A solución do Estado para As Catedrais: pechar as covas

A administración central ten todas as competencias na xestión do espazo marítimo terrestre.

Por Galicia Confidencial | Ribadeo | 16/05/2018 | Actualizada ás 14:49

Comparte esta noticia

A Xunta solicitou o peche cautelar das covas e corredores da Praia dás Catedrais, en Ribadeo (Lugo), tras detectar risco de caídas e desprendementos de bloques ou pedras que suporían un "grave" perigo para "a seguridade das persoas".

Covas na praia das Catedrais en Lugo
Covas na praia das Catedrais en Lugo

Así o decidiu a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio tras analizar as conclusións dun estudo encargado á Fundación da Enxeñaría Civil de Galicia sobre o estado do monumento natural tras o accidente ocorrido no mes de marzo, cando faleceu unha turista de Valladolid á que caeu unha pedra encima.

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio pediu o peche deste espazo ao Estado, a administración competente en dominio público marítimo terrestre. Ademais, informou da solicitude ao alcalde da localidade, Fernando Suárez, nunha reunión mantida este mércores.

Segundo o informe preliminar e por mor das visitas realizadas á praia polo equipo investigador, estímase que ao longo dunha parte importante da praia existe un risco, aínda non cuantificado, de caídas e desprendementos de bloques ou pedras de distintos tamaños, o que "suporía un grave risco para a seguridade das persoas que estean nas proximidades", tal e como explicou o departamento autonómico. Este perigo de caída de material, conforme sinala a Consellería de Medio Ambiente, é "maior" en xeral baixo as covas, os corredores e os arcos litorais, zonas que coinciden coas de maior afluencia de visitantes.


O ESTADO, A ADMINISTRACIÓN "COMPETENTE"

Ante estas cuestións, o departamento autonómico formulou esta solicitude ao Estado, a administración competente en dominio público marítimo terrestre. Así, a Xunta lembra que a Lei de Costas atribúe á Administración estatal a protección do dominio público marítimo terrestre co obxectivo de asegurar tanto o mantemento da súa integridade como o seu uso público e os seus valores paisaxísticos.

Por este motivo e atendendo á distribución de competencias entre administracións, a consellería solicitou por carta ao Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente que proceda a pechar o acceso ás zonas de praia máis sensibles a posibles desprendementos, tal e como aconsellan os técnicos.

Ademais, a directora xeral de Patrimonio Natural, Ana Díaz, informou desta medida ao alcalde da localidade, Fernando Suárez, nunha reunión mantida este mércores e na que tamén participaron o xefe do servizo provincial de Costas, José Miguel Estevan.

CONCLUSIÓNS "PRELIMINARES"

O departamento que dirixe Beatriz Mato sinalou que as conclusións sobre o estado actual das Catedrais son aínda "preliminares" polo que "haberá que esperar" a que o estudo da Fundación da Enxeñaría Civil de Galicia estea máis avanzado para "poder dispor dunha caracterización xeolóxico-geotécnica de todo o monumento natural".

En todo caso, mentres non se dispoña do estudo definitivo, a Xunta considera que "o máis adecuado" é pedirlle ao Goberno do Estado a adopción das medidas oportunas para garantir a seguridade das persoas e, entre elas, se procede, a prohibición de acceso ás covas, arcos litorais e corredores da praia de forma provisional.

Por último, a Xunta destacou que as súas competencias nesta praia limítanse á protección dun monumento natural desde o punto de vista ambiental e cun obxectivo conservacionista, co obxectivo de preservar este espazo de posibles agresións e evitar a súa deterioración.

"Neste sentido, é o Estado, e máis concretamente o departamento competente en materia de costas, quen pode adoptar as medidas de policía preventiva necesarias para garantir a seguridade dos posibles visitantes; e de forma subsidiaria, o Concello de Ribadeo, como administración responsable en materia de seguridade pública", incidiu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 anonimo

Pois semella loxico.

1 Fluki

xeolóxico-geotécnica ?????