O BNG acusa á Xunta de actuar como "home de palla" do franquismo ao "ocultar" documentación do Pazo de Meirás

A oposición do Parlamento critica o "incumprimento" por parte do Goberno galego da lei de implantación do portugués na educación

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/06/2018 | Actualizada ás 17:30

Comparte esta noticia

O deputado do BNG Luís Bará acusou á Xunta de ser un "home de palla político" do réxime franquista por "non actuar" e "ocultar" información e documentación sobre o Pazo de Meirás en Sada (A Coruña), inmoble propiedade da familia Franco e distinguido como ben de interese cultural (BIC). Así o expresou este xoves durante a súa intervención na Comisión 4ª de Educación e Cultura do Parlamento de Galicia, na que compareceu o secretario xeral técnico da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Jesús Oitavén.

O BNG despregou pancartas para pedir a devolución do Pazo de Meirás.
O BNG despregou pancartas para pedir a devolución do Pazo de Meirás.

E é que o grupo dos nacionalistas na Cámara, segundo lembrou Bará, presentou unha solicitude ao Goberno galego o 19 de setembro do pasado ano na que pedía os expedientes informativos e sancionadores tramitados pola Xunta por incumprimento do réxime de visitas ao Pazo de Meirás por parte da familia do ditador.

Así mesmo, o BNG solicitou os convenios asinados polo Executivo autonómico cos propietarios do inmoble e os escritos enviados e recibidos entre a Administración e a Fundación Franco.

Neste contexto, Bará afirmou na comisión que "non recibiron resposta respecto" da solicitude, polo que preguntou á Dirección Xeral Técnica da Consellería porque "incumpre" a obriga de trasladar información ao Parlamento galego.

Pola súa banda, Oitavén recoñeceu que "non son capaces de cumprir" con esta demanda "a tempo", pero descartou que iso implique un "ánimo de ocultación". "Hai unha dinámica de atender os asuntos coa máxima dilixencia posible", asegurou.

"COMPROMISO" CON RECUPERAR O PAZO

Ademais, o director xeral valorou o "traballo" do equipo da Consellería, xa que, segundo as súas cifras, compareceron un total de 129 veces na Comisión 4ª, e reafirmou o "compromiso" da Xunta con "recuperar" o Pazo de Meirás para que volva a mans públicas "sen que teña un custo para a cidadanía galega".

Durante a quenda de réplica, Bará pediulle que "non presuma" de ser transparentes cando manteñen "sen resposta" as demandas do grupo nacionalista, que son, segundo o deputado, "cuestións sensibles e incómodas" para a Administración autonómica. "Hai algo que cheira a podrecido", esgrimiu.

Ante iso, Oitavén pediu "desculpas" para despois espetar a Bará que, durante a súa etapa como director xeral de Creación e Difusión Cultural do Goberno do bipartido de Emilio Pérez Touriño, o departamento que dirixía o nacionalista mantivo "sen responder" o 85 por cento das cuestións que se lles trasladou.

POLÍTICAS COA LUSOFONÍA

Noutra orde de cousas, na Comisión 4ª tamén compareceu o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, para informar á Cámara sobre as accións para fomentar os lazos culturais e lingüísticos de Galicia coa lusofonía, segundo contempla a Lei 1/2014, coñecida como Lei Valentín Paz-Andrade.

Neste contexto, García explicou que o seu departamento impulsou a colaboración entre a Corporación de Radio e Televisión de Galicia (CRTVG) e a Radio e Televisão de Portugal (RTP) para a emisión de contidos en portugués, así como o fomento da inclusión do idioma portugués no ensino público, entre outras medidas.

Segundo as súas cifras, hai actualmente máis de 2.600 alumnos aprendendo portugués en centros públicos, despois de que no último ano esta cifra se incrementase en 498 estudantes. "Esperamos que a demanda siga aumentando", expresou.

Con todo, os grupos da oposición acusaron ao Executivo autonómico de "incumprir" a normativa polo "abandono" e a "falta dunha planificación estratéxica" na inclusión da lingua lusa en Galicia, tal e como destacou a parlamentaria do BNG Olalla Rodil.

Ademais, de acordo cos seus datos, a oferta da Xunta nesta materia está "a diminuír", xa que no último ano se ampliou esta oferta a "apenas oito centros, cando nos dous anteriores se incrementou en 52".

Pola súa banda, a deputada do PSdeG Concepción Burgo afirmou que a Consellería "consegue moi pouco" porque rexistra "un crecemento pequenísimo" dos alumnos que estudan portugués, que supón, segundo asegurou, menos do un por cento en Educación Primaria.

Burgo tamén incidiu en que "non se está facendo nada" en materia de relacións exteriores co mundo da lusofonía, xa que, segundo as súas palabras, só hai "obxectivos xenerais, como con outros países".

Así mesmo, a deputada por En Marea Luca Chao tachou de "moito ruído e poucas noces" o que o secretario xeral trasladou á comisión, e lamentou que a Lei Paz-Andrade, aprobada hai catro anos, "non ten case ningunha consecuencia".

Durante a quenda de réplicas, García achacou todo iso a que "depende da demanda" e a que Galicia "non precisa adquirir competencias para entender o portugués". Segundo o secretario xeral, ese é "o razoamento dos alumnos" para non escollelo como segundo idioma estranxeiro nos seus estudos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta