Temas: PUNTOGAL

PuntoGal, cinco anos de dominio propio en Galicia

Desde o 14 ata o 17 de xuño haberá unha promoción especial de rexistros a 5 euros. Xa son case 5.000 os dominios .gal rexistrados.

Por Galicia Confidencial | A Coruña | 13/06/2018 | Actualizada ás 18:38

Comparte esta noticia

PuntoGal está de aniversario. Son xa cinco anos do dominio propio de Galicia na rede e, desde entón, son xa máis de 4.700 os dominios rexistrados, mantendo o obxectivo de rematar o ano por enriba da simbólica cifra dos 5.000 rexistros. O 14 de xuño do ano 2013 a asociación finalizou un longo traballo de preparación, presentación e aprobación da candidatura, iniciado en xuño de 2006, e conseguido co apoio de institucións, asociacións, empresas e miles de cidadáns que asinaron solicitando o .gal para a cultura e a lingua galegas.

Imaxe promocional da galega Dinahosting sobre o puntoGAL
Imaxe promocional da galega Dinahosting sobre o puntoGAL | Fonte: ortegalingua.blogspot.com

Dende a posta en funcionamento da primeira páxina, dominio.gal, o 16 de maio de 2014, moitas entidades se sumaron ao proxecto, empezando polos 93 pioneiros que iniciaron o camiño e viron a luz o 25 de xullo. "A asociación está igualmente satisfeita da taxa de renovación dos dominios, que se mantén en porcentaxes elevadas", apunta a entidade nun comunicado.

Por iso, PuntoGal celebra este xoves o quinto aniversario da concesión do dominio por parte de ICANN, o organismo internacional que regulamenta a rede. E faráo cunha promoción especial de duración limitada. Entre o 14 e o 17 de xuño será posible obter un .gal por tan só cinco euros + IVE como prezo máximo. Os rexistros poderán realizarse nas seguintes empresas adheridas á promoción: Blacknight, CdMon, Core, Dinahosting, Don Dominio, Com Laude e Openprovider. Pódese consultar toda a información sobre a campaña en dominio.gal/promocions/ Co motivo da promoción, lanzarase unha campaña de publicidade en distintas webs e nas redes sociais.

ACTIVIDADES

A asociación segue traballando por incentivar tanto o rexistro de novos dominios como a promoción da lingua e cultura galegas na rede, sexa directamente ou a través de acordos de colaboración con outras entidades. Nese sentido, este ano fixéronse actuacións como o concurso de micro-relatos en colaboración coa Real Academia Galega; a impresión de 12.000 marcapáxinas para celebrar as feiras do libro de Galicia xunto coa Federación de Libreiros, Política Lingüística e o IES Leixa de Ferrol; ou a promoción do Día das Letras da man de ReiZentolo. 

Para o segundo semestre do ano, PuntoGal prepara novas actividades, que abarcan dende a súa presenza na feira Culturgal ata novas iniciativas no ámbito tecnolóxico como xa se fixo no seu momento co lanzamento de i.gal e velaqui.gal en colaboración con Dinahosting.

“PuntoGal quere aproveitar a celebración do aniversario para recoñecer o traballo realizado por todas as persoas que apostaron pola iniciativa dende o principio e dedicaron traballo e tempo, poñendo a partes iguais ilusión e esforzo, para que o dominio galego sexa unha realidade. Igualmente, agradece, como sempre, o apoio da sociedade galega a este proxecto”,  apunta nun comunicado.

Temas: PUNTOGAL
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta