O PP galego xustifica que dirixentes do partido falseen titulacións: “Xa deron as súas xustificacións”

O líder do PP de Pontevedra, Alfonso Rueda, asegura que a súa número dous, Nídia Arévalo, xa retirou do seu currículo unha titulación falsa en Químicas que non tiña. Por iso mesmo dimitiu a pasada semana un deputado de Podemos.

Por Xurxo Salgado | Compostela | 19/04/2018 | Actualizada ás 15:22

Comparte esta noticia

A alcaldesa de Mos, número dous do PPdeG en Pontevedra e voceira popular na Deputación de Pontevedra, Nídia Arévalo, foi ata hai un ano “licenciada en Químicas”. Logo de que o grupo municipal de GañaMos desvelara que non tiña titulación universitaria ningunha, cambiou o seu currículo da web oficial do PP e da deputación sen consecuencias políticas ningunhas.

Nidia Arévalo con Alfonso Rueda
Nidia Arévalo con Alfonso Rueda | Fonte: comarcasnarede.com

A  diferencia do que acontece coa presidente da Comunidade de Madrid, Cristina Cifuentes, ou co xa ex deputado de Podemos Juan Merlo, Arévalo non dimitiu. Lonxe de facelo, a dirixente do PPdeG respondeu insultando ao grupo que desvelou esta irregularidade: “A min eses non me chegan nin a punta dos nocellos”, dicía en declaracións a La Sexta. Merlo dimitiu a pasada semana exactamente polo mesmo que fixo Arévalo, --dicir que tiña unha titulación universitaria que non tiña--. 

No PP de Pontevedra xa foron dous os altos cargos deste partido que piden “rexeneración” e “dimisións” por este tipo de prácticas. Primeiro foi o rexedor de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, e este mesmo xoves o presidente de Nuevas Generaciones, o concelleiro de Vigo, Diego Gago. “Pido a dimisión dos políticos que di ter un título e non o teñen”, dicía contundentemente nunha entrevista no Faro de Vigo rachando a lei do silencio imposta polo seu partido sobre esta cuestión.

"RETIROU ISO DO CURRÍCOLO"

Preguntado por Galicia Confidencial sobre estas declaracións e por se tanto Cifuentes como Arévalo deben de dimitir, o vicepresidente da Xunta e líder do PP de Pontevedra, Alfonso Rueda, tamén era ben claro sobre a postura oficial do seu partido. “Iso non é novo e xa cando aconteceu –Nídia Arévalo-- espuxo as súas xustificacións e retirou iso do currículo”, dixo.

Sobre Cifuentes, resposta semellante; “Hai dúas investigacións abertas e non hai que adiantarse aos acontecementos”, dixo. De paso, atacou á oposición: “Non se pode ser como algúns que, exemplos para dar, bastante poucos”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta