A Escola de Administración Pública enxalza a María Victoria Moreno e o seu compromiso coa lingua

Rueda subliña o "simbolismo" do acto e a "normalidade" no uso do galego para a realización de trámites administrativos

SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/05/2018 | Actualizada ás 18:25 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

A Escola Galega de Administración Pública (EGAP) iniciou este mércores as celebracións conmemorativas do Día das Letras Galegas cun acto literario no que se enxalzou a figura de María Victoria Moreno e o seu compromiso coa lingua.

Acto do Día das Letras, coa presenza de Alfonso Rueda
Acto do Día das Letras, coa presenza de Alfonso Rueda | Fonte: Europa Press

Antes do acto, en declaracións aos medios, o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, subliñou que este evento que "se repite" nos últimos anos ten "moito simbolismo", tendo en conta que serve para que a EGAP poida "testemuñar" a súa vinculación e compromiso co "uso do galego" como "lingua vehicular".

Tamén o "convencemento", remarcou, de que o galego é o idimoa no que se fan "con normalidade" os trámites administrativos da Xunta. "É un acto que se vai consolidando ano a ano e eu encantado de celebrar cos traballadores públicos o Día das Letras", celebrou.

Durante o acto, a directora da Escola, Sonia Rodríguez-Campos, resaltou a figura da homenaxeada nesta edición, definíndoa como "unha muller adiantada ao seu tempo, loitadora e fortemente comprometida" co idioma.

"A pesar de nacer fóra de Galicia, a súa fascinación pola nosa terra e polo galego traduciuse nunha entrega absoluta á defensa e á promoción da lingua que marcaría tanto a súa produción literaria como o seu labor docente", apostilou.

ACTO LITERARIO

O acto literario dedicado a María Victoria Moreno contou coa presenza de Fina Casalderrey, escritora e académica da Real Academia Galega, que centrou a súa intervención na vida e obra da autora homenaxeada. Tamén cunha actuación musical de Emilio Rúa.

Finalmente, incluíu a inauguración dunha mostra de arte que recolle creacións do persoal empregado público.

Esta exposición, dispoñible na EGAP até o 15 de xuño, está conformada por 22 pezas artísticas elaboradas con diferentes técnicas.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta