Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 28/06/2018 | Actualizada ás 19:54
Hai 25 anos nacía a revista 'Eubalena', unha publicación impulsada pola Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA) onde poder plasmar as actividades desta organización.
Ao estilo dos vellos fanzines, a CEMMA foi elaborando nos seus primeiros números o que hoxe é unha revista de referencia para os científicos do mar.
O primeiro número de Eubalena publicouse en xuño de 1993 con dous temas princiais: 'Inxestion de materiais plasticos e petroleo por cetaceos' e 'Mamiferos mariños e tartarugas mariñas varados ou capturados no ano 1992 en Galicia'.
"Seguramente non mantemos a regularidade desexada, nin contamos co financiamento axeitado para a súa edición, mais, con 14 números editados, a revista percorreu todo o mundo de punta a punta, recibindo moitos parabéns de inverstigadores que souberon recoñecer a inconsciencia, o atrevemento ou a valentía de abordar esta singradura", explican desde a CEMM, que celebran que esta revista se converteu nun "referente da ciencia en galego".
'Eubalena' é o órgano de expresión da CEMMA e inclúe traballos científicos ou de divulgación xenerados polos propios socios e socias da organización; ademais, convídase a todas as persoas que traballen directa ou indirectamente en temas relacionados con estes animais a publicar os seus traballos. A revista publícase en galego, e inclúe resumos en castelán, inglés e francés.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.