Temas: VALDEORRAS VIñO

Viño galego á conquista do mercado británico

O Presidente do Consello Regulador de Valdeorras e o director técnico serán os embaixadores dos viños desta D.O. na “London Wine Fair”, feira de gran relevancia e proxección internacional.

Por X.M. Fernández | Vilamartín de Valdeorras | 23/05/2018 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

A Denominación de Orixe Valdeorras participa cun stand propio na 38ª edición da London Wine Fair, un dos foros vinícolas máis relevantes de cantos se celebran no ámbito europeo. Dende o luns, o presidente do Consello Regulador e o director técnico do organismo atenderán persoalmente a todas aquelas persoas que se acheguen ata o espazo expositor valdeorrés.

Stand da D.O. Valdeorras. Fonte: Consello Regulador
Stand da D.O. Valdeorras. Fonte: Consello Regulador

“Trátase dunha feira moi relevante que nos axudará a dar proxección internacional aos nosos viños”, considera José Luis García Pando, presidente do Consello Regulador. “Durante estes tres días que dura o foro, esperamos dar a coñecer os nosos brancos e tintos entre diferentes grupos de interese tales como distribuidores, maioristas, importadores de bebidas e compradores clave do canal de venda ao detalle e do canal Horeca (restauradores, sumilleres, propietarios de pubs ou bares e responsables de hoteis), así como entre xornalistas especializados e outros prescritores relevantes”.

O mercado británico

O máximo responsable da D.O. sinala tamén que o Reino Unido é o seu mercado exterior máis relevante e por iso queren coidalo especialmente. Para Valdeorras é especialmente importante “en termos cuantitativos” xa que na última campaña exportáronse máis de 65.000 litros de viño.

Dentro do stand de Valdeorras, daranse a coñecer máis de 30 referencias dunha ducia de bodegas da comarca.

A London Wine Fair

A 38ª edición da London Wine Fair reunirá 14.000 viños de 40 países diferentes nun recinto de máis de 17.000 metros cadrados. É unha feira centrada no sector do viño aínda que tamén se dá cabida á exposición de bebidas espirituosas e está dirixida, en exclusiva, ao público profesional do Reino Unido.

Temas: VALDEORRAS VIñO
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta