Publícase o primeiro estudo sobre o impacto da febre Q en humanos en Galicia

O traballo, realizado por médicos do Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela e do Hospital Povisa de Vigo, demostra que a enfermidade, causada pola bacteria Coxiella burnetii, se manifesta de maneira distinta en Galicia.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 20/03/2018 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

Un grupo de investigadores vén de publicar o primeiro estudo realizado en Galicia sobre o impacto en humanos da coñecida como febre Q, unha infección transmitida por animais e causada pola bacteria Coxiella burnetii.

Bacteria Coxiella burnetii, causante da febre Q
Bacteria Coxiella burnetii, causante da febre Q | Fonte: NIAID.

"Este é o primeiro estudo que informa sobre unha serie de casos de febre Q en Galicia, unha área que ata agora non se considerou endémica", salientan os autores do estudo, dos servizos de Medicina Interna e Microbioloxía do Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela e do servizo de Medicina Interna do Hospital Povisa de Vigo.

Os resultados do traballo mostran que "a presenza de febre Q en Galicia é relevante, afecta á poboación anciá mesmo en ausencia de factores de risco, e está relacionada cunha mortalidade máis alta que a que indican os estudos previos", expoñen os investigadores, que aseguran que se trata da primeira achega científica sobre as características clínicas e epidemiolóxicas da serie de casos diagnosticados en Galicia.

A revisión sistemática á que someteron os casos detectados confirma, ademais, que a enfermidade, causada pola Coxiella burnetiise manifesta de maneira distinta en Galicia, onde a pneumonía é a forma máis frecuente (87% dos casos) —con dor de cabeza (100%), tose (77%) e febre (69%) como os síntomas máis frecuentes—, en comparación coas zonas centrais e meridionais da Península Ibérica, onde a febre illada e a hepatite son máis comúns.

O traballo tamén mostra que case o 32% dos casos de febre Q detectados en Galicia non se relacionaron con factores de risco tradicionais, e ao redor do 58% reside en áreas urbanas. Por último, a mortalidade global en Galicia foi do 0,9% e a porcentaxe de pacientes con formas crónicas de febre Q, do 2%.

Os científicos analizaron un total de 155 casos en Galicia afectados pola bacteria Coxiella burnetii entre xaneiro de 2011 e decembro de 2015.

"Debido á falta de datos dispoñibles, cremos que o presente traballo podería ser o punto de partida para mellorar o coñecemento desta enfermidade na nosa área", expoñen os autores.

Os resultados deste estudo publícanse na revista científica PLOS Neglected Tropical Diseases nun artigo titulado 'Q fever in Spain: Description of a new series, and systematic review'.

QUE É A FEBRE Q

A febre Q é unha zoonose (enfermidades que se transmiten de maneira natural entre os animais e o ser humano) frecuente en España que "constitúe un serio problema de saúde pública aquí e noutros países de Europa", como xa avanzou en 2014 Manuel L. Fernández Guerrero, doutor da División de Enfermedades Infecciosas do Departamento de Medicina da Fundación Jiménez Díaz (Universidad Autónoma de Madrid) nun editorial publicado en 2014 na revista Enfermedades Infecciosas y Microbiología Clínica. "Con todo", avisaba, "non é unha enfermidade de declaración obrigatoria, polo que non sabemos con exactitude a súa prevalencia nin a carga de morbilidade que determina". É precisamente por isto que o estudo realizado en Galicia e agora publicado é de gran relevancia. 

"Coxiella burnetii está amplamente distribuída na natureza. Os seus reservorios inclúen máis de 40 especies de carrachos e animais salvaxes, principalmente roedores e diversas especies de aves. Cans, gatos e especialmente o gando caprino, ovino e bovino son a fonte principal da infección en seres humanos", detalla Fernández Guerrero.

En 2007, a febre Q desatou en Holanda a maior zoonose do mundo transmitida por cabras, causando 74 mortes e afectando a máis de 4.000 persoas

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta