Dúbidas sobre a viabiliade económica do proxecto mineiro de Touro

Ademais das pertinentes avaliacións sobre impacto ambiental e restauración, o documento do Intituto Geológico y Minero de España (IGME) apunta algunhas cuestións "confusas" sobre o rendemento económico do cobre extraído.

Por Galicia Confidencial | Santiago | 18/06/2018 | Actualizada ás 18:56

Comparte esta noticia

O ente estatal que estuda proxectos como o de O Pino-Touro, avaliou tanto a memoria do proxecto como o plano de restauración e o estudo de impacto ambiental. Xunto as consideracións xeolóxico-técnicas sobre o xacemento, que inclúen características xeolóxicas, hidroloxía, recursos e reservas de mineral, o IGME sinala consideracións sobre a viabilidade económica do proxecto.

Lavandeira, de Atalaia Mining, empresa que quere explotar a mina de Touro
Lavandeira, de Atalaia Mining, empresa que quere explotar a mina de Touro

UN CÁLCULO DOS CUSTES "CONFUSO"

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA), enviou un comunicado no que apuntan que o informe do IGME, mostra unha primeira incerteza "a respeito dos cálculos económicos é o "optimismo" da empresa ao supoñer un tipo de troco medio para o $/€ de 1,07, cando nos últimos 10 anos o troco dólar/euro variou entre 1,03 e 1,60 $/€".

No comunicado de ADEGA, tamén se apunta que estas fluctuacións no troco euro/dólar sobre o prezo do cobre teñen "só se teñen en conta para os beneficios do cobre vendido, máis euros por menos dólares, e non para os custos de produción, no que o efecto podería ser o contrario, máis euros gastados".

O IGME segundo a asociación ecoloxista galega, estaría sinalando que o proxecto de Touro efectuaría "un cálculo "confuso" dos custos realizado pola empresa, que ascenderían a uns 700.000€/ano, cifra que o Instituto Geológico y Minero Español non ve fundamentada".

INCERTEZAS SOBRE A VIABILIDADE ECONÓMICA DO PROXECTO

Por outra parte, "na análise de sensibilidade a empresa contempla no peor escenario económico para o proxecto un troco de 1,23 $ por euro €, xustamente o tipo vixente no momento en que o IGME emitíu o seu informe xaneiro de 2018". Segundo ADEGA "este feito colocaría a rendibilidade do proxecto no límite do agardado polos accionistas, e iso sen ter arrancado a explotación".

Outra eiva apuntada polo IGME refírese aos custes da enerxía que presenta a empresa. "Asume que o prezo do Kw permanecerá estábel", o que para o IGME é algo "pouco realista, dada a tendencia alcista dos prezos da enerxía primaria, o cru e a electricidade".

Por último o IGME "conclúe que o informe de viabilidade achegado pola empresa non estuda a interrelación entre os parámetros clave: o tipo de troco $/€ e os custos da enerxía, e recomenda á empresa realizar unha análise máis achegada á realidade".

No comunicado enviado por ADEGA recomendan "a accionistas e posíbeis investidores que terían que achegar 58 millóns de € para sufragar o proxecto", e que por tanto "atendan ás recomendacións do IGME e non se deixen embaucar polos cálculos pouco realistas da empresa".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta