexo a TVE porque me enfado. Agardo que pase este sufrimento pronto. Xente magnífica está polos corredores, unha experiencia que eu sufrín moitos anos. Hai que preguntarse por que as televisións públicas e privadas dan as mesmas noticias, e case distribuídas na escaleta na mesma orde e espazos.

A min emocionoume moito como profesional e como muller a medida das mulleres de TVE. As mesas dos directivos seguen cheas de homes e de pronto as mulleres vístense de negro e asumen de modo individual as súas reivindicacións contra a manipulación. Estes movementos, que son para fortalecer a democracia e a xustiza, parécenme marabillosos e énchenme de orgullo como muller, xornalista e cidadá. Na CRTVG tamén o fixeron e cando fun visitar aos compañeiros, daba a sensación de que estaban nun campo de concentración. Non lles permitían nin saír á porta facer unha foto con nós. Por iso o corpo non me pide ver a TVG, fáltame o aire... Ver como eliminan o Diario Cultural, a gran fiestra da cultura do país, é tremendo.

Como valoras os nomes propostos para o seu Consello de Administración?

Non me desagrada en absoluto as persoas que foron nomeadas para o Consello de Administración pero Podemos cometeu un erro tremendo cando fixo público en A3 quen ía ser o presidente da TVE. Andrés Gil é un magnífico profesional, pero quedaron ao pé dos cabalos. Cando están na oposición sempre din que van permitir unha televisión independente e plural, pero logo encántalles tanto ese xoguete da Radio Televisión Española...

No caso da TVG, mesmo dimitiron dous xornalistas: Tati Moyano e Alfonso Hermida. Ti, que tamén pasaches por épocas de dura censura, que lles dirías?

Estiven con eles e teñen moitísimo mérito porque agora non saben cal pode ser o seu futuro. Eu dígolles que é moito máis digno estar nun corredor lendo un libro ca dando a cara por informacións que sabes que non son certas. Iso non é facer xornalismo, é facer propaganda dun partido político que está no goberno.

Que ten que pasar para que cambie esta situación?

Eu sempre digo que cando tiven directores intelixentes non tiven ningún problema para traballar. O ideal sería que os partidos políticos fosen honestos e dixesen: “non imos tocar politicamente os medios públicos, imos deixar que fagan ben o seu traballo”. Por que hai marabillosos profesionais en todas as televisións públicas. Por outra banda, comprobo que a cidadanía está anestesiada. Só cando algo nos toca o peto reaccionamos. Estamos no 2018 e sigo pensando que unha das mellores etapas para TVE foi a de Fernando Castedo como director xeral, Gabilondo como xefe de informativos e Suárez como presidente... non che digo máis!

"Ao día seguinte lin no xornal: 'unha terrorista retransmitiu a chegada dos restos de Castelao'".

A retransmisión da chegada dos restos de Castelao a Galicia foi un punto chave na túa carreira profesional... E ademais foi unha retransmisión moi persoal, onde liches pasaches de Sempre en Galiza e un artigo de Novoneyra. Onde falabas de Galicia como nación. Como viviches ese momento?

Nese momento déronme liberdade total e absoluta para facer o meu traballo e vivino con moita intensidade. O que non sabía eu era que a medida que o estaba contado, se estaba producindo no despacho do director e no Pazo de Raxoi unha situación de violencia para Cribeiro. O delegado do goberno estaba vendo as imaxes e dicíalle: corta a retransmisión. Cribeiro dixo “non” e cesárono do cargo. Ademais, ao día seguinte lin no xornal: “unha terrorista retransmitiu a chegada dos restos de Castelao”. Pero, sabes? Hoxe en día, unha retransmisión coma aquela sería imposible.

"Es unha estupenda profesional, pero agora vou poñer unha chica nova e minifaldera"

Ese cesamento de Alexandre Cribeiro será a antesala do que acontecerá contigo cando te implicaches na loita dos asteleiros de Ferrol...

Si. A retransmisión da chegada de Castelao xunto con ese comunicado que lera na manifestación en Compostela fixo que non volvera saír. Logo chega Manolo Lombao e recupérame, mais posteriormente outro director díxome: “es unha estupenda profesional pero agora vou poñer unha chica nova e minifaldera”... a miña vida profesionalmente foi sempre así. Enchía o tempo sen traballo lendo e escribindo, e estaba moi implicada no movemento feminista, ecoloxista... "

"A TVG funcionaba ás ordes de Fraga"

No 1994 e ata o 2002 formaches parte do Consello de Administración da CRTVG como representante do BNG. É o ano no que Francisco Campos xura o cargo de director xeral, e ademais estamos baixo o mandato de Fraga... Como funcionaba daquela a TVG?

Eramos dous do BNG, tres do PSOE e o resto do PP. Eran como unha apisonadora, golpearte cunha parece. Unha verdadeira ditadura informativa. Eu quería que a CRTVG fora o espello informativo deste país, pero funcionaban ás ordes de Fraga.

Es unha importante voceira do movemento feminista galego. Mesmo participaches na fundación da Asociación Galega da Muller. Que momento vive a muller agora mesmo?

Déronse pasos importantes. A política de cotas é moi importante. Antes as mulleres nunca estaban nos tramos altos dunha empresa. Enchían as facultades de xornalismo pero só chegan ao posto de redactoras de a pé. Non levaban as seccións duras: política, economía... Agora hai un movemento de mulleres novas que colleron toda a historia do feminismo con forza. Eu vivín momentos moi machistas: un compañeiro que hoxe segue en activo díxome: “ti cala que es unha galiña vella”. Hai que modificar linguaxes, actitudes, formas... as mulleres seguen tendo moito teito de cristal, pero perderon o medo. A educación en xénero dos homes e mulleres que fan xustiza no país tamén é urxente.

Tema Cataluña: como valoras a cobertura mediática que se está dando?

Moléstame a campaña contra o independentismo tan vergoñenta que dende a caverna mediática se está facendo. E cadeas como La Sexta, que se din progresistas, teñen convidados permanentes que non aportan nada. Se eu fora cidadá catalá e dende Madrid estiveran facendo boicot aos produtos cataláns... eu querería marchar. Ti se convives cunha persoa que te maltrata, queres marchar desa casa.

Tareixa, para rematar, que noticia che gustaría ter dado?

Que remate a violencia contra as persoas - mulleres, nenos, homes - por cuestión de raza ou sexualidade. Fin da violencia política, económica e sexual. E que a cidadanía poida moverse con liberdade buscando un mundo mellor para cada un deles.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 10 comentarios

6 Toño

A min pásame o mesmo. Sonm incapaz de ver unm telexornal en calquera das dúas canles. Paréceme que retrocedín 40 anos, sin contar a zafiedade e ordinariez más absoluta de toda a a programación de TVG .

5 Valente!

Pois claro que si, moi bo para a saúde non ver esas dúas cadeas. A min tamén me sobrn o colesterol. Pero a fama de tv con cornos e rabo lévao a TV3, cando é infinitamente máis profesional e obxectiva, ademais de respectuosa coa súa cultura propia. Cando veremos aquí un Polònia que poña a caldo aos borbóns e ría de Frijolito e MArcial Dorado, a pija da Mato, o cara-de-enterrador de Sanidade, o pau teso de Rueda... poderían facer un auténtico serial fariñento hehe

1 galegoexiliado

Que curioso que non queira ver as duas teles que lle deron de comer, sin traballar, toda a sua vida,e que ela mesma contribuiu a desprestixiar. ¿A que non renunciou ó millonario soldo de comisaria na TVGa nin á prexibilación dourada da TVE? Consejos vendo que pa mi no tengo.

2 Roi Negueira

Como foi a xubilacion dourada desta elementa?

4 Vijo

Joe con la progresista esta. Recordemos su defensa de los padres de Asunta, la niña compostelana asesinado por sus progrenitores. Y ahora se pone a dar lecciones de "campañas vergoñentas".

3 Machote's tavern

Vaia comentarios cheos de odio e ad hominem. Deben ser puros, castos e casi santos os que escriben.

1 Vijo

O teu chámase lei do embudo. Non creo que ningún dos comentaristas puxese como exemplo de pais a uns que segundo sentenza xudicial firme asasinaron á filla.

2 galegoexiliado

A verdade escoce. Unha cousa é a realidade e outra a propaganda e o engano, cousa que a locutora sabe facer moi ben. Ti fala polo teu e deixa que outros falen do coñecemento que teñen de ela, pero non pretendas que todos comulguen con rodas de muiño, pois a aldea é pequena e conocémonos todos. Tes sorte de non ter traballado con ela, como por desgraza moitas mozas e mozos tiveron. Por certo que nin inventou a tele nin a radio como tenta facernos creer. Como decía aquela YO DESCUBRÍ LA TRAMA TELE.

2 galegoexiliado

Xornalista é quén estudou e se licenciou en XORNALISMO ou traballou de xornalista. A íntima amiga e portavoz da matarife de Asunta so exerceu de LOCUTORA, amenos que lle chamen xornalismo a falar por teñéfono, criticar e denunciar aos compañeiros. Que llelo pregunten as mozas que tiveron que aguántala e as pisaba pa que non fixeran programas que creía que so ela podía facer.