Investigadores galegos e vascos reducen nun 80% a metástase hepática causada por cancro de colon

Científicos das universidades de Santiago de Compostela e do País Vasco conseguiron reducir o crecemento dos vasos sanguíneos en tumores metastásicos de cancro de colon mediante nanopartículas.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 12/03/2018 | Actualizada ás 14:17

Comparte esta noticia

Investigadores do Departamento de Farmacoloxía, Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e do grupo de investigación Signaling Lab da Facultade de Medicina e Farmacia da Universidade do País Vasco (UPV/EHU) conseguiron reducir nun 80 % a metástase hepática producida polo cancro de colon.

Simulación dun fígado que está desenvolvendo metástases
Simulación dun fígado que está desenvolvendo metástases | Fonte: USC.

Os científicos valéronse de nanopartículas para frear o crecemento dos vasos sanguíneos que chegan ás células tumorais e dese xeito reducir o aporte de osíxeno e alimentos a esas células, consiguindo así que o seu crecemento tamén sexa menor. Os resultados desta terapia experimental probada en ratos acaban de publicarse na revista International Journal of Cancer, informa a USC.

A metástase é o proceso polo que un tumor que crece nun órgano se desprende del e viaxa a outro e colonízao. Nese proceso, as células endoteliais crean novos vasos sanguíneos (anxioxénese) a través dos cales as cancerosas obteñen os alimentos e osíxeno necesarios para crecer. “A diferenza das células endoteliais normais, e como consecuencia dos sinais que lles chegan das células tumorais, as que abastecen aos tumores teñen un crecemento maior e tenden a moverse cara á masa metastásica para axudala a crecer”, comenta Iker Badiola, do grupo de investigación Signaling Lab.

Co fin de revelar que é o que provoca ese cambio nas células endoteliais iniciaron unha investigación con ratos, aos que lles provocaron unha metástase hepática utilizando células de cancro de colon, e a continuación extraeron as endoteliais. Posteriormente realizaron unha dobre comparación entre esas células endoteliais e outras sas: por unha parte, a nivel proteico, onde  viron que proteínas aparecían e cales non en cada tipo de células, e en que nivel o facían; e por outra en micro-RNA, que son pequenos elementos que participan na regulación de proteínas.

Mediante ferramentas bioinformáticas fixeron o cribado e selección das proteínas e os elementos micro-RNA relevantes, e no último paso desa selección quedamos cun micro-RNA concreto, o miR-20ª, un elemento que aparece nas células endoteliais sas pero que desaparece nas que están en contacto co tumor. "Vimos que como consecuencia da desaparición do miR-20a nas células endoteliais aparecía unha serie de proteínas, e era entón cando comezaban a cambiar o seu comportamento e empezaban a crecer e desprazarse”, aclara Badiola.

No desenvolvemento de calquera tratamento é preciso ter en conta que unha vez identificada a diana terapéutica e a molécula bioactiva a empregar hai que dirixila á súa diana de modo efectivo e seguro. Pero a superación con éxito deste paso é extremadamente difícil. Como sinala Alejandro Sánchez, da USC, “esa dificultade é a causa de que a día de hoxe carezamos de tratamentos para enfermidades cuxa orixe, desenvolvemento, dianas e posibles moléculas terapéuticas coñecemos”. É dicir, existe un gran desequilibrio entre o coñecemento sobre moitas enfermidades e o desenvolvemento de estratexias seguras e eficaces para abordar con éxito o seu tratamento.

Neste caso concreto, a estratexia de direccionamiento utilizada baseouse en adaptar unhas nanopartículas previamente patentadas pola USC e para as que xa se obtiveran probas de concepto sobre a súa utilidade terapéutica ao tratamento da metástase hepática producida polo cancro de colon. Estas nanopartículas elaboráronse a base de compoñentes amplamente empregados pola industria farmacéutica (ésteres de sorbitán), e a súa principal característica é unha relación entre estabilidade, versatilidade, seguridade, capacidade de direccionamento, facilidade de produción e custe moito máis favorable que a que presenta calquera outra nanotecnoloxía actualmente dispoñible. 

PATENTE SOLICITADA

“Aínda que as nanopartículas xa foron protexidas de forma xeral, no caso desta aplicación concreta procedeuse a solicitar a protección mediante patente para a combinación das nanopartículas adaptadas co miR-20a, un paso fundamental no camiño cara á súa potencial explotación industrial”, indica Susana Torrente, da Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento da USC

Seguidamente, os investigadores iniciaron os experimentos para demostrar se a inclusión do elemento miR-20a faría restablecer o comportamento das células endoteliais que abastecen os tumores. Para iso, sobre a base de nanotecnoloxía descrita obtivéronse unhas nanopartículas “deseñadas para ser dirixidas ás células endoteliais hepáticas e cargadas de miR-20a. Para coñecer o efecto subministrámosllas a ratos aos que previamente lles provocáramos a metástase, e a análise patolóxica revelou que nos casos tratados se formaran moitos menos vasos sanguíneos novos dentro dos tumores. Así mesmo, certificamos que o número e tamaño das masas de metástase se reduciran nun 80 %”, detalla Sánchez 

Badiola valora positivamente poder reducir o tamaño da metástase nesa proporción, pero ten claro que se algunha vez chega a ser empregado como tratamento, será “algo complementario. Non hai que ignorar que a metástase segue crecendo un 20% e, ademais, en ningún momento se destrúen as células tumorais”. Evidentemente, o equipo investigador non descarta que esa axuda complementaria “ poida ser obtida deseñando modificacións específicas das nanopartículas mencionadas”, como apunta Alejandro Sánchez. 

No traballo, o grupo de Iker Badiola realizou o estudo do comportamento das células e o de Alejandro Sánchez o deseño das nanopartículas, pero tamén contaron coa colaboración doutros centros como o instituto Biodonostia, a Universidade de Düsserdolf, a Universidade de Bordeaux e o servizo SGIKER da UPV/EHU.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta