Éxitos deportivos para a rapazada de Ames

Nadia Iglesias revalida o título de campioa de España de patinaxe artístico e Samuel Míguez gaña o campionato galego alevín de natación, entre outros.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 03/07/2018 | Actualizada ás 23:00

Comparte esta noticia

A patinadora Nadia Iglesias de Salvador, do Club de Patinaxe Artístico Maxia da Coruña, vén de revalidar o título de campioa de España de patinaxe artístico na categoría júnior. Asemade, o amesán, Samuel Míguez Feijóo, do club de natación Cidade de Santiago, gañou o campionato galego alevín (13 anos) de natación en 100 metros e 200 metros braza. Por último, Gabriel Martínez Pachón, do club de piragüismo Ribeiras do Tambre, gañou o campionato galego xuvenil en K-1 200 metros. O propio Gabriel Martínez e Ángel González Gómez, acadaron a medalla de prata en K-2 1000 metros.

A patinadora Nadia Iglesias
A patinadora Nadia Iglesias | Fonte: Concello de Ames

A amesá Nadia Iglesias de Salvador, do Club de Patinaxe Artística Maxia da Coruña,
logrou revalidar a medalla de ouro da categoría júnior conseguida xa o ano pasado en
Platja d’Aro (Xirona). Este ano dito campionato celebrouse os días 28, 29 e 30 de xuño no
Palacio dos Deportes de Riazor en A Coruña. A estes dous títulos hai que sumar a medalla de ouro, en categoría xuvenil, lograda en 2016 en Alcoy (Alacante), así que este é o seu terceiro título nacional consecutivo. A patinadora amesá realizou dous programas cunha execución practicamente perfecta.

Así mesmo, o amesán Samuel Míguez Feijóo, do club de natación Cidade de Santiago, gañou o campionato galego alevín (13 anos) de natación en 100 metros e 200 metros braza. Dito campionato disputouse os días 30 de xuño e 1 de xullo na piscina municipal Rosario Dueñas, en Ourense. Deste xeito, consegue a mínima nestas dúas modalidades para disputar o campionato de España que se celebrará do 19 ao 22 de xullo en Sabadell

Por outra banda, este pasado sábado, 30 de xuño, tivo lugar no embalse de Verducido (Pontevedra), o campionato galego de pista xuvenil e sénior. Neste caso, o club Ribeiras do Tambre participou en dito campionato con rapaces e rapazas de categoría xuvenil conseguindo unha medalla de ouro e outra de prata. Deste xeito, Gabriel Martínez Pachón foi o gañador en K-1 200 metros, proclamándose campión galego. O propio Gabriel Martínez e Ángel González Gómez quedaron en segunda posición en K-2 1000 metros, logrando o subcampionato de Galicia. Ademais, a parella formada por Alicia Medina e Lorena Viaño quedou na quinta posición en K-2 500 metros.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta