A Xunta: "Nunca tanto se escribiu e se coñece o galego como agora"

O presidente da Xunta destaca o alto coñecemento do idioma que teñen os galegos, aínda que recoñece que "lle preocupa" que sexa falado moi pouco polos máis novos.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 18/05/2018 | Actualizada ás 15:25

Comparte esta noticia

As comarcas periurbanas galegas son xa maioritariamente castelanfalantes. De feito, A porcentaxe de galegofalantes na comarca de Vigo é do 27%, mentres que no Morrazo chega ao 39,9%, mentres que só 6 das 20 áreas comarcais galegas son áreas galegofalantes. De feito, na cidade máis poboada de Galicia só un 6,8% dos rapaces/as e un 3% dos cativos e cativas utilizan este idioma de forma diaria tal e como publicou en diferentes reportaxes estes días Xornal de Vigo.

Unha profesora durante unha clase de galego
Unha profesora durante unha clase de galego

E a pesar destes datos demoledores recollidos polo Seminario de Sociolingüística da Real Academia Galega (RAG) nos últimos 20 anos, a Xunta insiste en destacar que, agora, se entende e se sabe escribir o galego moito máis que nos anos noventa. "Nunca tanto se escribiu e se coñece como agora. Coñécese máis sintáctica e vocabulario que antes", dixo o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, este xoves.

Preguntado por Galicia Confidencial sobre estes alarmantes datos, Feijóo destacou a política que o seu goberno leva realizando estes anos, pero tamén recoñeceu que existe un problema co uso do galego nas zonas urbanas que "hai que atallar". "É certo que hai unha franxa de poboación que deixou de falar galegos cos seus pais, e entre eles, e iso é algo que nos preocupa", comentou. Con todo, non aportou información sobre as medidas para atallar esta situación.

O presidente galego suliñou que este xoves, durante a celebración do Día das Letras Galegas por parte da Real Academia Galega (RAG), "ninguén falou desta problemática". Referíase ás declaracións que tanto o presidente desta institución Víctor Freixanes, como o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, fixeron a Galicia Confidencial, sobre os principais problemas aos que se afronta o galego.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta