Temas: ALVIA UE ANGROIS

As vítimas, sobre o informe da UE: "demostra que Renfe, Adif e Fomento incumpriron a normativa"

Cren que é un "escándalo" ter que recorrer a Europa e que tivesen que pasar cinco anos para chegar a este punto.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/06/2018 | Actualizada ás 14:27

Comparte esta noticia

A plataforma de vítimas do accidente do tren Alvia ocorrido en Angrois (Santiago) fai agora case cinco anos subliña que o informe da Axencia Ferroviaria Europea "demostra que Renfe, Adif e o Ministerio de Fomento incumpriron a normativa" en materia de seguridade ferroviaria, o que levou a que se producise o sinistro que ocasionou 80 mortes e 144 feridos.

Vítimas de Angrois protestan ante os xulgados de Santiago
Vítimas de Angrois protestan ante os xulgados de Santiago | Fonte: Europa Press

"Poderíase ter evitado", chamou a atención o portavoz da plataforma, Jesús Domínguez, en declaracións a Europa Press. Neste sentido, ve que os altos cargos de Adif (dous) e Renfe (un) investigados na causa non se salvan do xuízo oral, tendo en conta que os argumentos dos expertos comunitarios, ao seu xuízo, dan máis base para a súa imputación. De feito, Domínguez entende que debe haber "máis imputados", e apunta ao Ministerio de Fomento, polas súas competencias na posta en marcha dunha nova liña ferroviaria.

Respecto dos cargos investigados, aínda en postos de libre designación, espera que o ministro, José Luís Ábalos, "o cesamento". Con este fin e o de trasladar documentación e intercambiar impresións, a asociación xa pediu unha reunión ao novo titular de Fomento. Por outra banda, o representante da plataforma adiantou que pedirán ao xuíz que instrúe o caso, Andrés Lago, que chame ao xefe de seguridade da Axencia Ferroviaria Europea, Cristopher Carr, para que ratifique o seu informe en sede xudicial.

Non foi até a súa mediación, en conxunto coa eurodeputada do BNG Ana Miranda, cando o documento que o maxistrado solicitara á Axencia chegou a Compostela, despois dun primeiro envío a unha dirección errónea e após cinco meses en que o escrito estivo en paradoiro descoñecido (os responsables europeos entregárono a un fiscal da Xustiza francesa).

"NINGUÉN PEDIU PERDÓN"

"Dá moito que pensar que ninguén do Estado pedise perdón", reflexionou Jesús Domínguez, para quen a Unión Europea "confirma" o que a asociación de afectados leva "dicindo desde o principio". Isto é, que houbo responsabilidades na diminución de seguridade na liña Ourense-Santiago. Ademais, valorou que o informe "tira por terra" e "desmente a verdade oficial". "É un escándalo que tivesen que pasar cinco anos e que tivésemos que ir a Europa para que nos fixesen caso", conclúe.

Temas: ALVIA UE ANGROIS
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta