Sober presenta a Feira do Viño de Amandi

O miradoiro de Cadeiras foi o espectacular escenario onde se presentaron o cartel anunciador, obra de Ana Santiso Vilar, as actividades do “Mes do Amandi” e o programa da Feira do Viño.

Por X.M. Fernández | Sober | 27/02/2018 | Actualizada ás 10:35

Comparte esta noticia

O alcalde, Luis Fernández Guitián, agradeceu en primeiro lugar a súa labor aos colleiteiros e colleiteiras de Amandi que traballan as viñas e elaboran nas súas adegas un produto único e excepcional que trunfa no mundo. E a continuación tamén tivo palabras de agradecemento para o traballo e bo facer do Consello Regulador da D.O. da Ribeira Sacra que fai cada ano todo o posible por poñer en valor estes caldos e apoiar aos viticultores e adegueiros para que se adapten aos novos tempos e ás demandas do mercado.

Presentación da Feira do Viño de Amandi no miradoiro de Cadeiras. Fonte: Concello de Sober
Presentación da Feira do Viño de Amandi no miradoiro de Cadeiras. Fonte: Concello de Sober

“Un orgullo como alcalde poder presumir un ano máis, e imos polo 38, do mellor viño do mundo, da mellor alfareiría do mundo, do mellor territorio do mundo e todo grazas a que ten como veciños a mellor xente do mundo, que se esforza para recibir durante todo o ano e de forma especial o sábado e domingo de Ramos a milleiros de visitantes”, engadiu.

A XXXVIII Feira do Viño de Amandi terá lugar os días 24 e 25 de marzo, o Concello homenaxeado será o da Pobra do Brollón e a pregoeira escollida este ano é a internacional gaiteira Cristina Pato que tamén dará un concerto o sábado 24 pola tarde no Auditorio do Centro Sociocultural. Este ano participarán unhas 23 as adegas da D.O. Ribeira Sacra de Sober e os actos do “Mes do Amandi”, previos á celebración da Feira, ocuparán boa parte de marzo. Ata o día 22 deste mes haberá diferentes actividades: un obradoiro para recoller documentación sobre as diferentes edicións da feira desde os seus inicios, a presentación dun libro de poesía, varias exposicións (sobre esgrafiados de Sober, carteis anunciadores presentados a concurso este ano e os debuxos do concurso infantil), actividades gastronómicas de maridaxe con viño de Amandi, xornadas técnicas sobre o viño para adegueiros e hostaleiros, concertos musicais organizados polas Xuventudes Musicais de Sober e sesións divulgativas para os máis novos relacionadas co coidado das viñas e a elaboración do viño.

Cartel anunciador

O Concello de Sober convocou un concurso ao que se presentaron 30 orixinais chegados de diferentes puntos do estado. O xurado estivo integrado por profesionais do deseño, pintura e artes gráficas que acordaron outorgar o primeiro premio ao traballo presentado por Ana Santiso Vilar e concedéronse accésit aos traballos presentados por Edith Nieves Sánchez e Clara Romero Aguado.

Luís Guitián acompañado de Raquel Arias e a autora do cartel. Fonte: Concello de Sober
Luís Guitián acompañado de Raquel Arias e a autora do cartel. Fonte: Concello de Sober

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta