Roberto Vilar, de presentador, a profesor de “clases maxistrais” de entretemento

O showman impartirá un curso para “presentadores” que organiza a Fundación Araguaney e Atresmedia, a empresa que o acaba de contratar para outro programa en Antena 3.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 11/04/2018 | Actualizada ás 09:57

Comparte esta noticia

Roberto Vilar, presentador e director deLand Rober Tunai Show na TVG e futuro presentador en Antena 3  de “La noche de Rober”,  vai agora camiño de converterse nun “magister”. O seu meteórico ascenso nos platós televisivos tamén o levan a tentar probar no campo da docencia, aínda que sexa a docencia de “entretemento”. E o certo é que Vilar vai ser profesor de “clases maxistrais” nun curso de presentadores de entretemento para televisión no Estudio 1000 de CTV impulsado pola súa futura empresa, Atresmedia, e a Fundación Araguaney.

Roberto Vilar en Land Rober
Roberto Vilar en Land Rober | Fonte: TVG

Vilar é o presentador mellor pagado da Televisión en Galicia e co salto á televisión española o seu caché será equiparable ao dos grandes presentadores estatais. Segundo fontes consultadas por GC, o ex compoñente dos Tonechos gañaría sobre 20.000 euros por programa na TVG. Ademais, tamén ingresaría polos espazos publicitarios que xestiona a empresa da que é administrador, Destino Bergen S.L., que á súa vez, tamén cobra pola representación dalgúns dos artistas que participan no seu programa. 

Non é a primeira vez que Vilar dá o salto a Madrid. En 2011 cando, despois dunhas intensas negociacións e dunha gran loita con Atresmedia, Mediaset fichaba a Roberto Vilar para presentar un concurso en Cuatro. Unha decisión que o levaría a romper coa TVG que deixaría de emitir Land Rober.

A SÚA ANTERIOR AVENTURA EN MADRID

A súa aventura en Cuatro durou ben pouco; mes e medio. O programa Salta a la vista non deu os resultados agardados en audiencia e foi cancelado da programación. Vilar, malia ter un contrato de dous anos con Mediaset España, non logrou coarse en ningún outro proxecto do grupo. Acostumado á televisión, pasou dous anos en dique seco televisivo, ata que en 2013 foi rescatado novamente pola TVG. Pero tivo que agardar ao 2015 para volver ao programa Land Rober que, desde entón, é o máis rendible da canle galega. 

Participantes no curso de presentadores de Atresmedia e a Fundación Araguaney
Participantes no curso de presentadores de Atresmedia e a Fundación Araguaney

Precisamente, a mala experiencia en Cuatro fixo que o presentador, desta volta, non marche da TVG. Así que compaxinará o seu programa en Antena 3, co seu espazo na galega, porque teme volver a quedar en “terra de ninguén”. 

O VILAR PROFESOR

Atresmedia, o grupo dono de Antena 3 e La Sexta,  para quen traballará Vilar en “La noche de Rober” está detrás do curso de presentadores que terá lugar en Santiago. Na súa nova faceta de “profesor”, Vilar falará de toda esta longa experiencia no mundo televisivo. De feito, este programa formativo abordará sete grandes formatos de entretemento. Desde o reality show (con Gran Irmán como exemplo máis significativo), pasando polos musicais e galas, ou os tradicionais concursos. 

O curso ten por obxecto “mellorar as habilidades de comunicación e presentación” en formatos de entretemento e aprender toda a estrutura e os procesos que hai detrás dun programa de entretemento. Estará impartido polo xornalista e docente de Atresmedia Formación Luís Fraga e a guionista e experta en formatos televisivos Nieves Álvarez. Está dirixido a xornalistas, comunicadores e persoas que se queiran dedicar á presentación de programas de entretemento en televisión, e terá “dúas clases maxistrais de nivel”, a cargo do presentador Roberto Vilar e do director da produtora CTV, Xosé Arias.

Ademais, a Fundación Araguaney e Atresmedia decidiron finalizar o curso cun casting real, onde se recrearán as condicións dunha proba de verdade, na que se elixirá ao alumno gañador. Trátase dun premio "honorífico", pero o gañador ten o valor de selo na primeira edición do curso.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Ran

Cando fará un Celga o home este?

1 Gamela

esto é o que dá de sí a telegaita... entreter á xente para que vaia pasando a vida sen rechistar...