Por Galicia Confidencial | Santiago | 21/06/2018 | Actualizada ás 19:10
A carta foi dirixida a Tania Fernández Lombao, xefa de programas da Radio Galega. No documento as persoas asinantes declaran que “despois de anos traballando como colaboradores do Diario Cultural e de contribuír, xunto a un magnífico equipo de profesionais, a crear un programa emblemático na historia da radio galega”, din estar asistindo desde hai unhas semanas “ás informacións, xustificacións e detalles sobre o proceso que culminará o próximo mes setembro co reparto dos contidos culturais nunha aparatosa sucesión de fragmentos”.
Na mesma misiva, as persoas asinantes consideran que se está diante “a destrución dun tecido radiofónico de probada efectividade informativa, con identidade propia, produción singularizada e impulso á diversidade, todo isto marcado por unha calidade indiscutible”. Pero o máis destacable para quen asina a carta é “que o Diario Cultural logrou ao longo de case trinta anos establecer un territorio comunal onde puidemos vernos todos os sectores implicados na cultura do país”. Iso sábeno miles de persoas que cada día converten o programa nun espazo propio no que oírse e oír.
Os cambios anunciados pola Radio Galega “son, a todas luces, desacertados, e pedímoslle que reflexione sobre as consecuencias e reconduza a situación, xa que a existencia do Diario Cultural no seu formato actual non implica renunciar á súa proposta de programación, cumprimentada con microespazos informativos” queren aclarar. A todo isto, os e as asinantes declaran que “consideramos que o exercicio libre da crítica é indispensable para a consolidación dun contexto crítico propositivo, nun medio como a Radio Galega con vontade de servizo público”.
A este último parecer consideran que unha análise crítica das distintas realidades artísticas, que contribúa a “xerar a normalización e profesionalización do tecido cultural galego precisa dunha relación co medio e coa actualidade que estes cambios de formato anunciado anulan”.
E xa por último engaden “ante circunstancias tan adversas, os abaixo asinantes, actuais colaboradores semanais do Diario Cultural, presentamos a nosa desvinculación a partir do vindeiro 25 de xuño de 2018, coincidindo co remate de temporada e co comezo da programación de verán”.
As persoas que asinaron o documento enviado á Dirección de Programas da Radio Galega son:
Uxía Domínguez Senlle
Miguel Anxo Fernández Fernández
María Xesús Nogueira Pereira
Natalia Poncela López
Antón Rodríguez López
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.