Temas: ZAS AUDIOVISUAL

Do "Fouciño Sanguento" a un festival de curtas que colle forza na Costa da Morte

A localidade de Baio no concello de Zas, acolle por terceiro ano a convocatoria dos Premios Fouciño. Este é un concurso para curtametraxes e se pode participar en dúas categorías, para centros de ensino e categoría aberta.

Por Galicia Confidencial | Zas | 21/05/2018 | Actualizada ás 14:41

Comparte esta noticia

A Costa da Morte está sendo nos últimos meses o epicentro da creatividade audiovisual en diferentes formatos. En concreto, este mes de maio o día 31 remata o prazo para presentar curtametraxes para os III Premios Fouciño. Hai dúas categorías, unha para centros de ensino que non inclúen centros de FP ou universitarios. A outra categoría é a aberta onde si poderán participar desde persoas físicas a xurídicas e estudantes que desexen presentar pezas independentemente dos seus centros educativos.

O cineasta Jorge Coira e a guionista Araceli Gonda son algúns dos impulsores do festival Fouciño
O cineasta Jorge Coira e a guionista Araceli Gonda son algúns dos impulsores do festival Fouciño

Mabel Montes, da organización dos Premios Fouciño, describe as dúas categorías como “a aberta está máis orientada a calquera creador ou creadora que desexe enviar as súas obras que tamén pode ser algo máis profesional, e a outra, a orientada aos centros de ensino, é onde facemos máis esforzo”. Sobre os premios, existen tres apartados. “Un apartado é para a mellor curtametraxe dentro da categoría dos centros educativos, outra para a mellor curta da categoría aberta e despois hai un premio do público”.

Esta terceira edición do Fouciño ten unha dotación maior para os premios. A categoría aberta terá un premio de 700€, mentres que o premio para centros de ensino será de 300€. “Este ano a organización e soporte financeiro corre a cargo do Concello de Zas, ata o de agora faciámolo cunha asociación cultural de Zas, pero este ano o concello asumiu o finanzamento do festival” como apunta Mabel Montes.

O nacemento deste festival débese a unha serie de “arroutadas” como tamén explica Mabel. “Un grupo de persoas novas hai vinte anos fixemos un filme tituladoFouciño Sanguento. Ese foi a cerna desta idea, porque hai dous anos cumpríanse vinte da gravación daquel filme” a partir de aí “ocorréusenos o festival para que tamén participase a veciñanza”. Con todo a organización “funciona en base ao voluntarismo tanto da organización como dos veciños e veciñas que cada vez se implican máis”. Pero tamén está a idea de ofrecer o festival dos Premios como unha plataforma para lanzar os traballos de persoas con ideas xa materialziadas en pezas audiovisuais.

Ademais do concurso hai outras actividades como a semana cultural entre o 25 de xuño ao 29 de xuño, e aí proxectarán títulos xa coñecidos como “Matria” de Álvaro Gago, premio no festival de cinema independente de Sundance. “Historia dun satélite” de dúas creadoras que son xemelgas de nai galega, chamadas as Also Sisters, pero viven en Utah, Estados Unidos. “Costa da Morte” o documental de Lois Patiño, “Pelerinaxes” de Simone Saibene, italiano afincado en Galicia.

A xornalista Mabel Montes, unha das impulsoras do Festival Fouciños en Baio
A xornalista Mabel Montes, unha das impulsoras do Festival Fouciños en Baio | Fonte: FB

Haberá tamén obradoiros infantís de creación audiovisual, como o do ano pasado que era de StopMotion. Haberá outro obradoiro para adultos para aprenderlles a usar o móbil para gravar vídeos, sacar fotos e outros rendementos. Pola noite haberá outro festival de música con bandas como Monqup ou Músculo. Todas as actividades son de balde. O padriño da edición dos Premios Fouciño deste ano é o actor Santi Romai.

Temas: ZAS AUDIOVISUAL
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta