O Hospital Clínico de Santiago introduce en Galicia unha nova ténica de radiocirurxía contra tumores cerebrais

A radiocirurxía é unha técnica radioterápica de alta precisión que permite tratar lesións de tamaño reducido no cerebro. Os pacientes máis beneficiados por esta nova técnica serán aqueles con metástases cerebrais.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 26/06/2018 | Actualizada ás 13:15

Comparte esta noticia

A xerencia de Xestión Integrada de Santiago introduce en Galicia unha nova e sofisticada técnica de radiocirurxía da man dun equipo multidisciplinar formado por oncólogos radioterápicos, neurocirurxiáns, neuroradiólogos e físicos.

Equipo de Radiocirurxía do Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela
Equipo de Radiocirurxía do Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela | Fonte: Sergas.

A radiocirurxía é unha técnica radioterápica de alta precisión que permite tratar lesións de tamaño reducido no cerebro. “A idea é depositar, normalmente nunha única sesión unha gran cantidade de enerxía na zona afectada con gran precisión tentando, por unha banda, eliminar o tumor ou metástase e, á vez, evitar na medida do posible toxicidade ao tecido san circundante”, subliña Antonio Gómez Caamaño, xefe do servizo de Oncoloxía Radioterápica.

Co sistema ExacTrac instalado no acelerador Truebeam, posto en marcha no pasado 2017, conséguese aumentar a velocidade, precisión e exactitude no posicionamento do paciente, alcanzando unha precisión submilimétrica. Todo isto realízase sen técnicas invasivas, permitindo a localización tridimensional da zona de tratamento e controlar que non se produzan desprazamentos non desexados antes e durante o tratamento. Todo isto aumenta considerablemente a seguridade, exactitude e precisión da técnica.

Os pacientes máis beneficiados por esta nova técnica serán aqueles con metástases cerebrais, tumores cerebrais malignos (gliomas) e benignos (meningiomas, neurinomas do acústico); malformacións vasculares ou neuralxia do trixémino. As vantaxes para estes doentes son notorias, xa que “pasamos dunha precisión milimétrica a unha submilimétrica o que permite administrar doses maiores con mínima toxicidade no tecido san”, destaca Gómez Caamaño.

Ademais, coa radiocirurxía convencional, o tratamiento de varias lesións era moi lento e non sempre era posible, xa que estaba limitado a un máximo de catro sesións. O novo sistema permite tratar múltiples lesións metastásicas en localizacións complexas coa máxima precisión (10-15 lesións).

O sistema ExacTrac axiliza notablemente o tratamento, o que redunda na comodidade do paciente e na posibilidade de realizar máis sesións. O posicionamento do paciente é moito máis rápido, xa que antes se facía manualmente e agora de xeito automatizado: redúcese de 15 a 2 minutos; tamén diminúe o tempo de administración de tratamento: no caso dunha metástase cerebral única pásase de 30 minutos a 5-8 minutos. O procedemento anterior requiría de marcos de estereotaxia que había que fixar ao cranio do paciente, isto foi substituído por máscaras termoplásticas.

RADIOCIRURXÍA

O tratamento con radiocirurxía consiste na aplicación dunha dose de radiación alta e única nun volume tumoral pequeno. No Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela empezáronse a tratar pacientes no ano 2004 con diferentes patoloxías mediante esta técnica. A Unidade de Radiocirurxía está composta por Oncoloxía radioterápica, Neurocirurxía, Neuroradioloxía e Radiofísica.

No pasado 2017 tratáronse con radiocirurxía 74 pacientes, fundamentalmente metástases cerebrais, aínda que, coa nova técnica, a demanda aumentará xa que se tende a substituír a irradiación holocranial (un tratamento paliativo) por un tratamento máis selectivo e radical (potencialmente curativo).

RENOVACIÓN TECNOLÓXICA

O servizo de Oncoloxía Radioterápica está a realizar unha renovación tecnolóxica integral, o pasado ano entraron en funcionamento o novo TAC de planificación e dous novos aceleradores de última xeración: un deles o modelo TrueBeam, a máis alta gama no mercado que permite a incorporación desta nova técnica. Tamén está previsto renovar o terceiro, polo que ao longo de dous anos a Xerencia Integrada de Santiago verá renovados totalmente os seus tres aceleradores lineais.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta