GC Aberto
Temas: FENE

Fene en parálise total

Tomar decisións é parte esencial do facer político, salvo no Concello de Fene, onde a dez meses do remate da lexislatura, a ineptitude do goberno municipal deixa de novo sobre a mesa a revisión do Plan de Urbanismo que acumula un atraso de nove anos

Por galfon (http://galdo-fonte-xm.blogspot.com.es/) | GC ABERTO | 06/07/2018

Comparte esta noticia

Pleno do Concello de Fene (A Coruña)
Pleno do Concello de Fene (A Coruña) | Fonte: EP

Cando a primeira corporación democrática desembarcou no Concello, Fene xa dispoñía de planeamento xenuíno, un PGOU redactado no transcurso do mandato do último Alcalde do franquismo e que converteu á entidade local fenesa en referente de vangarda urbanística ao ser a primeira institución municipal de toda Galicia inferior a 20.000 habitantes que dispuxo de ordenación territorial.O contido daquel documento primixenio estaba inspirado no desenvolvismo característico do "tardofranquismo" que acompañou os anos finais da ditadura, e por tanto, marcadamente sobredimensionado nas súas expectativas, tal é así, que as súas previsións de crecemento establecían que Fene tería 75.000 habitantes a un fixado horizonte de 1990.

 

Tan excedida estimación, obrigou a súa adecuación á realidade dos tempos, aínda que o deseño territorial da súa redacción foi aproveitado en gran medida á hora de afrontar a Revisión de 1985, que se centrou maiormente en reducir edificabilidade para rebaixar o seu teito potencial, pero mantendo no substancial o deseño do seu esquema infraestructural. Aínda así, a pesar da ponderación de previsións , a menor escala volveu repetirse un exceso na súa planificación como consecuencia de coincidir a súa entrada en vigor co proceso de reconversión naval cuxo impacto trastornou o contido das súas estimacións abrindo a súa repercusión unha brecha cara ao decrecemento demográfico.

 

Tendencia de despoboamento que tampouco remediaron as pautas urbanísticas introducidas na revisión urbanística de 2002, manténdose por iso un minguante descenso que situou a poboación do municipio nos actuais 13.110 habitantes, unha significativa caída demográfica que referida aos últimos 30 anos supuxo un decrecemento do 18% de residentes, que maiormente foi consecuencia da deliberada miniaturización das potencialidades do estaleiro, e o anacronismo que representou a infrautilización das instalacións da factoría. Aspecto que vén confirmar que de persistir idéntica dinámica ,é dicir, de manterse a ruptura de toda dialéctica entre o estaleiro e o urbanismo xenuíno a tendencia descendente de poboación manterá a súa propensión á baixa e os prexuízos do impacto territorial faranse mais notorios e mesmo irreversibles.

 

Fene está obrigado a mutar en garantía da súa sustentabilidade, e como xa se fixo para consumar o Polígono industrial, é condición sine qua non dispoñer anticipadamente dun soporte urbanístico actualizado, que pasa irremediablemente por afrontar sen máis dilación a revisión do PXOM. Un traballo “complexo, pero urxente”, posto que o plan debeu revisarse hai anos, para establecer oportunamente medidas que atenuasen o forte impacto territorial para o municipio e as súas xentes que xerou ademais da endémica problemática no seu principal sector produtivo, o estalido da crise no 2007 e os seus efectos colaterais.

 

É por iso que o Concello necesita cun urxencia un proxecto para os próximos anos, que o manteña vivo e en crecemento, e que ademais de establecer no seu ámbito espacial un modelo industrial de referencia, garanta a prestación de servizos públicos acorde ás esixencias do século XXI.

Determinacións que en todo caso pasan por tomar o control urbanístico do estaleiro deixando sen efecto por inadecuada a aplicación da vixente ordenación xenérica, especialmente  cando a inexistencia dunha ordenación específica facilita destinar o recinto fabril a actividades alleas ás propias da factoría naval; e iso a pesar da decisión contraria do Pleno Municipal de xaneiro do 2009, que sobre o particular, tomou a determinación vinculante de non autorizar o uso ou destino do solo  industrial ocupado pola planta naval a fins distintos aos estritamente vinculados á actividade industrial de referencia.

 

Pero se a pesar de a crítica situación os representantes municipais prefiren non facer lectura das causas que ocasionaron a actual “eutanasia urbanística”, renunciando así a afianzar un modelo urbanístico de futuro, entón ademais dun problema de ordenación territorial, coa súa neglixente actitude os causantes da situación están a confirmar non ter proxecto de Concello, evidenciando por tanto, a súa total discapacidade para dirixir a administración municipal en adecuación a parámetros de solvencia.

Obvia conclusión despois de transcorridos 9 anos desde a adxudicación da revisión do Plan Xeral de Ordenación Municipal ( PXOU), ao non cumprir a temporalidade prevista para a súa redacción (32 meses), nin adecuar as súas determinacións ao marco legal de aplicación; tendo en conta que o contido da tramitación en curso perdeu a súa validez como consecuencia da ineptitude dos dous grupos políticos que desde a súa contratación no 2009 transitaron pola Alcaldía PSOE e PP , o que fai que na actualidade háxase de partir de cero, coa negativa repercusión económica de 224.000 euros perdidos e as consecuencias que tal mostra de incapacidade implica para o presente e o futuro de Fene ao non contar cunha ferramenta urbanística que reporte solución aos complexos problemas municipais e de seguridade xurídica a cidadanía.

 

Unha situación que pola súa gravidade esixe expurga de responsabilidades e dimisións de acompañamento, pois un Concello non pode estar dirixido por un fato de indolentes

Temas: FENE
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta