Temas: FRASEOLOXíA

"De rapar e peitear" mellor que a expresión en español "de armas tomar"

O lingüista Xosé Antonio Pena Romay publica unha nova entrega da sección de fraseoloxía "Verbas sisudas non queren testemuñas".

Por Xosé Antonio Pena | Compostela | 26/05/2018 | Actualizada ás 12:00

Comparte esta noticia

Cando unha persoa ten moito xenio e un carácter forte, decidido e enérxico, mesmo ata o punto de que haxa que andar con moito tino e coidado con ela, en castelán adóitase dicir que é unha persoa de armas tomar. Sen prexuízo de que a Real Academia Galega, institución a quen lle corresponde establecer a normativa da lingua galega a todos os niveis, sancione ou condene a dita locución, o que si é certo é que en galego temos expresións propias que dan conta da mesma realidade. Vémolas a seguir:

Fouciño
Fouciño | Fonte: wikipedia

De armas tomar

{= 1. Aplícase á persoa de moito xenio e de carácter forte, decidido e enérxico, mesmo ata o punto de que haxa que andar con moito tento con ela. 2. Aplícase á persoa que resulta pouco de fiar, perigosa ou sospeitosa, e coa que hai que andar con ollo.}

De rapar e peitear

De rabo de rola && De rabo de rula

De faca e callao

● Mesmo tamén, asociada xa a un rexistro máis popular e coloquial, ou mesmo vulgar:

De carallo virado

Ex. (1): Tened cuidado con los instructores de la academia, que son de armas tomar y no permiten ni el más mínimo descuido ni indisciplina.

Tede conta cos instrutores da academia, que vos son de rapar e peitear de rabo de rola de faca e callao de carallo virado e non permiten nin o máis mínimo descoido nin indisciplina.

Ex. (2): Que no se fíen demasiado de sus refinados y melosos modales, que cuando lo conozcan bien verán que es de armas tomar.

Que non se fíen moito das súas refinadas e melosas maneiras, que cando o coñezan ben verán que é de rapar e peitear de rabo de rola de faca e callao de carallo virado.

● Tamén, para a primeira acepción:

De arrimar os cans ás paredes

Ex.: Tede conta cos instrutores da academia, que vos son de arrimar os cans ás paredes e non permiten nin o máis mínimo descoido nin indisciplina.

● Tamén, sobre todo para a segunda acepción:

De (mucho) cuidado && De (mucho) abrigo

De (moito) coidado && De (moito) abrigo

● Tamén, en contextos, e sobre todo para a segunda acepción:

De aúpa

De moito nabo && De moito nabizo && [E TAMÉN, ASOCIADAS A REXISTROS MÁIS POPULARES E COLOQUIAIS, OU MESMO VULGARES]: De moito carallo && De # Que manda carallo && De # Que manda carallo co angazo && De # Que manda carallo na Habana

Ex.: Que non se fíen moito das súas refinadas e melosas maneiras, que cando o coñezan ben verán que che é de moito abrigo verán que che é de moito nabizo/nabo verán que che é de moito carallo verán que manda carallo (na Habana # co angazo) con el.

NOTAS:

1. É probable que para esta expresión a segunda das acepcións teña, tanto en galego coma en castelán, menos porcentaxe de uso cá primeira.

Así mesmo, e en relación con esa segunda acepción, cómpre ter en conta que, en función dos contextos, as expresións que aquí se recollen tamén poderían compartir espazos de uso con outras que veremos cando tratemos paremias do tipo de ser falso como una mula o ser un buen pájaro, entre outras.

2. A voz rola (variante de rula) pronúnciase con “o” pechado.

3. Velaquí un pequeno repaso léxico a léxico que se cadra resulta descoñecido ou dubidoso para algúns lectores (naqueles casos en que tiramos literalmente a definición do Dicionario da Real Academia Galega [DRAG] en liña, sinalámolo):

Faca (DRAG): substantivo feminino Tipo de navalla, de tamaño considerable, co cabo de corno e a cota recta ou algo curvada cara a abaixo.

Callao (DRAG): substantivo masculino Pedra pequena, particularmente a que a erosión tornou lisa e arredondada. Sinóns.: coio, croio, seixo, canto, bocha, cañó, pelouro, riarengo, xoga.

Rula (DRAG): substantivo feminino Ave da familia dos colúmbidos da que existen varias especies, de cor gris na cabeza e na parte superior do corpo, onde pode ter pencas ocres, e cunha ou máis raias brancas e negras no pescozo. Sinón.: rola. [Correspóndese coa ave que en castelán se denomina como tórtola.]

Angazo (DRAG): substantivo masculino Apeiro formado por un mango longo rematado nun dos extremos por un pau atravesado que ten dentes de madeira ou de ferro formando unha especie de peite. Sinón.: anciño. Forma menos recomendable: engazo. [Correspóndese ó que en castelán se denomina como rastrillo.]

3. As expresións galegas están tiradas das seguintes fontes:

- Recolleita propia da oralidade galega.

- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).

- Cuns Lousa, Xulio: “Rabusco”. En Anuario Brigantino, 12, 1989, páxs. 259-287.

- Hermida Alonso, Anxos: “Fraseoloxía de Matamá (Vigo)”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 11, 2009, páxs. 283-304. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- López Barreiro, Margarita: “Frases feitas do Cachafeiro (Forcarei)”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 8, 2006, páxs. 317-327. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Martínez Seixo, Ramón Anxo (dir.): Dicionario fraseolóxico galego. Edicións A Nosa Terra, Vigo, 2000.

- Noriega Varela, Antonio: Como falan os brañegos. Ed. Nós, 1928, A Coruña.

- Penín Rodríguez, Dorinda: “Frases feitas de San Lourenzo de Abelendo”. Cadernos de Fraseoloxía Galega, 10, 2008, páxs. 255-264. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Veiga Díaz, Maite: “Pequena contribución á fraseoloxía galega”. Cadernos de Lingua, 14, 1996, páxs. 85-100.

Temas: FRASEOLOXíA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 unmais

Refinadas e melosas?, gosto mais de requintadas e doces, o de refinadas ainda o teño ouvido en galego, pero o de meloso, por doce, dondo, amante, suave, nunca, mais ben parece un calco do castelan