Galicia lembra a Rosalía con actos literarios, institucionais e ofrendas florais

Galicia conmemora o nacemento de Rosalía de Castro, a autora crave da literatura galega, imaxe do feminismo e a loita polos dereitos da muller, e orixe dun legado poético que se estende máis aló das fronteiras do Estado, con traducións en multitude de idiomas. Este mesmo sábado celebraranse diversos actos de homenaxe e de recordo á súa figura.

SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/02/2018 | Actualizada ás 20:24 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

Galicia conmemora o nacemento de Rosalía de Castro, a autora crave da literatura galega, imaxe do feminismo e a loita polos dereitos da muller, e orixe dun legado poético que se estende máis aló das fronteiras do Estado, con traducións en multitude de idiomas. Este mesmo sábado celebraranse diversos actos de homenaxe e de recordo á súa figura.

Rosalía
Rosalía | Fonte: Europa Press

A Fundación e Casa Museo Rosalía de Castro protagonizará unha ofrenda floral ante a estatua da poetisa da Alameda compostela. Posteriormente, celebrarase un acto institucional na capela do Hostal dos Reis Católicos, ao que acudirán diversas autoridades, como o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García.

Xa pola tarde, os actos trasladaranse a Padrón, ás instalacións da Casa Museo, onde se celebrará un concerto do 'Trío Rosalía', con piano, óboe e mezzo-soprano, e ofrecerase o 'Caldo de Gloria'. Trátase dunha iniciativa inspirada no poema 'Miña casiña, meu lar', e nesta ocasión estará preparado polo cociñeiro Pepe Solla.

Tamén en Santiago, a Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) organiza a súa propia homenaxe no Panteón de Galegos Ilustres, en Bonaval, que se abrirá coa actuación da Coral da Asociación cultural e musical Solfa e María Reimóndez fará lectura do manifesto da entidade con motivo da efeméride.

Ademais da tradicional ofrenda floral, realizarase unha lectura de poemas rosalianos por parte de figuras como Pilar Reino, Xerardo Rodríguez Roca, Chus Astray, Patricia Porto, Pilar García Rego, Laura Caveiro, Montse Dopico, Daniel Salgado, María Seijo, Suso Seixo ou Isabel Vilalba.

ROSALÍA POR GALICIA

Diferentes localidades acollerán diferentes lecturas públicas da obra de Rosalía, como A Coruña, Lugo, Vigo, Vilalba, e municipios por todo o territorio, mentres noutros como Arteixo celebraranse concursos poéticos, entre outras accións.

Os centros educativos tamén se sumaron ao recordo da figura capital da literatura galega, con murais conmemorativos, actividades ou envío de postais con versos da autora a diferentes lugares do planeta.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta