En Marea advirte que Meirás "debe volver á cidadanía sen pagar un euro" e ve "unha trampa" no intento de venda

O grupo parlamentario insta á Xunta a "abandonar a pasividade e pasar á vía xudicial de inmediato" para "recuperar" o inmoble

SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/02/2018 | Actualizada ás 13:28 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

O portavoz de En Marea, Luís Villares, advertiu de que o Pazo de Meirás "debe volver ao conxunto da cidadanía sen pagar un euro", á vez que interpretou como "unha trampa" da familia Franco o intento de vendelo.

Luís Villares, portavoz de En Marea, en rolda de prensa 13 de marzo
Luís Villares, portavoz de En Marea, en rolda de prensa 13 de marzo | Fonte: Europa Press

"O Pazo de Meirás ten que volver ao sitio de onde nunca tivo que saír, que é o conxunto do ámbito público", aseverou, en declaracións aos xornalistas antes de participar na manifestación de funcionarios xudiciais este sábado en Santiago.

Para Villares, "é unha trampa da propia familia desfacerse agora do pazo", e opina que, "na medida en que foi expoliado dunha forma inxusta, por unha rapina en plena Guerra Civil, agora debe volver ao conxunto da cidadanía sen pagar un euro".

"Xa o gozaron gratuitamente durante bastante tempo e non teñen dereito a lucrarse como unha venda de algo que non era seu", engadiu o líder da formación rupturista.

"A TEORÍA DO GLOBO SONDA SALTOU POLO AIRE"

De forma paralela, o grupo parlamentario de En Marea --cuxo portavoz é o propio Villares--, a través dun comunicado de prensa, instou á Xunta a "abandonar a pasividade e pasar á vía xudicial de inmediato" para "recuperar" para o patrimonio público o Pazo de Meirás.

Na nota, o grupo considera que "a teoría do globo sonda da Xunta de Galicia saltou polo aire co anuncio da venda do Pazo de Meirás nunha inmobiliaria".

"Unha vez que queda esgotada esa teoría, o grupo parlamentario de En Marea considera urxente que o Goberno galego mova ficha dunha vez por todas", subliña o comunicado, con declaracións do viceportavoz, Antón Sánchez.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta