Egoísmo ou país

Xosé Manuel Beiras ven de recoñecer que a esquerda española coa que pactou para construir En Marea non acredita a serio na plurinacionalidade do Estado. Porén, pensa que na Galicia pode haber unha coalición transversal gañadora que lle gañe ao PP e chama a non se confundir de inimigo nin de adversario.

Por X.A. Pérez-Lema | A Coruña | 27/05/2018

Comparte esta noticia

Galicia é un país co 5,5% do PIB e o 5,1 da poboación do Estado. Ou sexa, que temos intereses como País, ben  distintos aos dos outros territorios do Estado. Podemos pode ser un aliado táctico do galeguismo, nunca o núcleo dun grupo parlamentario no que se integre a representación galega. En Marea  non foi quén de visibilizar Galicia e os seus intereses no Congreso estatal. Cómpre outra fórmula para as vindeiras eleccións estatais que posibilite o protagonismo do noso País e das nosas maiorías sociais. Deses intereses tan definidos e distintos dos que imperan non só nas elites, senón nas maiorías sociais doutros países do Estado.

León do Congreso
León do Congreso

Até hai moi poucos días semellaba que a lexislatura remataría na primavera do 2020. Mais a moción de censura do PSOE, fracase ou gañe,enfróntanos a unha lexislatura con remate na fin de 2018 ou no primeiro semestre do 2019. Cómpre amañar o erro de 2015-2016 e garantir un Grupo Galego.

Diante da actual enxurrada de supremacismo españolista e de recentralización empresarial, social e política cómpre unha coalición nacional, á corsa, interclasista e transversal, de toda caste de forzas políticas e sociais galegas que teñan o País como centro de decisión e cerne da súa cosmovisión. Que integre BNG, En Marea, Compromiso por Galicia, candidaturas municipalistas e outras forzas de soberanía galega ou municipal para defender, afirmar e proxectar no Estado e na Unión Europea a nosa identidade nacional,lingüística e cultural e os nosos intereses económicos e sociais, ao tempo que xogue a prol dunha reforma constitucional do Estado que garanta o meirande autogoberno de Galicia como mellor instrumento para garantir a calidade de vida e o bnestar da cidadanía galega.

O intelectual e filólogo angloirlandés Craig Patterson é un claro exemplo dos europeos que escollen Galicia  e a súa lingua como patria de adopción. Estoutro día, falando dun tema moi semellante, dicíame que ou trunfaba o egoísmo ou trunfaba o País. Ten razón.

É tan dificíl arrumbar os sectarismos, eses “eu con fulano non vou”, os intereses miúdos dos partidos e persoeiros políticos para construir unha coalición nacional gañadora?

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xoán Antón Pérez Lema Licenciado en Dereito e graduado en Administración de Empresas. Leva exercendo a avogacía máis de vinte anos e dirixe o seu propio despacho n’A Coruña, con nomeada adicación ao Dereito Administrativo e Mercantil . Foi profesor da Escola de Práctica Xurídica do Colexio de Avogados coruñés e da Facultade de Ciencias Sociais da Universidade de Vigio. Arestora imparte a docencia no primeiro programa de asesoría xurídica de empresa que se desenvolve en Galicia, no Instituto de Finanzas e Formación Empresarial (IFFE).Publicou varios traballos sobre temática xurídica. Foi xefe de gabinete do Conselleiro da Presidencia Pablo González Mariñas, sendo Presidente Fernando González Laxe e secretario xeral de Relacións Institucionais na Vicepresidencia da Xunta ás ordes de Anxo Quintana (2007-2009). Fpoi asesor xurídico do Consello da Xuventude de Galicia (1991-1997) e tivo unha intensa actividade na defensa penal de obxectores e insumisos até que se acadou a supresión do servizo militar obrigatorio. Colaborador da Radio Galega e da TVG e de varios xornais, revistas e emisoras de Radio e TV galegas.