Muíños da Regueira e do val fluvial do río Lourido, o patrimonio esquecido

A Asociación ambiental e cultural Petón do Lobo denuncia que o plan de ordenación do Concello de Cabana de Bergantiños obvia este importante conxunto etnográfico e patrimonial e o do val fluvial do Lourido.

Por Galicia Confidencial | Cabana de Bergantiños | 25/04/2018 | Actualizada ás 12:05

Comparte esta noticia

O Plan xeral de ordenación municipal do Concello de Cabana de Bergantiños, aprobado inicialmente por acordo do Pleno do 22 de marzo de 2018, "esquece catalogar o importante conxunto etnográfico e patrimonial dos doce muíños da Regueira, na parroquia de Corcoesto", denuncia a Asociación ambiental e cultural Petón do Lobo.

Muíño de Baralláns, no val fluvial do río Lourido
Muíño de Baralláns, no val fluvial do río Lourido | Fonte: Petón do Lobo.

A asociación tamén critica que o plan obvia o patrimonio etnográfico do val fluvial do Lourido, e en concreto, os muíños do Prillán e de Baralláns, ademais de a ficha de patrimonio do antigo cemiterio civil de Corcoesto.

Estas omisións estarían a incumprir a Resolución do 14 de febreiro de 2017 da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio da Xunta de Galicia, que establecía o alcance do documento e, expresamente, a recollida deste patrimonio pola súa importancia.

O conxunto etnográfico e patrimonial da Regueira está formado por 12 muíños, dos que dous foron muíños de maquía e os restantes, de herdeiros ou de pezas (o muiño coñéceselle polo nome da familia que tivese máis pezas ou días de moenda). Algúns deles dispoñen dunha canle ou acueduto que conduce a auga ao muíño, outros en cambio, son muiños de cova, afundidos no cauce do río e onde a auga vertía directamente neles.

O lugar de A Regueira é un área de alto valor ambiental e ecolóxico. Ademais da vexetación de ribeira e riparia, hai algunha fraga de árbores autóctonas de gran beleza natural e paisaxística.

Muíño no val fluvial do río Lourido
Muíño no val fluvial do río Lourido | Fonte: Petón do Lobo.

Os muíños 1 e 2 están ubicados baixo da ponte da Regueira. Os outros localízanse augas arriba ao longo do cauce, o rego de Santa Margarida, que nace en Baneira, aos pés do monte Perrol. Atravesa o val de Bello e de Cures ata chegar A Regueira, onde recolle as augas doutros cauces menores para rematar no río Cardezo, afluente do río Anllóns.

O esplendor destes muiños estivo entre a década dos anos 1920 ata 1970. A Regueira era o centro da vida social, económica e cultural destes anos. A chamada “Casa de Pedro da Regueira”, hoxe parcialmente en ruínas, chegou a ser incluso sede de varios plenos municipais, naquelas datas nas que o concello de Cabana de Bergantiños non dispoñía de casa consistorial e mentras esta era construida. Dispoñía de tenda ultramarinos, ferretería, librería, bar e casa de apostas (timba). O muiño nº 6 e 7 chegaron a ser refuxio dos Foucellas durante a dictatura.

A listaxe dos muíños é esta:

Muíño Nº. 1 ou Muiño de Leis de Cardezo.

Muíño Nº 2 ou Muiño de Martínez.

Muíño Nº 3 ou Muiño da Señora e de  Sánchez.

Muíño Nº 4 ou Muiño de Baneira.

Muíño Nº 5 ou Muiño do Camiño.

Muíño Nº 6 ou Muiño de fariña de millo da Regueira (muiño de maquía).

Muíño Nº 7 ou Muiño de fariña de trigo da Regueira (muiño de maquía).

Muíño Nº 8 ou Muiño de Vinculeiro e do Picoto.

Muíño Nº 9 ou Muiño dos González.

Muíño Nº 10 ou Muiño do Campo do Río.

Muíño Nº 11 ou Muiño do Medio.

Muíño Nº 12 ou Muiño de Xan.

Muíño de Xan, na Regueira, en Cabana de Vergantiños
Muíño de Xan, na Regueira, en Cabana de Vergantiños | Fonte: Petón do Lobo.
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta