Tribunais-. Condenado a case 15 anos de cárcere o celador que apuñalou no pescozo a unha enfermeira de Povisa

Deberá indemnizar en 384.000 euros á muller, que ten recoñecida unha incapacidade permanente polas secuelas

VIGO | 11/04/2018 | Actualizada ás 19:00 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

A Sección Cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra ditou sentenza condenando a 14 anos e 11 meses de prisión a Juan Carlos F., excelador do hospital vigués Povisa, por un delito de asasinato en grao de tentativa, e que foi xulgado por apuñalar no pescozo á súa exparella, enfermeira nese mesmo hospital.

Os feitos ocorreron á primeira hora da mañá do 12 de abril de 2015, e o tribunal considerou probado que Juan Carlos F., que levaba a cabeza, rostro e mans cubertos, abordou á súa exparella, Mónica, cando ésta saía do seu domicilio para ir traballar. Co ánimo de acabar coa súa vida, após golpeala e apuñalala nun costado, arrastrouna até un soto do edificio, onde a apuñalou no pescozo de forma tan violenta que o coitelo rompeu.

A Audiencia tamén considera probado que o acusado se apoiou na parede após acoitelar á vítima, e observouna durante uns minutos "impasible", mentres a muller arrastrábase tentando fuxir, pedindo auxilio e tratando de convencelo de que non o denunciaría se a axudaba.

Aínda que o home accedeu a trasladala ao hospital, a súa suposta disposición a axudala crebouse ao achegarse a Povisa, e abandonouna, no interior do coche, desangrándose, a uns 30 metros da entrada de Urxencias. A vítima logrou arrastrarse a duras penas até o acceso a Povisa, onde foi atendida das súas graves feridas.

Na sentenza condenatoria, o tribunal xustifica que Juan Carlos F. sexa condenado por unha tentativa de asasinato, e non de homicidio, posto que entende probada a existencia de aleivosía e o ánimo de matar (tanto pola arma utilizada, como pola zona vital atacada ou a intensidade da agresión).

DECLARACIÓN DA VÍTIMA

A iso súmase o testemuño do propio acusado, que chegou a recoñecer os feitos en xuízo, aínda que alegou non lembrar o detalle dos mesmos. Tamén resultaron determinantes as declaracións das diferentes testemuñas, entre eles, traballadores do hospital a quen a muller, gravemente ferida, puido dicir quen fora o seu agresor.

Na sentenza condenatoria, a Audiencia fai, así mesmo, mención expresa da declaración que a vítima fixo durante o xuízo. Segundo apreciou a sala, a muller relatou os feitos con "concreción e precisión, de maneira serena, sen esaxeracións, nin motivacións espúreas".

Por outra banda, aínda que o tribunal non apreciou ensañamento no ataque, sí aplicou as circunstancias agravantes de parentesco (Juan Carlos e Mónica mantiveron unha relación durante tres anos) e de disfrace (el tentou ocultarse, pero a vítima recoñeceuno polas zapatillas e pola voz).

Con respecto ás circunstancias atenuantes, na sentenza rexéitase que Juan Carlos F. actuase levado pola obcecación, obsérvase que mantiña as súas facultades volitivas e intelectivas, e tampouco aprecian a reparación do dano porque, aínda que levou á enfermeira até Povisa, abandonouna a decenas de metros da porta.

CONDENA

Como consecuencia do ataque, a muller resultou gravemente ferida e tivo que ser intervida cirúrxicamente en varias ocasións. Ademais da ferida do pescozo (que afectou á súa larinxe, lingua e carótida, entre outros órganos), tiña unha ferida por arma branca nun costado, e feridas defensivas nas mans.

A agresión deixoulle secuelas físicas (cicatrices, parálises, perda de sensibilidade, problemas de mobilidade, etc.) e psicolóxicas, polo que un xulgado do social determinou a súa incapacidade permanente absoluta para toda profesión ou oficio.

Por estes feitos, a Audiencia condenou a Juan Carlos F. a unha pena de 14 anos e 11 meses de cárcere, e prohíbelle achegarse á vítima por un período superior en 10 anos á pena de prisión. De feito, establece que deberá levar un sistema telemático de control cando se atope fóra de prisión.

Así mesmo, determina que debe indemnizar á vítima en máis de 384.000 euros, polos días de hospitalización, polas secuelas e a incapacidade, incluíndo un incremento do 20 por cento nesa responsabilidade pola "orixe doloso das lesións".

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta