Por E.P. | OURENSE | 10/06/2018 | Actualizada ás 17:20
O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, pediu este domingo ao goberno de Pedro Sánchez a chegada do tren de alta velocidade a Galicia a finais do ano 2019 "se non se poden adiantar os prazos".
"Se non se pode adiantar os prazos, pido que polo menos se cumpra a palabra dada: que a finais do ano 2019 estean a entrar en probas os trens de alta velocidade que nos leven a Madrid", comunicou Feijóo após o acto de celebración do 50 aniversario das adegas Viña Costeira en Ribadavia (Ourense).
"É certo que o Partido Socialista sempre criticou esta data, porque entende que se pode facer antes. Imos ver cando teñamos a reunión co presidente do Goberno e o ministro de Fomento se se poden adiantar os prazos que o Partido Socialista criticou por ser moi longos", abundou.
Nesta mesma liña, o titular do goberno galego asegurou que o tema da AVE preocúpalle. "Dentro do territorio galego, o que nos pode facer máis competitivos neste momento é a entrada do tren de alta velocidade nos prazos marcados a finais do ano 2019", reiterou o presidente da Xunta.
"Ese é o compromiso que temos; eu, como presidente da Xunta, garanto que non teño máis obxectivo que defender ese compromiso diante de calquera presidente de Goberno e calquera ministro", abundou.
Con todo, Alberto Núñez Feijóo garantiu durante a súa intervención no acto de conmemoración do cincuentenario de Viña Costeira que o tren de alta velocidade "chegará ao Ribeiro dentro dun ano e medio como moito". Así mesmo, o titular do goberno galego asegurou que Ourense estará "a dúas horas e cuarto" de Madrid "a finais do ano 2019 coa estación de tren de alta velocidade" na cidade das Burgas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.