Beiras, a respecto do xuízo a Emilio Cao: "é fascismo"

Emilio Cao, que este próximo luns 25 se someterá ao xuízo acusado de agresión e atentado á autoridade, asegura que seguirá "loitando para que isto non siga sucedendo". Pola súa banda, Lucía Suárez, da Plataforma de amigos e familiares, di que "xulgando a Emilio, xúlgannos a todas".

Por Uxía Iglesias | Santiago de Compostela | 22/06/2018 | Actualizada ás 13:46

Comparte esta noticia

O próximo luns 25 de xuño terá lugar o proceso xudicial contra Emilio Cao polo que se lle piden cinco anos e oito meses de prisión. Acontece isto logo de ser suspendido o xuízo anterior ante a incomparecencia dun dos policías supostamente agredido polo acusado durante as Marchas da Dignidade no 2014.

Emilio Cao, Lucía Suárez e Xosé Manuel Beiras na rolda de prensa
Emilio Cao, Lucía Suárez e Xosé Manuel Beiras na rolda de prensa

“Estamos aquí e imos seguir loitando para que isto non siga sucedendo”. Así o anunciou o propio Emilio Cao acompañado do histórico dirixente do nacionalismo, Xosé Manuel Beiras, e da voceira da plataforma de familiares e amigos, Lucía Suárez, nunha rolda de prensa concedida aos medios na libraría Couceiro. Esta última asegurou que “xulgando a Emilio, están xulgando a Galicia que se move, que non cala, que protexe e defende os seus dereitos e as súas liberdades, e sobre todo, a mocidade que non acepta a precariedade á que nos queren someter. Xúlgannos a todos e a todas”.

Este próximo luns partirá a canda el un bus dende Galicia cara a Madrid “para acompañalo e para denunciar a deriva autoritaria que está tomando o Estado”, dixo Lucía Suárez. Ademais, recordou que dende a plataforma lanzaron unha manifesto denunciando a situación e esixindo a libre absolución. Ata o de agora, ese documento conta con máis de mil sinaturas, entre elas, a do alcalde de Pontevedra, Fernández Lores; a do alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro; a do alcalde de Santiago, Martiño Noriega; e a do alcalde de Ferrol, Jorge Suárez. Tamén a de Ana Pontón e a de Luís Villares.

"NON É UN CASO ILLADO"

Na rolda de prensa, os tres coincidían en que este non era un caso illado, senón que había que entendelo no seu conxunto e no seu contexto. Xosé Manuel Beiras afirmou que estamos nun “proceso de metamorfose do fascismo clásico”. “O aparato dos tres poderes, aínda que formalmente está definido, en rigor está operando con actitudes e métodos que son absolutamente totalitarios. Estes poderes reduciron a cinzas os dereitos e liberdades dos cidadáns”, asegurou.

Na súa intención de facer unha diagnose do momento, Beiras dixo con rotundidade que “a acumulación de transgresións dos dereitos constitucionais culmina no famoso 155 e, no conxunto, constitúe un estado de excepción non declarado e encuberto”. Así mesmo, recordou que neste momento hai rapaces galegos que están na cadea dende hai anos por supostos delitos de terrorismo “cando non había proba ningunha, polo que se aplicou un delito de intención”.

“É fascismo que haxa sindicalistas presos por exercer os seus dereitos de folga. É fascismo que haxa persoas na cadea acusadas de violencia por practicaren o dereito de manifestación pacífica. É fascismo que haxa dirixentes políticos líderes dun proceso pacifista como o catalán presos”, aseverou. Respecto do caso catalán, tamén dixo que desa aplicación do 155 e deste estado de excepción son coautores e culpables tres partidos: o PP, Ciudadanos – “o neofascismo” – e a cúpula do PSOE.

A NECESIDADE DE "DEPURAR" O PODER XUDICIAL

Así pois, co novo cambio de goberno, a Beiras non lle abonda con dialogar ou achegar os presos, di que teñen “o deber de levantar o estado de excepción. Senón, casos coma o de Emilio Cao seguiranse producindo e grandes estafadores seguirán ceibos ou en palacetes principescos coma o de Urdangarín”. Por iso, esixe que o goberno de Pedro Sánchez aplique un proceso de exame aos membros da maxistratura para facer “as depuracións pertinentes que non se fixeron hai 40 anos”. Non se esqueceu tampouco do caso da Manada, de quen se preguntou “como é concebible que eses desalmados estean en liberdade condicional. Hai que abrir un proceso de investigación e destituílos”.

“Por riba da lei inxusta está a xustiza, niso se basea unha democracia”, constatou. Pola súa banda, Emilio Cao entende a súa “unha condena ilexítima, porque en ningún momento cometín os delitos que se me atribúen dende a fiscalía”. Asegurou, así mesmo, que “a realidade se volve escura e moi difícil, e por iso a solidariedade é un imperativo para as persoas que pensamos que temos que cambiar esta realidade”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta