Temas: CHANTADA

A Feira do Viño, o mellor reclamo turístico para Chantada

O concello máis madrugador da Ribeira Sacra na exaltación dos seus viños ten esta fin de semana o seu mellor escaparate. Na edición deste ano séguese apostando pola música de rúa, doce serán as adegas representadas no certame e a pregoeira será unha muller.

Por X.M. Fernández | Chantada | 10/03/2018 | Actualizada ás 11:34

Comparte esta noticia

A apertura oficial dos postos foi onte venres á noite, rematando a xornada co concerto do grupo A Roda, pero a fin de semana será o prato forte da feira que este ano cumpre trinta e seis edicións.

Recinto feiral. Foto Chery.
Recinto feiral. Foto Chery.

No recinto feiral haberá doce adegas da zona que ofrecerán os seus mellores caldos tendo este ano o listón moi alto dada a cualificación da colleita como excelente no panel de cata da D.O. Ribeira Sacra. Esta cata de cualificación celebrouse a finais de febreiro no Concello de Parado de Sil. O viño é un referente de Chantada e grazas a el e á súa ribeira son cada vez máis os visitantes que se achegan de fóra a coñecer a zona. A Feira do Viño é a escusa perfecta para esa escapada que permite coñecer algo máis o concello e por extensión a Ribeira Sacra. Manuel Diéguez, concelleiro de Cultura e un dos principais protagonistas na organización, está convencido de que este evento é un dos mellores reclamos para Chantada.

Unha das novidades deste ano, no que se apostou por reivindicar o papel das mulleres ribeirás, é tamén a elección dunha muller como pregoeira; será a segunda vez que se dá esta situación en toda a historia de celebración da feira. A escollida, María Cruz Díaz, é Decana do Colexio Oficial de Enxeñeiros Agrónomos de Centro e Canarias e foi do 2007 ao 2016 Presidenta da Asociación Mundial de Enxeñeiros Agrónomos. Un gran currículo para unha muller con raíces na provincia de Lugo de onde era o seu pai.

Durante esta fin de semana Chantada é unha festa. Música de rúa e música de orquestras que non pode faltar para amenizar as degustacións de viños no recinto feiral e tamén na súa contorna cos diferentes postos e a carpa onde terá lugar a X Feira de Oportunidades e a IX Mostra de Produtos e Artesanía. Repetindo experiencia do pasado habilitarase un espazo con ocioteca e obradoiros infantís de balde para nenos a partir de 3 anos na Casa da Música. O horario será de 12.00 a 14.00 h. e de 16.00 a 20.00 h. e a organización correrá a cargo de Velaísca.

A información ao detalle da programación pódese atopar na web do concello.

María Cruz Díaz, pregoeira. Fonte: Concello de Chantada
María Cruz Díaz, pregoeira. Fonte: Concello de Chantada

Temas: CHANTADA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta