Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 26/03/2018 | Actualizada ás 14:11
A multimorbilidade é definida como a presenza de dúas ou máis enfermidades crónicas nun mesmo individuo. Agora, investigadores de Galicia e Portugal veñen de concluír que existe unha asociación positiva entre tempo de visualización de televisión e multimorbilidade. No mesmo estudo tamén relacionan negativamente a actividade física coa multimorbilidade e conclúen que "a asociación entre televisión e multimorbilidade se atenúa pola actividade física".
O estudo, que vén de ser publicado na revista científica Preventive Medicine, proporciona datos de 32.931 adultos de 18 países europeos. Os resultados mostran que "o tempo que se pasa vendo a televisión está relacionado coa multimorbilidade", conclúen os investigadores. Con todo, tamén observaron que a realización dunha actividade física "pode atenuar ou mesmo eliminar esta asociación", aportan os autores, do Centro Interdisciplinar de Estudo da Performance Humana da Faculdade de Motricidade Humana na Universidade de Lisboa, o Centro de Investigação em Saúde Pública da Escola Nacional de Saúde Pública, na Universidade Nova de Lisboa, e da Facultade de Ciencias do Deporte e a Educación Física da Universidade da Coruña.
Máis concretamente, e coa información autorreportada polos entrevistados sobre enfermidades crónicas, actividade física e tempo que dedican a ver televisión, constatouse que os homes e as mulleres que ven televisión aumentan as probabilidades de ter multimorbilidade, observáronse maiores probabilidades nos homes que están máis de 3 horas ao día ante o televisor e realizan algunha actividade física entre 2-3 días á semana e ningún día, e entre as mulleres que están máis de 3 horas ao día ante o televisor e realizan 30 minutos de actividade física un máximo de 2-3 días á semana. Porén, para os adultos que practican algunha actividade física cinco ou máis días á semana non se atopou ningunha relación entre ver a televisión e multimorbilidade.
"Observouse que a prevalencia da multimorbilidade era máis alta entre os participantes que pasaban máis tempo vendo televisión e tamén para aqueles que realizaban menos actividade física. Ademais, a actividade física relacionouse con menores probabilidades, mentres que o tempo dedicado a mirar televisión relacionouse con maiores probabilidades de multimorbilidade, tanto para homes como para mulleres, aínda que en homes isto só se verificou para aqueles que ven dúas ou máis horas de televisión", explican os autores do estudo, cuxos resultados "reforzan aínda máis o papel negativo do comportamento sedentario na saúde, particularmente ver a televisión", engaden.
Para os investigadores, o seu achado "reforza a evidencia de que ser fisicamente activo [dedicar cando menos 30 minutos de actividade física moderada ou vigorosa como mínimo 5 días á semana] non só é beneficioso para non ter unha enfermidade crónica múltiple, senón que tamén axuda a atenuar ou eliminar o efecto negativo de mirar televisión".
Investigacións previas informaron que en adultos a asociación entre mirar televisión con mortalidade e enfermidades crónicas é independente da actividade física e tamén se observou o impacto prexudicial do tempo que se ve a televisión sobre o risco metabólico en persoas. Pero os achados deste novo estudo "suxiren o contrario", apuntan os seus autores, que manteñen que a participación en actividades físicas atenúa ou mesmo elimina o efecto nocivo de ver a televisión en relación co risco de padecer múltiples enfermidades crónicas.
O estudo, titulado 'Regular physical activity eliminates the harmful association of television watching with multimorbidity. A cross-sectional study from the European Social Survey', está asinado por Adilson Marques, Diana A. Santos, Miguel Peralta, Luís B. Sardinha e Miguel González Valeiro.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.