Mina de Touro: "A demora na resposta da Xunta fai aumentar a alarma social"

A Plataforma en Defensa da Ría de Arousa e a Plataforma Veciñal Mina Touro-O Pino Non, esperan que a lei de transparencia lles permita acceder ao expediente da mina de Touro.

Por Galicia Confidencial | Santiago | 07/05/2018 | Actualizada ás 16:23

Comparte esta noticia

Logo da reunión mantida coa Valedora do Pobo o pasado dia 3 de maio, a Plataforma pola Defensa da Ría de Arousa (PDRA), fixo unha valoración da reunión mantida a semana pasada coa responsable da institución.

Plataforma Defensa da Ría de Arousa
Plataforma Defensa da Ría de Arousa

A reunión celebrouse logo do que  a PDRA presentase un escrito para poder acceder ao expediente de Cobre San Rafael e consultar así os diferentes movementos que a empresa estivo a realizar no emprazamento da mina de Touro. Pasados tres meses e ao non teren resposta, a PDRA enviou un escrito á Comisión de Transparencia que abriu un expediente para solicitar a información á Consellería de Industria.

O encontro coa Valedora, segundo a Plataforma "confirmounos que a nosa solicitude está amparada pola Lei do Valedor pero tamén pola Lei de Transparencia. Que estamos no noso dereito a que se nos dea a información requerida en forma e prazo e se nos permita o acceso aos expedientes" din nun comunicado emitido aos medios.

Non obstante, os colectivos reunidos baixo a PDRA constatan que "a Valedora é unha mediadora que se compromete a actuar na defensa do noso dereito a acceder a esa información pero non pode garantizarnos que no la dean". Nese sentido, preguntan se o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, cumprirá coa lei de transparencia e dará a información que piden os colectivos que se reuniron coa Valedora.

"Se a Dirección Xeral de Enerxía e Minas non nos dá toda a información, vai tomar algunha medida o señor Rueda? Ou vai mirar para outro lado? Mirará para os intereses dos sectores produtivos galegos ou mirará para Chipre?" din en referencia ao domicilio fiscal de Atalaya Mining, empresa matriz do proxecto Mina Touro-O Pino.

"En calquera caso a demora en darnos a información solicitada non fai máis que aumentar a alarma social xerada polas consecuencias ambientais da mina de Touro" avisan. Tamén sinalan que "canto máis tempo tarden e máis atrancos poñan, máis confirmación das nosas sospeitas de que están ocultando información sensible". Sobre este aspecto din que as autoridades "non teñen unha posición neutral na tramitación administrativa do novo mega-proxecto de Atalaya Mining".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta