En Marea fala de "contratación a dedo" e o BNG pide á Xunta "toda a documentación" do festival do Xacobeo

En Marea denunciou "falta de transparencia e democracia" e falou de "contratación a dedo" en relación co festival que anunciou este venres a Xunta, 'O Son do Camiño', sobre cuxo contrato de 2,9 millóns de euros o BNG reclamou "toda a documentación".

SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/02/2018 | Actualizada ás 16:07 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

En Marea denunciou "falta de transparencia e democracia" e falou de "contratación a dedo" en relación co festival que anunciou este venres a Xunta, 'O Son do Camiño', sobre cuxo contrato de 2,9 millóns de euros o BNG reclamou "toda a documentación".

Ambas as formacións reaccionan así este sábado, a través de senllos comunicados de prensa, a un feito polo que o PSdeG xa criticou o propio venres a concesión "a dedo" deses case 3 millóns, mentres que empresas musicais anunciaron que estudan accións ante as "fundadas sospeitas" dun contrato "preparado" para ter "aparencia de legalidade".

Por unha banda, o grupo parlamentario de En Marea reclama á Xunta "que abandone a liña de contratacións a dedo" e aposta por un modelo "descentralizado que apoie á cultura de base".

"Acábase de coñecer a publicación dun contrato privado de patrocinio publicitario entre a Axencia Turismo de Galicia e a UTE Old Navy Port Producións SL e Esmerarte Industrias Creativas SL para a promoción do evento Xacobeo 2021 a través da celebración do festival O Son do Camiño en Santiago de Compostela e cinco concertos nas principais cidades galegas en 2018", explica a deputada Luca Chao.

Chao denuncia "falta de transparencia, democracia e participación unha vez máis" e confronta ese contrato cos festivais galegos aos que o Goberno galego "apenas" achega 1 millón de euros.

Por iso, En Marea rexistrará no Parlamento de Galicia unha pregunta dirixida ao Goberno da Xunta para que dea explicacións por este contrato.

Pola súa banda, o Bloque recorre ao artigo 9 do regulamento do Parlamento para reclamar á Xunta o envío "inmediato" á Cámara de "toda a documentación" relativa ao contrato, ao entender que se fixo "con total falta de transparencia no proceso administrativo".

A portavoz parlamentaria de cultura dos nacionalistas, Olalla Rodil, pide "que se explique por que se asinou un contrato por valor de case 3 millóns de euros sen concorrencia competitiva nin publicidade, e cales son os compromisos que se derivan deste patrocinio en torno ao Xacobeo 2021".

En concreto, o BNG solicita a remisión dos pregos e de toda a documentación correspondente ao patrocinio asinado por Turismo, "para coñecer as condicións da adxudicación e a que obriga".

"Detectamos unha falta de transparencia clamorosa que é absolutamente inadmisible nunha administración pública, e lembramos que de acordo coa lei de contratos públicos a firma dun contrato por valor de 2,9 millóns ten que estar debidamente justificada", subliña Rodil.

Neste caso, engade, "o Goberno galego nin sequera publicou os pregos que rexen o contrato". Ao seu xuízo, "o PP volve aos peores anos da política cultural de Fraga". "Mentres dedica case 3 millóns a un macrofestival e seis concertos, apenas achega 300.000 euros en axudas para os festivais musicais de todo o país en 2018", conclúe.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta