Reivindican o papel das mulleres na viticultura heróica de Galicia

O Concello de Chantada programa un encontro de mulleres ribeirás o día 8 de marzo no Auditorio Municipal.

Por X.M. Fernández | Chantada | 05/03/2018 | Actualizada ás 17:00

Comparte esta noticia

Co gallo do Día Internacional da Muller, e como anticipo á 36 edición da Feira do Viño de Chantada, a Asociación Polamiúda organizará un espazo de encontro para dar visibilidade e recoñecer o traballo das mulleres que participan no proceso de elaboración, comercialización ou investigación do viño da Ribeira Sacra na zona de Chantada.

O alcalde, Manuel Varela, e o concelleiro de cultura, Manuel Diéguez co cartel anunciador. Fonte: Concello de Chantada.
O alcalde, Manuel Varela, e o concelleiro de cultura, Manuel Diéguez co cartel anunciador. Fonte: Concello de Chantada.

Nesta xuntanza está previsto que participen viticultoras, enólogas, adegueiras, sumilleres e mulleres de calquera outra disciplina ou oficio relacionados co viño. Realizarase unha mesa redonda coa representación de mulleres de diferentes ámbitos para poñer en valor e visibilizar a man da muller nun mundo que se relaciona case exclusivamente cos homes e non é así.

O acto terá lugar este xoves no Auditorio Municipal de Chantada, empeza ás 20.00 h. Ademais da mesa redonda referida, haberá unha degustación comentada de viños das viticultoras presentes e actuacións dos grupos musicais “Chorimas” e “Punkdereteiras”.

Outro detalle non menos importante de recoñecemento para as mulleres é o deseño do cartel desta edición, obra do artista lucense afincado en Chantada, Lomarti. A protagonista do mesmo é unha dona bebendo unha copa de viño.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta