Así bombardean as cadeas de televisión aos nenos con anuncios de bebidas e comidas pouco saudables

Investigadores galegos alertan da "presión publicitaria" á que se somete aos cativos. Case a metade da publicidade televisiva alimentaria en horario de protección infantil promove bebidas e comidas pouco aconsellables, sendo as bebidas azucradas o que máis se anuncia.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 03/04/2018 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

"Case a metade de anuncios que ven os nenos no «horario de protección reforzado infantil» promoven o consumo de alimentos con alta carga calórica, azucrados e pouco saudables". Esta é a alerta que lanzan investigadores galegos, nunha carta científica enviada a Anales de Pediatría, publicación da Asociación Española de Pediatría. 

Cativos ven na televisión un anuncio de hamburguesas.
Cativos ven na televisión un anuncio de hamburguesas.

Os expertos advrten que "dado que os menores tamén consomen contidos televisivos nas horas de comida e cea, e que estes horarios están sometidos a menor regulación publicitaria, é probable que a presión publicitaria global sobre alimentos sexa aínda maior".

Os autores realizaron un estudo piloto observacional co obxectivo de analizar a publicidade emitida na televisión no horario infantil reforzado, centrándose nas principais canles privadas: Telecinco, Cuatro, Antena 3 e La Sexta. Este horario é de luns a venres de 8:00 a 9:00 horas e de 17:00 a 20:00 horas, e os sábados e domingos de 9:00 a 12:00 horas. Os investigadores analizaron 797 minutos de emisión publicitaria en horario de protección reforzada infantil  e contabilizaron un total de 2.847 anuncios, dos cales 679 (23,8%) eran de contido alimentario, constatándose unha media de 9,5 anuncios alimentarios por hora de emisión.

Estes anuncios clasificáronse por categorías ou grupos con características nutricionais similares, configurados a partir dunha adaptación simplificada das categorías alimentarias recollidas polo modelo de perfil nutricional europeo elaborado pola Oranización Mundial da Saúde (OMS). Os grupos máis anunciados nas catro canles foron as bebidas e infusións (22,9%, sendo a maior parte deles líquidos azucrados), as lambetadassnacks e tortas (21,8%), e os lácteos (16,2%). As comidas precociñadas representan o 7,3%, mentres que carnes e pescados só aparecen no 4,2% dos anuncios de contido alimentario.

O estudo foi realizado por expertos do Servizo de Pediatría do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela (CHUS), da Facultade de Enfermaría da Universidad de Santiago de Compostela e do Grupo de Investigación CLINURSID desta mesma universidade.

En España, recordan estes autores, puxéronse en marcha nos últimos anos iniciativas para tentar contrarrestar esta situación, como o Plan HAVISA, que inclúe pequenas lendas nos anuncios para promover hábitos saudables, pero os expertos consideran que "ten pouco protagonismo dentro da emisión publicitaria".

Tamén destacan o Código PAOS, que ten como obxectivo a autorregulación dunha publicidade alimentaria responsable dirixida a menores de 12 anos, e a estratexia NAOS, unha iniciativa de prevención da obesidade, en vigor desde 2005.

"Ata o momento, ditas iniciativas mostráronse globalmente insuficientes", avisan os investigadores galegos, que consideran que é papel dos pediatras "alertar aos cidadáns e as institucións dos riscos que poden ter as mensaxes publicitarias centradas en alimentos que non contribúen a mellorar os hábitos nutricionais e que se emiten en horarios sensibles a través dun medio de gran influencia como a televisión".

OBESIDADE, UN PROBLEMA DE SAÚDE PÚBLICA EN GALICIA

"A nosa poboación infantil realiza unha vida cada vez máis sedentaria, con limitación do exercicio físico e un patrón de consumo de alimentos pouco saudables. Este último factor constitúe unha das claves da problemática da obesidade, na que a publicidade televisiva pode xogar un papel relevante, que debería ser analizado e controlado", sinalan os autores deste estudo.

A obesidade infantil representa un dos maiores problemas de saúde pública. En España, segundo os datos do estudo ALADINO realizado no ano 2015 a prevalencia de sobrepeso en nenos de 6 a 9 anos era do 23,2% e de obesidade do 18,1%. 

En Galicia, o 25% dos nenos e nenas entre 6 e 15 anos ten sobrepeso, mentres que o 8% padece obesidade, segundo os datos que manexa a Xunta. Unha situación que levou á Consellería de Sanidade a chamar ás administracións e profesionais da saúde a "tomar cartas" ante este problema de saúde e de alimentación. 

O problema tamén é especialmente grave entre a poboación adulta galega. De feito, Galicia é a segunda comunidade autónoma con maiores taxas de sobrepeso e obesidade entre a poboación adulta (un 24,9%), segundo o Estudio Nutricional de la Población Española (ENPE) publicado pola Revista Española de Cardioloxía. Por diante só se sitúa Asturias, cunha taxa do 25,7 por cento.

Un estudo do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur relaciona a baixa adherencia á dieta mediterránea cunha maior tendencia ao desenvolvemento de obesidade en Galicia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

e que vos parece a utilización da infancia para aumentar a audiencia ? non deberan os nenos estar protexidos polas leis ? Todo por la Pasta http://gamela00.blogspot.com.es/201...