Por Galicia Confidencial | A Coruña | 26/06/2018 | Actualizada ás 11:30
O Campionato Absoluto de Atletismo ao Aire Libre, tanto da categoría feminina coma masculina, celebrarase o vindeiro sábado, 30 de xuño, no estadio do campus universitario de Elviña. A presentación de dito campionato xa tivo lugar o luns 25, onde participou o concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande.
A competición, que se desenvolverá en horario de mañá (10.30 - 13.50 horas) e de tarde (17.00 - 20.00 horas), acollerá semifinais e finais de martelo, pértega, altura, disco, peso, salto de lonxitude, xavelina, entre outras modalidades. “A inauguración das pistas de Elviña cun campionato deste nivel é unha excelente nova para a cidade, e marca a liña a seguir nos vindeiros anos”, apuntou José Manuel Sande, que salientou o “firme e necesario compromiso” do goberno local co atletismo. “Con esas pistas, froito dun esforzo importante do Concello, así como da Universidade da Coruña e Deputación, solvéntase unha quebra histórica na Coruña que se produciu nos anos noventa, como foi o peche das pistas de Riazor”, sinalou o edil.
No LXXXV Campionato absoluto masculino e no L Campionato absoluto feminino poden participar as e os atletas que, coas marcas mínimas acreditadas, formen parte nesta tempada dalgún club galego, que teñan ficha da Federación Galega de Atletismo (FGA), ou mesmo aquelas persoas convidadas expresamente pola FGA. O prazo de inscrición estará aberto ata as 20.00 horas deste martes, día 26, a través da páxina web da Real Federación Española de Atletismo (RFEA).
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.